O entroido
A orixe da palabra Entroido deriva do latín “introitus” que significa entrada ou comezo da primavera. O Entroido é unha festa moi popular en Galiza. Aínda que tamén se celebra no resto de España e noutros países do mundo, na nosa comunidade ten unhas peculiaridades que lle dan unha personalidade propia. Destacan pola súa popularidade os peliqueiros de Laza, os cigarróns de Verín e as pantallas de Xinzo (na provincia de Ourense), e os xenerais do Ulla (onde a provincia da Coruña limita coa de Pontevedra).Mentres na cidade de Santiago se celebra un entroido moi semellante ao do resto das cidades galegas a base de desfiles, carrozas etc., as parroquias do rural intentan recuperar e perpetuar as tradicións. Isto é o que pasa na comarca do Ulla (concellos de Boqueixón, Teo, Vedra, A Estrada) cos chamados “encontros dos xenerais”. EXPOSICIÓN DE CARTEIS DE ENTROIDO
Como van vestidos? O entroido do Ulla destaca pola vistosidade do seu disfrace. Os xenerais montan a cabalo e visten un uniforme que recorda aos traxes militares da época napoleónica.As súas chaquetas e sombreiros van repletas de enfeites, charreteiras, bordados, flocos, bandas e medallas. Cal é a súa orixe? Non se sabe moi ben de onde procede este entroido pero diferentes estudos apuntan que a súa orixe está nas guerras contra os franceses na época napoleónica. Pero no que si coinciden tódolos antropólogos é que o entroido do Ulla pode deberse “á necesidade de autoafirmación dunhas parroquias fronte a outras”. |
|