Noticias sobre Ensino
Román Rodríguez destaca o Plan MEGA como “un paso de xigante cara a educación do futuro” no curso con máis iniciativas novas de personalización e apoio
Summary:
“Este é o curso máis ambicioso no que atinxe á batería de medidas de mellora do sistema educativo galego”, salienta
A iniciativa supón dotar aos centros de 400 docentes adicionais, que comezarán a chegar aos centros desde o primeiro día do curso
Baséase nunha análise exhaustiva do sistema educativo e busca consolidar o ensino galego como o máis inclusivo e equitativo
A Consellería asesorará aos centros para elaborar os proxectos de mellora que lles permitan avanzar nos seus resultados e porá á súa disposición unha guía específica
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia á comunidade escolar, unha iniciativa que destacou como “un paso de xigante cara a educación do futuro, cunha maior atención personalizada ao alumno, e vencellando a calidade propia do ensino coa igualdade de oportunidades”. Fíxoo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, que detallou algunhas das accións que se van desenvolver ao seu abeiro e os resultados da diagnose do sistema educativo nos que se basea a iniciativa.
O titular do departamento educativo da Xunta salientou o curso 2024/25 como o de “transformación e consolidación definitiva do sistema educativo galego”, o curso máis ambicioso da historia no que atinxe á batería de medidas para o reforzo, personalización e apoio ao ensino, en base ás necesidades particulares de cada alumno. Isto será posible grazas á dotación de 400 profesores adicionais nas aulas galegas, un reforzo que se comezará a notar xa desde o primeiro día de curso, tal e como explicou o conselleiro.
Os obxectivos deste plan, dotado con máis de 77M€ para os próximos catro cursos, son incrementar o nivel de competencias dos alumnos, personalizar o apoio educativo, mellorar a atención ás necesidades específicas, avanzar cara un ensino máis inclusivo e fortalecer a formación dos docentes.
En definitiva, o Plan MEGA nace para consolidar o sistema educativo galego como o máis inclusivo, líder en equidade e igualdade de oportunidades, tal e como indica o informe PISA. Ao mesmo tempo, traballarase no impulso do desenvolvemento do alumnado galego e os bos resultados académicos dos estudantes galegos.
“O vindeiro 11 de setembro comeza un curso chamado a marcar un antes e un despois no noso modelo educativo para responder aos retos actuais e queremos facelo da man de todos os axentes que o integran”, afirmou o conselleiro, recalcando que o Plan MEGA, sumado ao acordo histórico de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais, supoñen os motores para a maior modernización do sistema educativo dos últimos 30 anos.
Análise exhaustiva do sistemaO Plan MEGA estrutúrase arredor de seis programas distintos, que se porán en marcha ao longo do primeiro trimestre do curso escolar. Catro deles son iniciativas novas, en concreto o programa Promociona e os de reforzo da competencia lectora, reforzo da competencia matemática e apoio educativo para o alumnado estranxeiro. Outros dous son iniciativas xa existentes, pero reformuladas e actualizadas para dar resposta ás necesidades actuais. Trátase do programa PROA+ (Reforzo, orientación e apoio) e do de impulso de centros referentes.
Os seis programas están baseados nunha análise exhaustiva do sistema educativo. Neste sentido, o programa Promociona parte da decisión pioneira da Xunta de Galicia, ao abeiro do acordo histórico de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais, de ponderar o alumnado con necesidades educativas especiais por dous ou por tres en base aos informes médicos que acrediten o seu nivel de discapacidade, de dependencia ou de trastorno grave de conduta.
Co obxectivo de que o sistema educativo galego continúe a ser o máis inclusivo de España, e tras avaliar durante o verán as necesidades e o profesorado, vaise dotar aos centros que concentren este alumnado de profesorado adicional para atender as necesidades específicas de atención educativa. Estes docentes estarán xa nos centros o primeiro día de curso, o vindeiro 11 de setembro.
Diagnose de cada centroAdemais da devandita análise de matriculación e dotación docente, a Consellería conta xa cos resultados da avaliación de diagnose realizada o pasado mes de abril entre o alumnado de 4º de Primaria e 2º de ESO, coa participación de 19.061 alumnos de Primaria de 809 centros e 21.615 estudantes de ESO de 476 centros. En base aos resultados desta avaliación deseñáronse os programa PROA+ e de reforzo das competencias lectora e matemática.
O conselleiro anunciou que mañá se publicará a convocatoria do PROA+ reformulada e actualizada, dirixida aos centros con maior porcentaxe de alumnado vulnerable por cuestións socio-educativas, para reforzar a equidade e a igualdade de oportunidades. O obxectivo é que máis especialistas en Audición e Linguaxe e en Pedagoxía Terapéutica, cuxa presenza nos colexios se reforza a través deste programa, estean traballando nas aulas no mes de outubro.
Cada centro recibiu xa un informe individualizado sobre os resultados da avaliación de diagnose, que lle permite analizar as súas fortalezas e debilidades para así poder facer unha reflexión sobre as necesidades de reforzo. Para iso o informe establece seis niveis de desempeño competencial: que sabe facer o alumnado, con que solvencia, en que aspectos curriculares ten máis debilidades e cales están máis afianzados. Entre outra información, cada centro pode obter a puntuación media do alumnado de cada grupo, se o rendemento do alumnado do centro é mellor, inferior ou comparable co rendemento do alumnado doutros centros educativos de características similares ou a información sobre cada unha das competencias desagregadas por destrezas (por exemplo na competencia lingüística detállase a comprensión oral, a comprensión escrita e a expresión escrita).
A partir dese informe individualizado, os centros de Primaria e ESO deberán elaborar un plan de mellora para o que contarán co asesoramento e apoio da Consellería de Educación. Ademais, o departamento educativo da Xunta elaborará unha guía para o deseño dos plans de mellora, que porá a disposición dos centros.
Fortalecemento de áreas claveTamén conforme aos resultados da avaliación de diagnose, a Xunta decidiu impulsar o fortalecemento da competencia nas áreas clave, entre elas a comprensión lectora do alumnado galego, cun amplo abano de actividades que terán como eixe vertebrador a biblioteca escolar.
Partirase dunha auto-avaliación de cada centro e, entre outras medidas, proporase unha acción integral de formación docente para persoas coordinadoras dos plans de lectura dos centros e profesorado en xeral nas metodoloxías do proceso de lecto-escritura e estratexias para a aprendizaxe competencial da lectura, entendida como alfabetización múltiple, en diferentes soportes.
Ademais, buscarase establecer sinerxías con diferentes programas de innovación educativa e facilitaranse guías e recursos varios tanto para a elaboración dos plans de lectura como para a planificación e organización das distintas dinámicas de lectura e mediación lectora no contexto da aula. A maiores, promoverase a difusión das boas prácticas de centros referentes neste eido.
Pola súa banda, o programa de reforzo da competencia matemática ten como finalidade mellorar os resultados do alumnado nesta área, apoiando o proceso de aprendizaxe e adaptándoo ao xeito de aprender de cada un. Impulsarase a aprendizaxe competencial das matemáticas, identificaranse e difundiranse as boas prácticas ao respecto e poranse a disposición dos centros os recursos educativos axeitados para este fin.
Adiantarse a un novo retoGalicia é a segunda comunidade con menor porcentaxe de alumnado estranxeiro pero tamén aquela na que máis medran estes escolares. A Xunta de Galicia decidiu adiantarse a este novo reto co deseño dun programa específico galego de apoio educativo para o alumnado estranxeiro.
Ao seu redor organizaranse todas as intervencións educativas necesarias para o desenvolvemento académico persoal, cultural e social destes estudantes desde unha participación activa na vida escolar. O obxectivo é que o sistema educativo galego continúe a ser líder en igualdade de oportunidades e en tolerancia e respecto a outras culturas, como puxo de manifesto o informe PISA.
Cultivar o bo exemploO sexto programa, para o impulso de centros referentes, reformula e actualizada o plantexamento dos antigos contratos-programa e ten como finalidade promover as boas prácticas educativas, de tal xeito que os centros que desenvolvan iniciativas ao seu abeiro se convertan en exemplos en materia de inclusión, sostibilidade, benestar emocional ou convivencia, entre moitos outros aspectos, na comunidade educativa galega.
Esta iniciativa recolle a testemuña dos contratos-programa e dálle un novo enfoque, co obxectivo de impulsar o nacemento dunha rede de centros referentes que compartan os seus proxectos inspiradores co resto dos colexios e institutos.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta apoia o desenvolvemento da actividade investigadora do IGFAE con 3M€ ata 2027
Summary:
Con esta achega, a Consellería de Ciencia e Universidades facilita a estabilidade económica dos proxectos do centro, onde traballan actualmente 101 investigadores
O secretario xeral de Universidades e a directora da Axencia Galega de Innovación coñecen o traballo do centro de primeira man tras a súa renovación da acreditación de excelencia da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia
Tamén recibirá este xoves a acreditación María de Maeztu tras acadala o pasado 2023, sendo o único centro galego que logra esta distinción
Idioma GallegoO secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron hoxe o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) para coñecer os seus proxectos e saudar os seus investigadores tras renovar a acreditación de excelencia que concede a Xunta na Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia.
Deste xeito, a Xunta de Galicia apoiará o desenvolvemento da súa actividade con case 3M€ ata o ano 2027, favorecendo a estabilidade económica dos seus proxectos. Así mesmo, as obras de construción da nova sede do IGFAE, comezadas en 2021 e que contan cun investimento global de 4,8M€ a cargo do Goberno galego, permitirán que dea un novo salto cualitativo. Ademais, contará cun financiamento de case 200.000 euros para realizar medidas complementarias como o apoio ás actividades do 25º aniversario e o acondicionamento de laboratorios, mobilidade e ampliación do sistema de servidores para a nova sede.
Os representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, no marco das visitas conxuntas que están realizando aos centros de investigación e tecnolóxicos, coñeceron de primeira man o traballo do IGFAE, un centro de titularidade compartida entre a Xunta e a Universidade de Santiago. Este centro de excelencia, nado en 1999, converteuse nun centro de renome internacional na física de alta enerxía, astropartículas e nuclear cun forte impacto rexional.
Acreditacións de excelenciaTal é o seu prestixio que é o único centro galego que conseguiu a acreditación María de Maeztu, galardón que recibirá este xoves. Este logro, xunto coa acreditación de excelencia no 2019, dota ao IGFAE dunha perspectiva de estabilidade a longo prazo imprescindible para posta en marcha da súa ambiciosa estratexia.
Os datos avalan a súa traxectoria, con 101 investigadores e tres profesionais beneficiados das axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC). O Instituto da USC tamén contou con tres investigadores beneficiados das becas Marie Sklodowska-Curie Actions (MSCA) no período 2020-2023. Neses mesmos anos tamén logrou captar 14,4M€ de proxectos competitivos e lanzar 624 publicacións.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalRueda anuncia que a Xunta reforzará os centros con 400 docentes adicionais para mellorar o éxito escolar, a inclusión e o desenvolvemento integral do alumnado
Summary:
Enmárcase no novo Plan MEGA de mellora educativa para incrementar o nivel de competencias clave do alumnado e personalizar o apoio educativo
Salienta que está “dotado de 77M € para os vindeiros catro cursos” e que “beneficiará a 400 centros” ao ano
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e FP resalta que se traducirá en medidas específicas de apoio personalizado, atención á diversidade, reforzo das competencias lectora e matemática e para o alumnado estranxeiro
Susténtase sobre os obxectivos do acordo histórico asinado cos sindicatos e parte da análise de fortalezas e debilidades que se detectan nas avaliacións de diagnose
Tamén se promove o desenvolvemento de proxectos de referencia en áreas como a promoción da igualdade, a convivencia, o benestar emocional ou a sustentabilidade
Idioma GallegoO presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai “reforzar con 400 profesores adicionais os centros educativos galegos” a partir deste curso que comeza o vindeiro 11 de setembro. Será no marco do novo Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, a estratexia do Goberno galego aprobada hoxe no Consello da Xunta para incrementar o nivel das competencias clave do alumnado, personalizar o apoio educativo e a atención ás necesidades específicas e avanzar no modelo de ensino inclusivo que caracteriza a nosa Comunidade.
A través del promoverase non só o éxito escolar, senón tamén o desenvolvemento persoal do alumno nunha contorna educativa en que prime a convivencia, a valoración da diversidade e o benestar emocional.
O desenvolvemento deste plan implica unha modernización do ensino centrada en aumentar a eficiencia, a eficacia e a equidade para garantir o éxito escolar, fomentar a cultura inclusiva, potenciar a formación docente e simplificar os procedementos administrativos, e tal e como resaltou Rueda, susténtase en dous eixes: “o acordo histórico de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais e as avaliacións de diagnóstico realizadas o curso pasado”.
Por unha banda, o acordo inclúe medidas estruturais enfocadas a afrontar os retos presentes e futuros da educación en Galicia a través de accións como a redución progresiva da ratio de alumnos por aula, a mellora da atención á diversidade, o reforzo da carreira profesional docente ou a simplificación administrativa, entre outros.
Por outra banda, o desenvolvemento de avaliación de diagnose entre o alumnado de primaria e ESO son probas que posibilitan aos centros educativos a detección das súas debilidades e a identificación de áreas de mellora, facilitando deste xeito a toma de decisións, baseándose en datos concretos do seu alumnado e no seu contexto.
Tal e como explicou Rueda, o Plan MEGA “estará dotado de 77M € para os vindeiros catro anos” e “beneficiará a uns 400 centros educativos cada no”.
A iniciativa complétase con formación específica no ámbito da inclusión e innovación educativa, a través do Plan anual de formación do profesorado.
ObxectivosO obxectivo do Plan MEGA é potenciar un sistema educativo que permita a cada estudante acadar o seu máximo potencial a través do seu mellor integral, tanto académico como persoal e social. Ao tempo, estimúlase o contexto de equidade educativa, a redución do abandono escolar e fortalécense as competencias docentes.
Ademais, o plan permitirá que o alumnado galego avance na consecución dos obxectivos marcados polo Consello da Unión Europea, segundo os cales, para 2030, a porcentaxe de mozas e mozos de 15 anos cun baixo rendemento en comprensión lectora, matemáticas e ciencias debe ser inferior ao 15 %.
Nesta liña, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou que o Plan inclúe medidas para “avanzar nun aprendizaxe máis personalizado, reforzar as competencias clave e a atención a todo tipo de diversidade”.
Atención especializada para o éxitoO Plan MEGA estrutúrase arredor de seis programas distintos, en diferentes etapas desde infantil ata FP básica pasando por primaria e ESO para dar cumprimento a diferentes obxectivos: Promociona, PROA+ (reforzo, orientación e apoio), reforzo da competencia lectora, reforzo da competencia matemática, apoio educativo para o alumnado estranxeiro e impulso de centros referentes.
O programa Promociona centrarase en promover o apoio, a participación e a promoción do alumnado que presenta necesidades educativas especiais escolarizado en centros ordinarios, fortalecendo o modelo de inclusión educativa de Galicia e creando un contorno educativo máis accesible, equitativo e enriquecedor para todo o alumnado.
Diríxese aos escolares de infantil e primaria e leva consigo a realización dun proxecto educativo inclusivo en cada un dos centros que o desenvolva para a mellora da equidade e dos resultados educativos.
Os docentes de reforzo previstos para este programa xa estarán nas aulas ao inicio do curso, segundo explicou o conselleiro.
No caso do PROA+, centra a súa acción nos centros cunha porcentaxe significativa de alumnado con vulnerabilidade socioeducativa, aplicando medidas de reforzo, orientación e apoio con especial fincapé na atención das necesidades específicas de apoio educativo.
Os centros beneficiarios deste programa deberán asumir o compromiso de deseño, aplicación, seguimento e avaliación dun plan estratéxico de mellora, con accións para reforzar as competencias clave ou a aplicación de novas formas de organización e xestión do centro orientadas á mellorar o éxito educativo de todo o alumnado. Neste caso, o profesorado se incorporará no mes de outubro.
Reforzo das competencias lectora e matemáticaO programa de reforzo da comprensión lectora artellarase a través da posta á disposición dos centros de iniciativas de lectura no conxunto da comunidade educativa, así como dun amplo abano de actividades para o fomento da lectura, que redundará de forma efectiva na mellora da comprensión lectora dos estudantes
A biblioteca funcionará como motor deste programa, como o espazo mediador para o desenvolvemento de competencias comunicativas, informacionais e mediáticas, como requisito para a construción do pensamento crítico.
A través do programa de reforzo da competencia matemática adaptarase o proceso de ensinanzas ás necesidades e tipos de aprendizaxe diferentes de cada alumno, especialmente dos escolares de primaria, con atención específica a aquel que presenta un peor rendemento.
A maiores, estimularase a participación activa do alumnado en actividades educativas relacionadas con esta área do coñecemento.
Apoio ao alumnado estranxeiroOrientado a facilitar o labor de escolarización, acollida e benestar emocional do alumnado especialmente vulnerable polas súas condicións de procedencia, o Programa galego de apoio educativo para o alumnado estranxeiro organizará as intervencións educativas necesarias para o desenvolvemento persoal, cultural e social destes estudantes desde unha participación activa na vida escolar.
A través del proporcionarase apoio ao alumnado para asegurar a expresión e a comprensión lingüística efectiva e fortalecer as súas habilidades de lectura e escritura. Ademais, impulsarase o desenvolvemento de actividades que promovan o entendemento intercultural a través das bibliotecas escolares.
Impulso de centros referentesO exemplo das boas prácticas doutros centros inflúe de xeito positivo na comunidade educativa. Desde ese punto de vista, o Programa para o impulso de centros referentes impulsará que os centros desenvolvan proxectos educativos que os convertan en centros destacados dentro dos contextos da inclusión e a innovación educativa.
Os centros que participen no programa poderán facelo a través de proxectos que se centren na promoción da igualdade, da convivencia, da inclusión e do benestar emocional. Tamén con iniciativa para reforzar as competencias matemática e lectora, a internacionalización e as prácticas ambientalmente sustentables.
O conselleiro de Educación salientou a batería de medidas postas en marcha este curso que fan que o sistema educativo galego “viva a maior modernización dos últimos 30 anos”.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalLuz verde á licitación do novo colexio do Milladoiro, o primeiro que se construirá en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
Summary:
O Consello da Xunta aproba a construción deste novo centro, que dá resposta á necesidade de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico
O investimento total ascende a case 9,8M€, o que supón máis do dobre estimado inicialmente, dadas as melloras no proxecto e o incremento dos prezos
O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI
Idioma GallegoO Consello da Xunta deu hoxe luz verde á licitación da obra de construción do novo Colexio CEIP do Milladoiro, o primeiro centro construído integramente en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e un compromiso da Xunta de Galicia para dar resposta á necesidades de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico de Galicia. O investimento total ascende a case 9,8M€, o que supón máis do dobre estimado inicialmente (4,5M€) debido, fundamentalmente, ás calidades e melloras en espazos e do incremento dos prezos dos materiais.
Xa no ano 2011 se construíu un novo instituto no Milladoiro, cun investimento de 5,4M€, para dar resposta ao incremento poboacional e a Xunta ten realizado e continúa executando novas actuacións de mellora e ampliación para dar resposta ás necesidades de escolarización dun dos concellos de maior dinamismo demográfico de Galicia. De feito, no concello de Ames está en marcha a ampliación do Colexio CEIP Agro do Muíño, cun orzamento superior aos 3,4M€.
A actuación será contratada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (a través da Axencia Galega de Infraestruturas) e que se sufragará con fondos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, co cofinanciamento dos fondos europeos. Unha vez aprobado no Consello da Xunta, licitarase a obra. A previsión é poder iniciar as obras no primeiro semestre de 2025. O obxectivo é que o centro estea operativo no curso 2026/27.
Adaptado ao século XXIO colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI. Cunha superficie total construída de 4.886m² distribuída en dous andares, o colexio contará con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples.
A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.
De acordo co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o centro estará dotado dun foro multifuncional que servirá como espazo de aprendizaxe aberto. Situarase no espazo central do primeiro andar, entre as aulas de Primaria e as de desdobre, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.
Ademais, o novo colexio terá un espazo específico para Polo Creativo, no que o alumnado poderá traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipado cos materiais necesarios. No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de Infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta.
Totalmente accesibleA accesibilidade do edificio plantéxase desde un punto de vista universal e inclusivo, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias. Deste xeito, o proxecto propón itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos, en prol dunha orientación más sinxela, e espazos de comunicación ben iluminados con luz natural. Isto completarase coa colocación de sinaléctica de gran tamaño e cor facilmente visibles.
Ademais, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia del edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta apoia con 50.000 euros a actividade investigadora do gañador dunha axuda do Consello Europeo de Investigación
Summary:
O investigador Jorge de Torres, do Instituto de Ciencias do Patrimonio, desenvolverá un proxecto sobre estudos arqueolóxicos do período medieval no Corno de África
Esta iniciativa, enmarcada no programa Oportunius, busca reter e captar talento a través de investigadores excelentes para crear emprego de calidade e retornos
Desde o 2014 apoiouse a 25 beneficiarios das axudas do ERC cunha achega de 6,4M€
Idioma GallegoO Consello da Xunta aprobou hoxe un convenio de colaboración entre a Consellería de Ciencia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para destinar, a través do programa Oportunius, 50.000 euros ao fomento da actividade do investigador que resultou gañador dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC) do Horizon Europe, Jorge de Torres, do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT).
O investigador Jorge de Torres obtivo unha axuda do ERC na modalidade Starting Grant para desenvolver o seu proxecto StateHorn, cuxo obxectivo é desenvolver unha teoría para comprender os estados débiles ou falidos a partir de estudos arqueolóxicos do período medieval no Corno de África -Somalia e Etiopía-.
Ademais dos 50.000 euros que recibirá da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP a raíz da súa axuda ERC, este investigador tamén recibiu 200.000 euros en fondos complementarios do programa Oportunius a través dun primeiro convenio co CSIC (xuño 2020-2024), o que agora se amplía en 50.000 euros con este novo convenio en dúas anualidades (2024-2025).
O obxectivo desta iniciativa é reter e captar talento a través de investigadores excelentes para crear emprego de calidade e retornos en termos de coñecemento e competitividade científica e económica. Deste xeito, os fondos complementarios que se lle outorgan aos investigadores oriéntanse a reforzar os recursos humanos e materiais dos proxectos, como a contratación de persoal adicional, a compra de novo material ou a asistencia a congresos.
O programa OportuniusEsta iniciativa, enmarcada no programa Oportunius, favorece a xeración, retención, retorno e atracción a Galicia de investigadores de primeiro nivel internacional. Polo seu alto nivel de esixencia e competitividade, as axudas do ERC considéranse un baremo do nivel de excelencia científica das institucións e rexións que acollen aos seus gañadores.
Concretamente, os programas xestionados polo ERC apoian ao mellor persoal investigador de calquera nacionalidade que desexe realizar investigacións en calquera dos 27 estados membros da UE e os seus países asociados. A tal fin, o ERC conta con diferentes tipos de axudas: ERC Starting Grants, da que é beneficiario o investigador gañador da beca este ano; ERC Consolidator Grants, ERC Synergy Grant e ERC Advanced Grant.
Desde a posta en marcha do programa Oportunius no 2014, apoiouse a 25 investigadores gañadores das axudas do ERC cunha achega total de 6,4M€; concedéronse 18 contratos de persoal investigador distinguido a gañadores ERC; acolléronse 39 proxectos financiados polo ERC de 31 investigadores, con fondos por valor de 57,17M€; captáronse 30,1M€ en proxectos competitivos polos grupos de investigación liderados por gañadores ERC, e concedéronse apoios a 27 investigadores finalistas das axudas do ERC, dos que cinco acadaron posteriormente a axuda do ERC.
Apoio aos finalistas ERCAdemais, o Goberno galego tamén apoia o fomento da actividade dos investigadores finalistas das axudas do ERC no marco do programa Horizon Europe. Esta iniciativa busca impulsar a actividade dos investigadores que chegaron á fase final deste programa do ERC, pero non obtiveron apoio, para axudalos co fin de perfeccionar os seus proxectos e obter mellores resultados en vindeiras convocatorias.
Concretamente, a Xunta de Galicia acordou destinar este ano 300.000 euros a un convenio coas universidades públicas galegas e co CSIC para fomentar a actividade de seis investigadores. Os candidatos finalistas desta última convocatoria desenvolverán os seus traballos na USC (tres), na UDC (un), na UVigo (un) e na Misión Biolóxica de Galicia do CSIC (un), contando cada beneficiario cun total de 50.000 euros repartidos en dúas anualidades.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta estudará as necesidades das instalacións dos centros educativos de Carnota para acometer melloras
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá co alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, para valorar analizar as necesidades do concello en materia educativa. No encontro participou tamén o secretario xeral técnico, Manuel Vila.
Tras escoitar ao rexedor municipal e valorar a situacións dos centros, o conselleiro comprometeuse a encargar un estudo técnico das necesidades actuais dos colexios CEIP Plurilingüe de Carnota, e CEIP do Pindo e do Instituto IES Lamas de Castelo. Unha vez rematado o estudo, procederase a acometer melloras que aborden de xeito progresivo as necesidades das diferentes instalacións.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta aprobará o luns no Consello a licitación da obra de construción do novo colexio do Milladoiro por case 9,8M€
Summary:
A previsión é que as obras comecen no primeiro semestre de 2025, co obxectivo de que entre en funcionamento no curso 2026/27
O Goberno galego está a investir desde 2009 94M€ na construción de 19 novos centros educativos en toda Galicia
Co centro do Milladoiro e o novo IES de Navia sumarase unha inxección de case 24M€, froito do compromiso da Xunta coa creación de novas prazas onde son necesarias
O centro será o primeiro construído de xeito íntegro baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e será totalmente accesible
Idioma GallegoA Xunta aprobará este luns no Consello a licitación da obra de construción do novo colexio CEIP do Milladoiro, por case 9,8M€. Anunciouno esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita á parcela onde se edificará o centro, xunto co alcalde de Ames, Blas García. A previsión é poder iniciar as obras no primeiro semestre de 2025, co obxectivo de que o centro estea operativo no curso 2026/27.
O titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que o obxectivo desta actuación é dar resposta á necesidade de prazas de escolarización neste municipio, un dos de maior dinamismo demográfico. “Desde 2009 estamos a investir 94M€ na construción de 19 novos centros educativos en toda Galicia. Deste orzamento, 70M€ están xa executados, en actuacións como a construción do Instituto IES do Milladoiro, en 2011, por máis de 5,4M€”, destacou Román Rodríguez.
Os 24M€ restantes destínanse a este colexio no Milladoiro e á construción do novo instituto de Navia, IES Domingo Villar, “unha inxección económica que dá conta do compromiso da Xunta coa creación de novas prazas alí onde son necesarias”.
Ampliación de 43 centros
Neste sentido o conselleiro lembrou que, ademais, o Goberno galego está a ampliar 43 centros de ensino en toda Galicia, obras que contan cun orzamento de case 68M€ para atender as necesidades de matrícula e de formación do alumnado. Entre eles, a ampliación que se está a acometer xa no Colexio CEIP Agro do Muíño, tamén en Ames, cun orzamento superior aos 3,4M€.
Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
O colexio, o primeiro construído de xeito íntegro baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI. Cunha superficie total construída de 4.886 m² distribuída en dous andares, estará dotado de seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples.
A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.
De acordo co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o centro estará dotado dun foro multifuncional que servirá como espazo de aprendizaxe aberto. Situarase no espazo central do primeiro andar, entre as aulas de Primaria e as de desdobre, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.
Ademais, o novo colexio terá un espazo específico para Polo Creativo, no que o alumnado poderá traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipado cos materiais necesarios. No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de Infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta.
Totalmente accesible
A accesibilidade do edificio plantéxase desde un punto de vista universal e inclusivo, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias. Deste xeito, o proxecto propón itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos, en prol dunha orientación más sinxela, e espazos de comunicación ben iluminados con luz natural. Isto completarase coa colocación de sinaléctica de gran tamaño e cor facilmente visibles.
Ademais, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia del edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Galicia inicia este curso a maior modernización do sistema educativo galego dos últimos 30 anos
Summary:
“Nunca antes comezamos un curso escolar cunha batería de medidas e novidades tan amplas e de tanto calado como as que facemos agora”, afirma o conselleiro
O obxectivo é mellorar a atención ao alumnado, as condicións do profesorado e o funcionamento dos centros e adiantarse aos retos da sociedade cunha visión integral
Iníciase unha baixada do 20% no número de alumnos por aula desde 4º de Infantil, que se irá estendendo progresivamente ao resto de etapas educativas
Partindo dunha boa situación preexistente, empréndense melloras na atención ao alumnado con necesidades educativas especiais ou nos centros do rural
Cúmprense os avances da carreira profesional docente e un amplo abano de iniciativas como a redución de tarefas burocráticas para centrarse na aprendizaxe
O conselleiro explica: “É un cambio desde Galicia e para Galicia. Unha transformación sen precedentes logo das oportunidades perdidas nas leis educativas estatais”
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, avanzou hoxe que Galicia inicia este curso a maior modernización do sistema educativo galego dos últimos 30 anos. O representante da Xunta referiuse deste xeito aos cambios organizativos que se estrearán na volta ás aulas froito do histórico acordo asinado coas organizacións sindicais e que continuarán ampliando o seu alcance progresivamente ao longo dos vindeiros anos académicos.
Acompañado do seu equipo, Román Rodríguez detallou as liñas de traballo que o seu departamento está a iniciar coincidindo co comezo do segundo cuarto do século XXI, ao entender que novos tempos e novas realidades esixen novas respostas e recursos. “Nunca antes comezamos un curso escolar cunha batería de medidas e novidades tan amplas e de tanto calado como as que facemos agora”, afirmou o conselleiro.
“É un cambio que emprendemos desde Galicia e para Galicia. Unha transformación sen precedentes logo dalgunhas oportunidades perdidas nas novas leis educativas estatais”, reflexionou. Nese senso, propón que Galicia “sexa a avanzadilla de España”. Para iso, parte dunha boa situación, cunha educación por riba da media de España e da Unión Europea segundo os informes comparativos nacionais e internacionais. Logo de que o ensino sexa un dos aspectos que máis ten avanzado e contribuído ao progreso de Galicia nos últimos 25 anos, Román Rodríguez chama a “non conformarse nin acomodarse”.
Agradecemento aos empregados públicos na volta ás aulas
Román Rodríguez comezou a súa intervención cun agradecemento aos empregados públicos da Consellería, que veñen traballando ao longo de moitos meses, tamén durante o verán, para preparar o novo curso e que realizan con éxito procesos tan complexos como a celebración das oposicións con máis de 20.000 aspirantes.
A continuación, explicou que a pasada lexislatura “foi unha das máis complicadas que se recordan desde o punto de vista educativo, coa xestión da covid e a implementación atropelada da nova lei educativa estatal”. Esta situación impediu abordar “outros cambios no sistema educativo que consideramos necesarios” e que agora comezan.
Para facelo, a Xunta de Galicia conta “cunha folla de ruta planificada, con efectos inmediatos xa este mesmo curso, pero cunha visión a medio e longo prazo”. Na súa opinión, “a estabilidade é un dos ingredientes que mellor funcionan na educación”.
Retos demográficos, sociais, tecnolóxicos, laborais e arquitectónicos
Con esa estratexia quérese responder a novos retos demográficos, derivados da caída da natalidade ou da chegada de estudantes doutros lugares, que constitúen unha oportunidade para mellor o ensino; retos sociais ante unha sociedade máis aberta e plural, máis sensible a diversas realidades, onde a inclusión ocupa un lugar principal; retos tecnolóxicos, desde a dixitalización ao aproveitamento da intelixencia artificial; retos laborais, adecuando a oferta de FP ás necesidades do tecido produtivo e intensificando a relación entre centros e empresas, ou retos arquitectónicos, cun novo modelo de centros, con espazos para metodoloxías innovadoras de aprendizaxe e especial atención á mellora da eficiencia enerxética e a sustentabilidade.
Para iso, trázanse algunhas liñas mestras das que depende esta batería de medidas, como o acordo histórico asinado con tres das catro organizacións sindicais da Mesa Sectorial; as avaliacións de diagnóstico iniciadas este curso e que permitirán trazar estratexias de mellora; o Plan de Nova Arquitectura, cun investimento récord na renovación de centros, ou o novo Plan FPGal360 que, desde este curso, buscará reducir o abandono escolar e asegurar a maior cualificación posible da mocidade galega.
Acordo de longo alcance coas organizacións sindicais
Román Rodríguez detívose especialmente no acordo sindical e, novamente, agradeceu “a altura de miras, a visión, a responsabilidade e o compromiso” dos sindicatos que o impulsaron. “É un acordo sen precedentes que será recordado durante moito tempo. Aínda non somos quen de ver, na súa xusta medida, a transcendencia que vai ter no ensino galego nos próximos anos e nas próximas décadas”, declarou. A súa dimensión e os cambios organizativos de calado que inclúe fan necesario esta aplicación “progresiva e proporcional” que acaba de comezar neste 2024 con todas as medidas en marcha.
“O obxectivo -manifestou o conselleiro- é mellorar a atención ao alumnado, mellorar as condicións do profesorado e mellorar o funcionamento dos centros”. Sobre esta cuestión, apuntou que existen “pequenas discrepancias, lóxicas e normais” cos sindicatos na interpretación de dous puntos da quincena que compoñen o acordo, sobre a velocidade de implantación. Ante iso, o titular de Educación explicou que a Consellería decidiu atender as reclamacións e ir máis alá do inicialmente previsto para este curso.
Máis aulas e profesores con 4.000 alumnos menos
Román Rodríguez enumerou, a continuación, a batería de medidas que empezan a materializarse desde este curso. A primeira delas, “a redución do 20% do número de alumnos por aula” que comeza en 4º de Infantil, pasando dun máximo de 25 a 20, e que se ampliará ano a ano ao resto de etapas ata completar todo o sistema. Ao respecto, lembrou que a nova lei educativa estatal non modificou estas rateos, por iso Galicia decide facer o cambio a iniciativa propia, partindo unha boa situación, pois “xa eramos previamente unha das comunidades de España con mellores rateos medias”.
Esta mellora está a permitir que este novo curso vaiamos contar co mesmo número de aulas -en concreto, con dúas máis- nas etapas de Infantil e Primaria a pesares de ter 4.000 alumnos menos matriculados. Iso fai que se poidan manter abertas 204 aulas que, coas anteriores rateos, pecharían por falta de estudantes. A estimación é que, ao longo dos tres próximos cursos, esta cifra de aulas escale ata un total de 900 preservadas.
Ponderación da discapacidade pioneira en España
Román Rodríguez considera que a atención á diversidade é un dos ámbitos “onde máis ten avanzado o ensino galego en pouco tempo”, pero á vez recoñeceu que nunca será suficiente e hai “moito camiño por percorrer”. Aí encadra a nova medida que comeza a aplicarse xa, unha iniciativa pioneira en España, que non existe outras comunidades: a ponderación do alumnado con necesidades educativas especiais por dous ou por tres en base aos informes médicos que acrediten o seu nivel de discapacidade, de dependencia ou de trastorno grave de conduta. Aínda que inicialmente só se ía aplicar en 4º de Infantil, finalmente este cómputo empeza a realizarse nas etapas de Infantil e Primaria.
Isto suporá un reforzo do profesorado para que os centros poidan, en base á súa autonomía organizativa, decidir a mellor opción pedagóxica coa que empregar esta dotación extraordinaria: desdobres de grupo, tratando de evitar a ruptura de grupos preexistentes cando non sexa imprescindible; apoio dentro da aula, coeducación con dous profesores simultáneos en clase, subgrupos en materias instrumentais...
Menores agrupamentos e preservación de escolas
Outro dos eidos de mellora é o ensino rural, “un dos sinais de identidade da educación galega”, lembrou Román Rodríguez. Nese senso, asegurou que se trata dun “modelo de proximidade” que esperta interese máis alá de Galicia, de aí as visitas recorrentes de delegacións educativas doutros países e comunidades autónomas para coñecelo.
O conselleiro aludiu ao informe presentado o pasado ano e que conclúe que os alumnos do rural e do urbano obteñen os mesmos resultados académicos, para o que é necesario realizar un investimento moi superior en contornas rurais debido á dispersión xeográfica. “Isto garante a igualdade de oportunidades e fai que Galicia sexa a comunidade máis equitativa”, tal e como veñen afirmando os informes PISA nas últimas edicións.
Para continuar mellorando, recupérase un acordo de agrupamentos asinado en 2009 e no que a crise económica impediu avanzar. “Recuperámolo coa clara vontade política de levalo á práctica”, sinalou. De aí que se introduzan xa as dúas primeiras medidas. Por unha banda, non pechar centros rurais con cinco alumnos -aínda que o mínimo establecido para funcionar é de seis por razóns pedagóxicas e de socialización- naqueles casos nos que existen perspectivas de recuperar matrícula nos cursos seguintes.
Por outra banda, no referido aos agrupamentos, ata agora o número máximo de alumnos de distintos cursos de Infantil que compartían unha mesma aula no rural era de 18. A partir deste curso, grazas ao acordo asinado coas organizacións sindicais, será de 14. Tamén esta medida, avanzou, irase ampliando con melloras progresivamente.
Incremento de 14M€ na masa salarial
Finalmente, Román Rodríguez explicou as melloras na carreira profesional docente, “a peza clave do sistema e do éxito educativo”. De feito, desde o pasado 1 de xaneiro son efectivos varios incrementos salariais en base a complementos que recompensan a aquel profesorado que máis se forma ou que asume tarefas de responsabilidade como poden ser os equipos directivos, as titorías ou postos asimilables. Estes incrementos salariais, que serán progresivos durante tres anos, supoñen en 2024 un aumento da masa salarial de 14M€ e propicia que Galicia escale postos nas retribucións docentes.
Ademais, a petición dos sindicatos, redúcese o horario lectivo do profesorado de Infantil e Primaria, que traballará o mesmo número de horas, pero distribuídas doutro xeito, liberando horas de docencia para outras tarefas como preparar clases. Igualmente, estanse a deseñar, xunto ás organizacións sindicais e centros, medidas para reducir os labores burocráticos, de xeito que se poida reinvestir ese tempo en tarefas estritamente educativas. Ademais, establécense melloras para facilitar a conciliación, flexibilizando as reunións virtuais. Por último, duplícanse as axudas ao profesorado para gastos de formación, unha medida publicada precisamente onte no Diario Oficial de Galicia.
File:
Curso escolar 2024-2025 Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta fai oficial a conversión da escola de cantería de Galicia nun centro integrado de FP
Summary:
O DOG publica o decreto co que a Consellería de Educación impulsa o centro, que suma catro novas titulacións e a contratación de profesorado
O novo director do centro será David Alvariño, que foi director do Instituto IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra durante oito anos
Todos os novos ciclos ofertados vanse impartir, dado que contan xa con matriculados, e aínda hai prazas dispoñibles para potenciais interesados
Idioma GallegoA incorporación da Escola de Cantería de Galicia, en Poio, á Rede de Centros Integrados de FP xa é oficial. Así o notifica hoxe o Diario Oficial de Galicia coa publicación do decreto que regula a súa creación como centro especializado no sector da edificación, a construción e a cantería.
Esta inclusión enmárcase na aposta do Goberno galego por recuperar e potenciar o oficio de cantería, un dos máis antigos e representativos de Galicia. Neste sentido, refórzase a oferta formativa con catro novas titulacións para este curso 2024/25 que comeza, das cales dúas son ciclos duais e outra é unha titulación de alta especialización.
Trátase do ciclo básico en Reforma e Mantemento de Edificios, dos ciclos de FP dual en Construción e en Proxectos de Edificación e da titulación de alta especialización en Pedra Natural especializada en cantería, unha das 13 deste tipo que entran novas este curso en toda Galicia.
Todos os novos ciclos ofertados no Centro Integrado de FP de Cantería de Galicia vanse impartir, dado que contan xa con matriculados. Con todo, aínda hai prazas dispoñibles para potenciais interesados e a inscrición poderá formalizarse ao longo do mes de setembro.
Reforzo docente
O responsable de dirixir o centro nesta nova etapa conta cunha ampla experiencia na función directiva. Trátase de David Alvariño que foi, de feito, director do Instituto IES Frei Martín Sarmiento, de Pontevedra, durante oito anos.
No marco deste compromiso de reforzo do centro, a Xunta de Galicia tamén contratará máis profesores para impartir os ciclos e ofrecer unha boa formación a todo o seu alumnado. Este impulso, tanto de oferta formativa como de profesorado, está motivado pola crecente demanda das empresas de contar con persoas que dispoñan das competencias necesarias para empregar as últimas tecnoloxías e materiais, co obxecto de ofrecer solucións innovadoras no eido construtivo.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9