Skip to Content

Saída escolar: Aeródromo de Rozas e Lugo

Este xoves o alumnado realizamos unha saída escolar a Castro de Rei e a Lugo para realizar, en horario lectivo habitual, dúas actividades enmarcadas en dous dos Plans Proxecta levados a cabo no centro este curso escolar.

Ao comezo da xornada visitamos en Castro de Rei o Aeródromo de Rozas, saída vinculada ao Plan Proxecta “Mobilidade Sostible e Segura”, co cal o noso alumnado está a observar con espírito crítico os espazos públicos en que se move e as medidas de seguridade a ter en conta en cada caso. Este ano centrámonos nun proxecto ao que chamamos “Por terra, mar e aire” e con esta saída pretendemos ofertar unha experiencia nova para o alumnado, no que poderá afondar máis sobre a aviación e os seus múltiples usos e actividades. Alí puidemos coñecer máis sobre as partes que compoñen distintos tipos de vehículos aéreos e o seu funcionamento. Máis de un e unha quixemos probar algún dos aparellos que vimos alí!

 

Por outra banda, asistimos a unha exposición fotográfica «Fotógrafos da natureza 2018”, na sede Afundación en Lugo, composta por 84 das mellores fotografías presentadas no concurso European Wildlife Photographer of the Year, referente na fotografía da natureza en Europa. Esta actividade está enmarcada no Plan Proxecta “Paisaxe e Sustentabilidade” co que pretendemos concienciar ao noso alumnado da necesidade de preservar o medio natural, desta volta, con un enfoque máis artístico e como actividade complementaria para unha gran parte do alumnado que está a traballar as paisaxes e os animais nas clases de Ciencias Naturais.

 

Alí fixemos un percorrido por todas as fotografías. Grazas aos coñecementos da guía e as actividades de búsqueda, investigación e interpretación fotográfica que nos propuxeron, coñecemos máis sobre o comportamento e ecosistemas de distintos animais, e a como o impacto do ser humano pode afectar a vida destes seres vivos e a paisaxe.

 

Por último realizamos un obradoiro centrado nos arácnidos, no que o alumnado, segundo as súas destrezas e niveis, personalizou a súa araña, desenvolvendo deste xeito a súa competencia artística, para levar un recordo desta grande xornada.

 



blog | by Dr. Radut