Boas de novo a todas e todos!
Mañá conmemoramos un día moi importante, o 25N que é o DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER. En relación a esta data, a Axenda 2030 ten como obxectivo número 5 lograr a IGUALDADE DE XÉNERO e conseguir as seguintes metas:
- Fin da discriminación.
- Eliminar as formas de violencia.
- Eliminar o matrimonio infantil e a mutilación xenital feminina.
- Recoñecer o valor dos coidados e o traballo doméstico.
- Asegurar a igualdade de oportunidades en todos os niveis.
- Garantir o acceso universal á saúde sexual e reprodutiva.
- Lograr a igualdade de dereitos de acceso aos recursos económicos.
- Facilitar o uso da tecnoloxía para o empoderamento da muller.
A pesar das melloras que se van dando en moitos aspectos, aínda queda moito traballo por facer para que haxa unha igualdade real: os medios de comunicación están tinguidos, habitualmente, de novas pouco alentadoras que nos mostran a situación da muller ao largo e ancho do globo e que nos fan dar de cara contra a realidade.
Como mestras e mestres, temos na nosa man a oportunidade de educar para crear sementes violetas de igualdade que se vaian espallando e medrando, dende o cole de Cervo ata os demais recantos do mundo.
Para saber máis e poder investigar, déixovos varios recursos que vos poden ser útiles:
Recursos para traballar a Educación en Valores: Igualdade.
Tamén podedes ir ata o Punto Lector da escola, onde atoparedes moitos máis recursos como os da seguinte imaxe:
A maiores, quero aproveitar para darvos a noraboa polo traballo tan marabilloso que leváchedes a cabo ao longo destes días. Queredes ver o resultado? Aquí tedes o noso propio videoclip coa canción de "De festa" de Uxía Lambona e a Banda Molona.
Xa por último, darlle as grazas ás nenas e nenos de 6ºEP por poñerlle voz a moitas mulleres a través de cancións cunha importante mensaxe. Se queredes gozar con este agasallo tanto coma min, aquí poderedes visualizalo e comprobar que está feito con moito amor.
Bicos e apertas (con distancia) a moreas.