Curso 2016-2017
PROXECTO XERMOLIÑO
Este curso Lara e Nerea, dúas alumnas de 6.º de Primaria, levamos a cabo coa profesora Rosana un proxecto de traballo de investigación sobre os hábitos de alimentación do alumnado de Primaria do noso colexio coa fin de facer, segundo os resultados que acadásemos, varias propostas para melloralos.
Para iso demos os seguintes pasos:
1º) Falamos e anotamos as nosas ideas previas sobre algúns hábitos de alimentación.
2º) Investigamos sobre os que serían considerados como bos hábitos para ter unha alimentación saudable e contrastamos esa información coa que nós as dúas pensabamos antes.
3º) Fixemos unha enquisa para recoller información sobre os hábitos de alimentación do alumnado de Primaria. Para iso, deseñamos e elaboramos un cuestionario con preguntas e respostas. A continuación, aplicamos o cuestionario aos alumnos/as, indo clase por clase, para dar a coñecer o que estabamos a facer co noso traballo, cal era a finalidade do cuestionario e explicarlles as normas de como cubrilo.
4º) Contamos todas as respostas dadas a cada pregunta e baleiramos os datos obtidos, representándoos en táboas e en gráficas de barras coa axuda da Folla de Cálculo Excel.
5º) A continuación, interpretamos e valoramos os resultados da enquisa e da nosa investigación a partir dos datos recollidos nas táboas e nas gráficas.
6º) Finalmente, elaboramos unha listaxe coas propostas que vos plantexamos para que nos alimentemos mellor e de xeito máis saudable. Agardamos que vos sexan de utilidade!
Podedes ver adxuntos algúns dos documentos de traballo que elaboramos e manexamos durante o noso proxecto de investigación.