Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
Actividades do centro
Exposición de cabazas e decoración de Samaín
Simulacro de incendio
Onte, xoves 20 de outubro, mentres estabamos en clase, soou a alarma de incendios da escola e rapidamente o alumnado soubo como había que actuar, xa que recentemente tivemos sesións de formación nas aulas para refrescar a memoria.
En cada aula hai responsables que se teñen que encargar de comprobar se a porta queima ou non. Se non está quente sabemos que podemos saír con tranquilidade da clase, posto que o lume non está do outro lado da porta.
Outro encargado ou encargada debe comprobar que as ventás da clase queden pechadas, para evitar que entre aire e avive o lume. Mentres, o resto do alumnado debe formar unha fila para saír do edificio do xeito máis ordenado posible. Hai que baixar en silencio para poder escoitar en caso de que alguén estea pedindo axuda.
Por último, o rapaz ou rapaza que sae de último debe coller a cadeira máis próxima á porta, pechar e colocar a cadeira no corredor diante da clase. Facemos isto para indicarlles aos servizos de emerxencias que esa aula está baleira e así non perden tempo buscando en todos os espazos do centro, en caso de que, ao facer o reconto total, xa fóra do colexio, falte alguén.
Baixamos polas escaleiras con orde e paso rápido e fomos ata o lugar designado para poder facer o reconto de alumnado.
Ao pouco, chegou o camión de bombeiros coas luces e a sirena acesas. Tiveron que acceder ao colexio por unha ventá usando a escaleira para sacar a dous alumnos que quedaran dentro. Os dous nenos foron recibidos con aplausos cando un bombeiro os trouxo co resto de compañeiros e compañeiras.
O alumnado actuou moi ben na evacuación, demostrando que están preparadas e preparados para actuar en caso dunha emerxencia real. Bravo, rapazas e rapaces!
Queremos agradecer tamén a colaboración dos Bombeiros de Ferrol, da Policía Local de Fene e de Proteción Civil de Fene, que se implicaron e colaboraron para organizar e levar a cabo este simulacro.
Inauguración do PDI: a maxia do xogo
Esta mañá tivemos unha sorpresa no cole: as mestras e mestres tiñan preparada a inauguración do PDI!
Cando chegamos as filas, puxéronnos unha pegatina dun cor que resultaron ser grupos de nenos e nenas mesturados por aulas. Así, fomos pasando polos distintos talleres: xogos populares, xogos predeportivos, xogos de mesa, xogos virtuais e xogos xigantes!
Aquí vos deixamos unhas fotos para que vexades:
ACTIVIDADES IGUALAT
Dentro do contrato programa CPInclúe, na actuación Iguala-T contamos entre os meses de abril e maio con varios obradoiros.
Por un lado o alumnado de 1º a 4º tiveron os obradoiros "xogando en igualdade" impartidos por Rexenerando; nos que realizaron unha análise do noso patio e opinaron sobre posibles cambios no mesmo, tamén falaron sobre espazos coeducativos.
Pola súa parte o alumnado de 5º e 6º fixeron a actividade "de bo rollo!" impartida polo centro de sexoloxía Con mucho gusto! na que lles falaron sobre sexualidade, diversidade e xestión saudable das relacións.
Os Maios
A semana pasada celebramos a festa dos Maios. Para isto, o alumnado colaborou traendo á escola flores, fiúncho, laranxas, limóns e ovos cos que confeccionar os dous maios, un de Educación Infantil e outro de Primaria.
Xa con todos os materiais preparados, alumnado e profesorado puxéronse mans á obra e traballaron sen descanso ao longo da mañá do xoves día 12 para crear uns preciosos maios cos que desfilar ao día seguinte ata a Praza do Concello de Fene.
Ao día seguinte, o venres día 13 de maio, toda a escola participou no desfile. Que guapas e guapos estabamos cos nosos sombreiros de palla adornados con flores e que bonitos quedaron os maios, pero como pesaban! Aínda que, colaborando entre todas e todos, e incluso con axudas das familias, puidemos levalos ata a Praza do Concello.
Durante todo o desfile e na praza estivemos moi ben acompañados polas familias do alumnado que por nada do mundo querían perderse esta celebración. E normal, porque alí, os nenos e nenas de Infantil bailaron a muiñeira Felisa vai en coche e fixérono de marabilla, vaia ritmo teñen estes pequerrechos e pequerrechas!
A continuación, o alumnado de Primaria bailou a Muiñeira de Lugo e tamén o fixeron xenial! Que bos bailadores e bailadoras temos en Centieiras!
Tamén fixemos unhas fotos todas xuntas e xuntos que quedaron ben chulas. Mirade, mirade:
E despois, volta ao cole cos maios ao lombo de novo. Estes nenos e nenas de Centieiras son uns forzudos!
Xa na escola, fixemos máis fotos lucindo sorrisos e posando cos maios e, finalmente, merendamos e xogamos no patio desfrutando dun marabilloso día de primavera.
Aquí tedes o vídeo da xornada:
Moitas grazas a todas e todos pola vosa colaboración e por participar con nós na festa dos Maios.
Xogando co atletismo
A pasada semana o alumnado de Educación primaria participou nunha actividade de deporte e saúde chamada Xogando co atletismo, organizada polo concello de Fene. Ao alumnado de 5º e 6º de primaria tocoulles ir o mércores día 27 de abril ao pavillón do CEIP O Ramo para desfrutar de distintas probas de atletismo con outros centros educativos da contorna. A continuación podedes ver algunhas fotos das rapazas e rapaces de 5º e 6º correndo, saltando e gozando co deporte.
AMBIENTE DE NATUREZA:Propostas semanais
Propostas semanais de educación infantil no ambiente de natureza. Conteo, trazo, sumas,crebacabezas, decenas, grapar 5 ou 10 unidades, ensartar, experimentos (vinagre, auga, arroz tiguido,...),policubos, tenda de bloques lóxicos,equilibrio de acrobacias,clasificación por tamaño, arranxos tecnolóxicos,maqueta do aparello respiratorio,etc...
AMBIENTE DE NATUREZA:COMETAS DE MAN
XOGO TRADICIONAL DO VENTO E AR:A realización de cometas de man multicor resultou moi atractiva para todo o alumnado de educación infantil, entendendo que a forza do ar e omovemento son as que fan voar as cometas .Desfrutaron dunha xornada con cometas no exterior correndo sen parar para observar o que acontecía.Deste xeito fixemos vixible o que é invisible ,porque o ar non se percibe , nin a brisa suave, tería que ser un forte vento para que nos decatásemos. Eso sí, nunca perdemos a didáctica das actividades polo que para chegar a súa elaboración tiveron que contar 3, 5 ou 10 tiras e rexistrar por escrito as cores que utilizaron.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- seguinte ›
- última »