Skip to Content

Un neno@, un mestr@, un libro e un lapis poden cambiar o mundo.

Ola a todas e todos!

Que tal estades? Eu esta semaniña estiven dándolle voltas a todo o que fixemos no período de "Un neno/a, un mestre/a, un libro e un lapis poden cambiar o mundo" durante marzo e abril e gustaríame deixalo todo reflexado neste recuncho para non esquecernos destes dous meses tan marabillosos e cheos de aprendizaxe. Lembrades todas as actividades que tiveron lugar en Bibliocervo e na escola? Comezamos unha breve xira:

Sorriso 8M - Día Internacional da Muller. Para celebrar este día tan importante, o DO convidounos a coñecer, a través dun xogo de pistas, a algunhas mulleres deportistas coma Jennifer Pareja, Lidia Valentín ou Sandra Sánchez, entre outras moitas, que destacan por ser campioas na súa disciplina. A maiores, recibimos a visita de dúas rapazas, Sandra e Cilene, do equipo feminino de Pescados Rubén Burela F.S. que viñeron para amosarnos os segredos que agocha este deporte e todo o o esforzo e sacrificio que levaron a cabo para ser campioas. Tamén aproveitamos para facerlles unha pequena entrevista en Onda Puca Radio e para aprender a xutar o balón.

Sorriso Semana da Prensa (7/03-11/03). Para celebrar esta semana, a xornalista alfocense Bea Yáñez, que actualmente traballa no gabinete de comunicación da Deputación de Lugo, contounos, a través dunha videoxuntanza, a súa experiencia como xornalista e repondeu a todas as preguntas que lle formulamos. Outro ano máis, continuamos descubrindo curiosidades sobre este medio.

Sorriso Semana Branca (7/03-11/03). As nenas e nenos de 5ºEP e 6ºEP viviron unha experiencia inesquecible na estación de neve de Leitariegos. Durante 5 días aprenderon a esquiar, a convivir e a valorar pequenas cousas como ver as folerpas de neve caer. Foi marabilloso observar os progresos experimentados e visualizar as caras de felicidade de cada un/unha de vós.

  

Sorriso Día Internacional da Felicidade (20 de marzo). As nenas e nenos de 2ºEP conmemoraron este día, reflexionando sobre aquilo que lles fai feliz e analizando que a felicidade real só se acada cando o que un/unha pensa, di e fai está en armonía.

Sorriso Día da Árbore (21 de marzo). Este día, recibimos a visita dalgúns membros/as do Concello de Cervo para coñecer a importancia das árbores e do seu coidado e animáronnos a plantar, alimentar e coidar unha pequena árbore.

Sorriso Día da Poesía (21 de marzo). Os cursos máis altos do cole estiveron a traballar con este xénero literario a través dun "Puca quere saber...". Grazas a este recurso, descubrimos que hai moito talento oculto no cole e que a poesía pode axudarnos a verbalizar, dunha maneira diferente, os nosos sentimentos e emocións. 

Sorriso Día Internacional da Síndrome de Down (21 de marzo) e Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo (2 de abril). De novo o DO propuxo unha serie de actividades para concienciar sobre estas síndromes. Para iso, propuxérronnos o visionado de varias curtas e a realización de diferentes xogos a través dos cales puidemos poñernos na pel doutras/os nenas/os. Xa sabedes, todas/os iguais e todas/os diferentes.

Sorriso Día da Terra (22 de abril). Como podemos coidar e protexer o noso planeta? Todas as rapazas e rapaces do cole reflexionaron sobre que medidas podemos tomar ou que accións podemos levar a cabo para preservar o coidado e o mantemento da casa de todas/os, a terra. Se queredes visualizar ditas propostas, premede aquí.

Sorriso Día do Libro (23 de abril). Para conmemorar o Día do Libro, fixemos unha morea de actividades que podedes visualizar dunha maneira máis detallada nesta ligazón.

Sorriso Radio na Escola. Recibir a visita de Ponte nas Ondas sempre é unha boa nova, xa que descubrir máis a fondo o mundo da radio, mergullándonos nas súas técnicas e posibilidades, é fantástico e moi produtivo á hora de darlle forma aos programas en Onda Puca Radio. 

Sorriso Apadriñamentos Lectores. Esta é unha das actividades máis exitosas entre todas as nenas e nenos, xa que vos encanta xuntarvos con outros cursos e amorsarlles, con tanto amor e agarimo, o voso traballo (obras de teatro, lendas, contos, novas da prensa...).

Sorriso Videoxuntanzas. A pesares de volver pouco a pouco á normalidade, descubrimos que as videoxuntanzas ofrécennos a posibilidade de poñernos en contacto con persoas incribles como Pepe Maestro, o autor de "A Biomaestra" ou con Nadia Ghulam, que nos contou a súa experiencia sendo víctima dunha cruel e atroz guerra no seu país de orixe.

Sorriso Obradoiros. Ao longo destes dous meses tampouco faltaron os obradoiros e as charlas, destacando o de e-téxtiles con Paola Guimeráns, o dos libros alterados con María Rolle, o da radio con Ponte nas Ondas, o Plan Director coa Garda Civil, o de sexualidade con Susana... Xa vedes que no CEIP de Cervo non paramos de argallar e de aprender.

Sorriso Lectura e Familias. Nesta escola, as familias sempre sodes benvidas, así que ao longo destes meses tamén contamos con obradoiros propostos pola proxecto de "Lectura e Familias" a través dos cales puidemos reflecionar sobre a alimentación saudable con Lucas Requejo, sobre os perigos das novas tecnoloxías e dos videoxogos coa Garda Civil, sobre as posibilidades da electrónica nos téxtiles con Paola Guimeráns, sobre estratexias á hora de contar contos con Paula Carballeira ou sobre o mundo da locución con Ponte nas Ondas.

Que vos pareceu esta xira? Intensa, non si? A verdade é que encho de orgullo e pracer ao comprobar que o meu fogar é un lugar aberto, vivo, dinámico e cheo de almas con gana de aprender, de mellorar e de compartir. Grazas a todos os membros da Comunidade Educativa por facelo posible.

E continuamos... porque este dous meses denominados "A arte das letras" tamén están a ser moi emocionantes!!

Bicos e apertas a moreas!



blog | by Dr. Radut