Skip to main content

SEMANA DO MEDIO AMBIENTE - CADERNO DE NATURALISTAS #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

O respecto e coidado do medio ambiente comeza cando nos achegamos a coñecelo.

Presentamos os cadernos de naturalistas realizados polo alumnado de 5 anos nas súas

Aulas ao aire.

 

PAXARIÑOS PIADORES, CASIÑA DO MEU CONTENTO

 

(Preparando un día de clase nas aulas no aire)

 

Carmen: -Que levante a man o que algún día, paseando, escoitara o canto dos paxaros...

Alba: -Seguro que moitos levantaron a man. Verdade, Carmen?

Carmen: -Si, muller... se os puidese ver, seguro que había tantas mans levantadas como cando preguntamos quen quere falar na asamblea da escola... pero aí vai outra:

(poñemos o reclamo dun paporroibo)

Carmen: -Que levante a man o que seipa que paxariño está cantando

Alba: -Que levante a man o que sepa o nome do rei dos paxaros...

Carmen: -Esa non sei eu se a saberán...

Alba: -Seguro que moitos de vosoutros levantastes a man unha vez, dúas... ou se cadra tres, pero pequenos naturalistas, asegurámosvos que despois do día de hoxe, se abrides ben eses ollos tan atentos que tedes, e afinades con precisión o oído, porque xa sabedes que "o que non atende non aprende", se cadra, algún día paseando recoñeceredes o cantar dalgún paxariño.

 

Pois para empezar, imos contarvos unha fábula, que sabemos que vos gustan...

 

O Rei das Aves

 

Houbo unha vez, hai moito tempo, en que todos os paxaros do mundo se reuniron porque querían nomear un gobernante , e así, xuntáronse nunha asamblea para decidir quen de todos sería o Rei das Aves. 

- O Rei das Aves terá que ser aquel que poida voar máis alto, que para iso son os paxaros! -dixo unha águia (que xa se vía no máis alto do podium con coroa e todo).

E así foi como empezou unha gran competición por ver quen acadaba o posto máis alto. Os paxaros voaron, esforzáronse moito... batían as ás con todas as súas forzas para poder chegar moi arriba...

Así son as competicións...

Os voitres e as águias eran os primeiros, os mellores, ata que unha delas empezou a subir, un águia enorme, fermosísima... unha águia real! Chegou máis alto que ningunha outra.

Foi daquela cando ao verse gañadora, chamou polos demáis paxaros para anunciar que ela sería a raíña, pois estaba por enriba de todos eles...

Pero meus pequenos naturalistas... a águia sinteu que algo lle rebulía no medio das súas ás. Por entre aquelas plumas enormes foise asomando un paxariño, coma un chisco, coma un faragulliño de pan dos que quedan na mesa despois da merenda... e sen pensalo nin esforzarse, púxose na cabeza da rapiña, e berrou:

O rei son eu! O rei son eu!

 

E así foi como o tuí, o máis pequeno de todos os paxariños, se fixo o Rei das Aves e os Paxaros...

 

 

E agora, a actividade de hoxe. 

Seguro que tedes ben gardado o voso caderno de naturalistas. Veña...rapidamente a buscalo, que hoxe imos facer máis páxinas.

Aprenderemos os nomes de catro paxariños que podedes atopar en Cedeira, e algunhas cousas de cada un deles. Non tedes que escribir todo... cada un o que poida.

 

 

O PAPORRUBIO

 

 

O paporrubio, tamén chamado paporroibo, peizoque ou richinó, é un paxariño solitario e moi territorial, que non acepta a presenza doutros conxéneres, ata o punto de zouparse contra a súa propia imaxe se a ve nun espello ou nun vidro. Fundamentalmente insectívoro, libra aos nosos campos de moita bichería, razón pola que sempre se lle ve arredor das xentes que traballan nas terras. Residente durante todo o ano na nosa bisbarra, no inverno chegan grandes cantidades do norte de Europa.

 

O paporrubio ten un cantar moi especial. Aquí tedes o seu son:

 

 

"O peizoque Roque" é un conto de Dores Tembrás que ten como protagonista a este paxariño. "O peizoque Roque pescuda palabras polo bosque. Palabras que saben, que abrigan, que recenden. Verbas de luz e de música que alimentan a vida"

 

 

 

O MERLO

  

O merlo e a merla son ben diferentes. O merlo é negro e a merla é parda. Paxaros moi comúns e abondosos son coñecidos de todos polo seu melodioso e potente cantar á caída da tarde. Estes paxaros comen de todo: insectos, grans, froitos... e aínda que teñen o plumaxe negro, moitos deles teñen abondosas plumas brancas, chegando algún deles a ser completamente branco. De aí naceu o famoso dito: "Eres máis raro ca un  merlo branco".

 

"A merla de trapo", un conto de Antón Cortizas. Unha historia de fadas pero que non ten fadas. É a historia de Antonia, unha costureira que salva a un merlo de ferro dun estorbo no peteiro que lle impedía cantar. O merlo pouco a pouco entristece,e Antonia cose unha merla de trapo para que lle faga compaña...

 

 

 

 

O MARTÍN PESCADOR

 

 

Puidera ser o máis famoso paxariño da nosa contorna. As súas cores rechamantes, a súa voz metálica, e o seu voar en liña case a ras das augas, cautivan a atención de todo aquel que o ve por primeira vez. Gusta de pousarse nalgunha póla alta á beira dos ríos, dende a que asexa os peixiños  que nadan na auga, para zouparse rapidísimo e conseguir algo para comer.

O Martín pescador, tamén chamado Picapeixe na zona de Ourense é o paxaro que dá nome á asociación de pais e nais dos nenos e nenas da escola de Cedeira: a ANPA "Picapeixe".

 

 

 

A PÍLLARA DAS DUNAS

 

Paxariño emblemático dos nosos areais, agora mesmo en Galicia está en perigo crítico de desaparición. Por isto a píllara das dunas foi nomeada ave do ano 2019.

O seu niño, extremadamente discreto é moi difícil de percibir para os ollos humanos, pero non tanto para o olfato dos cans que pasean polas praias.

 

Sodes capaces de atopar o niño de píllaras nesta fotografía?

Para a súa protección e sobrevivencia existe un plan de protección oficial da Xunta de Galicia:

 

 

E despois de toda esta información, xa estades preparados e preparadas para facer as novas páxinas do noso caderno de naturalistas. Cada un pode apuntar a información que vexa máis interesante. Aquí van as nosas páxinas:

 

 

 

E para que os debuxos sexan máis fáciles de facer, deixámosvos os paxariños paso a paso:

 

 

 

 

 

 

A tomar nota, pequenos naturalistas!

 

As fotografías que acompañan esta entrada pertencen ao arquivo particular do mestre e naturalista Rafael López Loureiro

Nas súas palabras....

"Eu quedo no niño"

 

 

Mil gracias.

 

 

 

 

 

Podedes seguir aprendendo nas Aulas ao aire:

 

- Caderno de naturalistas "Eu quedo no niño"

 

 

- Animaliños que nos visitan... / Caderno de naturalistas "As vosas bolboretas"

 

- Bichiños

 

- Xente de auga e de terra / Caderno de naturalistas "Grandes exploradores"

 

 

 

 

 

 

 

https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/

@beCarlosLabrana 

biblio.nicolas.del.rio@gmail.com