Skip to Content

Saída escolar: Teatro e Castro de Viladonga

O pasado día 29 de novembro realizamos todo o alumnado do centro unha saída cultural enmarcada en dous Plans Proxecta que desenvolve este centro.

Un deles é o plan "Nós tamén creamos!" onde o noso alumnado esta a traballar, entre outras, cuestións relacionadas coa alfabetización audiovisual, competencia cultural e artística, creatividade, linguaxe audiovisual, literatura infantil e linguaxe teatral, o cal está vinculado coa asistencia a obra de teatro “RAIO DE LOUBICAN, TEATRO DE TÍTERES MICROMINA” no Museo do Castro de Viladonga, en Castro de Rei (Lugo). Pasamolo moi ben coa historia e aventura do Loubican, e vimos unha maneira diferente de contar e ver historias.

 

 Por outra banda realizamos dúas actividades educativas enmarcadas no Plan proxecta “Paisaxe e Sustentabilidade”.

Por un lado unha visita guiada con obradoiro ao Castro De Viladonga. Alí convertémonos en arqueólogas e arqueólogos e fomos investigando polo museo, buscando pistas e diferentes obxectos atopados no castro, a lista era longa pero atopámolos todos. Averiguamos un pouco máis sobre a forma de vida naquela época e as ferramentas que empregaban, e o que máis nos impresionou foi ver os restos arquitéctonicos e a forma na que se organizaban, aproveitando a paisaxe que tiñan ao seu alcance.

Para rematar a xornada fixemos unha visita ao Pedregal de Irimia e Fonmiñá, nacemento do río Miño. Alí estivemos a observar e describir a paisaxe na que nos atopabamos, analizando os elementos naturais e transformados da paisaxe que viamos nese lugar, ademáis, logo de tantas actividades ao longo da mañá, pensamos que era un bo lugar para poder merendar relaxadamente, deixando todo limpo igual que cando o atopamos claro!

 

 

Ao chegar á aula, antes da hora de comer, adicamos unha sesión á viaxar ao longo do río Miño empregando as novas tecnoloxías e a pizarra dixital. Grazas a estes recursos e ao emprego de Google Earth puidemos ver como vai cambiando o caudal do río, coñecer moitos dos seus afluentes e as diferentes paisaxes que se poden observar ao longo deste percorrido, dende paisaxes de interior a paisaxes de costa.

 

Entre outras, con este tipo de actividades pretendemos pasar un día de lecer ao mesmo tempo que desenvolvemos as seguintes competencias clave:

- Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCT), a través da identificación dos puntos de interese paisaxístico en cada territorio, dos impactos e a súa repercusión na contorna.

- Aprender a aprender (CAA), implementando as metodoloxías activas e participativas empregadas para que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, co-responsabilidade na planificación, elaboración de argumentos e definición/resolución de propostas.

- Competencia dixital (CD), empregando as tecnoloxías da información e da comunicación, para identificar elementos, conflitos e impactos paisaxísticos na súa contorna. Comunicación lingüística (CCL), que se adquirirá a través da expresión oral e escrita da lectura e interpretación da paisaxe, da análise crítica da información recollida de de distintas fontes,dos impactos detectados e das propostas de mellora.

- Conciencia e expresións culturais (CCEC), a partir da observación directa poderá elaborar propostas creativas de intervención social e cultural (bosquexos, debuxos sinxelos, fotografías, relatos, paisaxes sonoras…) para “comprender que a paisaxe é o resultado dunha complexa interacción de factores naturais e humanos, que actúan nun sistema espacial diferenciado”.

 

 

 



blog | by Dr. Radut