Informativo do tempo: "Orballando novas"
Arrincamos un novo proxecto interdisciplinar que realizaremos nos niveis de 5º e 6º, un informativo semanal do tempo que decidimos bautizar co nome: "Orballando novas". Eliximos ese nome neste momento de seca histórica, para deste xeito, invitar á chuvia, a vir e quedarse uns días connosco.
Cada mércores, facendo coincidir co programa de "Prensa Escola" da Voz de Galicia, estudaremos en profundidade o tempo meteorolóxico pronosticado para a fin de semana. Deste xeito pensando no P.D.I. deste curso "Vivindo san no cole Frian" queremos axudar á Comunidade Educativa a que organicen a súa fin de semana saudablemente dependendo do tempo: un paseíño en bici, unha ruta polo monte, un baño na praia ou actividades a cuberto se o tempo non acompaña.
Con este traballo semanal aproveitaremos para colaborar co Proxecto MeteoEscolas que estreamos este curso; deste xeito uniremos distintos programas, plans, proxectos e departamentos que funcionan no noso colexio.
O traballo será de lectura das novas do tempo na prensa diaria, de búsqueda de información en meteogalicia.gal, de preparación de guións dos distintos programas, de traballo de fotografía para os distintos escenarios, de produción e realización do mesmo, etc. Para realizar todo este traballo contaremos co soporte técnico dos nosos ipads con distintas aplicacións e o noso interese. Empregaremos música e imaxes propias ou de dominio público.
Prestade moita atención e ata a vindeira semana!
Este programa podédelo seguir no Espazo Proxecta, na columna dereita desta páxina ou premendo no enlace.