Skip to Content

Comezamos o curso 22/23!

Queridas nenas e nenos!

Comezamos un novo curso, o curso 2022-2023 e eu non podo estar máiz feliz! Que gana tiña de vervos, de escoitar os vosos contos de verán, de ver os corredores cheos de luz, mochilas e chaquetas, de escoitar brincos, risas e alegrías e de comezar o curso cheo de aprendizaxe e moita diversión. Queredes que vos conte as primeiras novas? Se queredes un adianto, premede no seguinte vídeo!

O primerio que me gustaría anunciar e a apertura da miña casiña. Bibliocervo está a piques de abrir as súas portas. A próxima semana, comezaremos coa formación de usuarias e usuarios para que descubrades todas as novidades e cada un dos recunchos deste fermoso lugar e partir do 12 de outubro a biblioteca estará aberta a todo o alumnado. Ademais, este curso volveremos a contar cos axudantes de Puca para que poñan a punto toda a biblioteca durante o tempo de lecer.

Outra das novidades que introducimos este ano é unha actividade chamada "O MOMENTAZO DE LER". Sabedes que quere dicir? O último martes de cada mes, na hora de lectura, todas as nenas e nenos estades convidadas e convidados a saír das vosas aulas para compartir un momento de lectura con outras compañeiras e compañeiros. Tamén sería marabilloso que o resto de persoas que traballan no cole se animaran a traer os seus libros e gozaran deste momento con nós. Vai ser moi especial ver todos os recunchos do CEIP de Cervo cheo de lectoras e lectores.

Xa por último, mencionar o nome do noso PDI (Proxecto Documental Integrado) deste curso, o "MUSEO DAS LETRAS". Como resolvíchedes o misterio das letras que apareceron nas caixiñas do correo das vosas aulas? Agora entendedes por que vou con esta roupa? Que nos deparará este curso cheo de... letras? 

Polo momento, nada máis que dicir, pequenas e pequenos. Simplemente animarvos a continuar cos descansos activos de cada día para non esquecer todo o aprendido ao longo do curso pasado! Lembrade, "MENS SANA IN CORPORE SANO".

Vémonos por Bibliocervo a próxima semana!

Bicos e apertas a moreas!

P.D. Familias do cole, estade atentas porque nos vindeiros días teredes novas que vos van interesar moito. 

 



blog | by Dr. Radut