Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Simulacro de incendio

Onte, xoves 20 de outubro, mentres estabamos en clase, soou a alarma de incendios da escola e rapidamente o alumnado soubo como había que actuar, xa que recentemente tivemos sesións de formación nas aulas para refrescar a memoria.

En cada aula hai responsables que se teñen que encargar de comprobar se a porta queima ou non. Se non está quente sabemos que podemos saír con tranquilidade da clase, posto que o lume non está do outro lado da porta.

Outro encargado ou encargada debe comprobar que as ventás da clase queden pechadas, para evitar que entre aire e avive o lume. Mentres, o resto do alumnado debe formar unha fila para saír do edificio do xeito máis ordenado posible. Hai que baixar en silencio para poder escoitar en caso de que alguén estea pedindo axuda.

Por último, o rapaz ou rapaza que sae de último debe coller a cadeira máis próxima á porta, pechar e colocar a cadeira no corredor diante da clase. Facemos isto para indicarlles aos servizos de emerxencias que esa aula está baleira e así non perden tempo buscando en todos os espazos do centro, en caso de que, ao facer o reconto total, xa fóra do colexio, falte alguén.

Baixamos polas escaleiras con orde e paso rápido e fomos ata o lugar designado para poder facer o reconto de alumnado.

Ao pouco, chegou o camión de bombeiros coas luces e a sirena acesas. Tiveron que acceder ao colexio por unha ventá usando a escaleira para sacar a dous alumnos que quedaran dentro. Os dous nenos foron recibidos con aplausos cando un bombeiro os trouxo co resto de compañeiros e compañeiras.

O alumnado actuou moi ben na evacuación, demostrando que están preparadas e preparados para actuar en caso dunha emerxencia real. Bravo, rapazas e rapaces!

Queremos agradecer tamén a colaboración dos Bombeiros de Ferrol, da Policía Local de Fene e de Proteción Civil de Fene, que se implicaron e colaboraron para organizar e levar a cabo este simulacro.