Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Educación primaria

CONTOS DE BOCA " A XENTE DA MIÑA ALDEA"

O pasado luns 16 de xaneiro veu visitarnos Modesto, o pai de Martín... Contounos un conto titulado "A xente da miña aldea"; na aldea, case todas as persoas levan pucha para cubrir a cabeza, pola contra, Pedro, un home entrado en anos non a leva, a súa cabeza está cuberta por un turbante indio. Iso supón un misterio que todos os rapaces e todas as rapazas están desexando resolver.  

Este conto levounos a descubrir que, ás veces, falamos das persoas pola súa apariencia... A rapazada da aldea comezou a indagar o por que Pedro levaba iso na cabeza e chegaron a descubrir que todo era debido a unha promesa que lle fixera a un amigo indio... Para descubrir en que consistía a promesa teredes que ler o libro.

Grazas Modesto por vir á nosa aula, gustounos moito o conto e desexamos que volvas outro día... AGARDÁMOSTE!!!

                                      

 

CONTOS DE BOCA "OS BOLECHAS QUEREN SABER COMO É UN PARQUE DE BOMBEIROS"

O luns 12 de decembro de 2022 visitounos Lorena, a mamá de Miguel, contounos o conto "Os Bolechas queren saber como é un parque de bombeiros"...foinos ensinando as diferentes partes das que consta este lugar e para soprendernos, trouxo parte da roupa que emprega un bombeiro para realizar a súa tarefa: chaqueta, gorro, luvas, casco, máscara...

Despois de contarnos o conto todos quixemos probar algunha desas prendas e por un momento sentímonos verdadeiros bombeiros... Gustounos moito tanto o conto como a sorpresa!!!

Lorena, agardamos que volvas outra día!!!

   

 

 

   

CONMEMORAMOS O DÍA DA DIVERSIDADE

A pasada semana conmemoramos no centro O Día Internacional das persoas con Diversidade. Como o fixemos? Pois partimos dun fermoso conto " O cazo de Lorenzo" que nos fai reflexionar sobre a diversidade. Lorenzo sempre leva consigo un cazo o que lle dificulta o seu día a día e por iso termina por esconderse dos demais, mais un día se atopa con alguén que ve ese cazo como unha fortaleza e consegue que volva a crer nel mesmo. 


A partir do conto falamos sobre cantas veces nos sentimos así e tamén sobre cales eran os nosos cazos, é dicir, as nosas dificultades, ademais, valoramos tamén os nosos puntos fortes. Foi un momento de compartir e de sinceridade. Todo o falado, plasmámolo nunha ficha.

A maiores desta actividade vimos varios videos de artistas con algunhas dificultades motoras e que pase a iso eran quenes de facer verdadeiras obras de arte cos seus pés. Quedamos verdaderamente abraiados e abraiadas. Logo disto, nos puxemos pés a obra, para ver que seríamos capaces de facer nós no seu lugar. Foi unha experiencia marabillosa!

 

 

 

XOGAMOS CUNHA AVOA

Hoxe, 7 de decembro de 2022, visitounos Susa, a avoa de Iria Maceiras. Veu contarnos e xogar con nós aos xogos que xogaba cando ela era pequena.

Ensinounos cancións para rifar, xogou con nós ao corro, a "serra, serra", a "pase Misí, pase Misá"....

Recordou como era o Nadal daquela: que a súa primeira boneca tiña a cara de cartón e que, cando se lle manchou quixo limpala, e frotou e frotou ata que a cara se desfixo... Tamén tivo "mariquitas" que eran bonecas recortables en papel con vestidos: había que recortalas e logo xogaban a vestilas...

Contounos que na súa casa había unha cociña de leña e que para facer máis brasas usaban carbón, e que os seus irmáns maiores, que eran moi pícaros, pedían aos reis magos para ela carbón (porque algunha trastada tiña feito) e así o carbón aproveitábase para a cociña (era carbón do de verdade).

O tempo pasounos moi depresa, cando nos demos de conta xa era hora de marchar para outra clase, pero convidámola para que viñera outra vez seguir contándonos cousas do seu tempo, démonos de conta do pouco que precisaban para xogar e do ben que o pasaban.

Volve pronto Susa, queremos seguir escoitándote!!!

                                     

                                                                                                           

MERENDA SAUDABLE

As nenas e nenos de 1º e de 2º logo de traballar ao longo de todo o trimestre sobre o corpo humano e os hábitos de vida saudable: hixiene, descanso, alimentación... non podíamos rematar sen poñer en práctica todo o aprendido. Como o fixemos? Pois elaborando unhas riquísimas brochetas de froita! 

 

 

 

GRUPOS INTERACTIVOS

Nestas últimas semanas traballamos arreo nos grupos interactivos. En "mates en familia" xogamos ao cinquillo das centenas, traballamos a orientación espacial co xogo de mesa Ubongo, repasamos o anterior e o posterior de números de tres cifras e tamén seguimos a afianzar o cálculo mental. En "mar de palabras" repasamos o adxectivo, os campos semánticos, a ortografía de palabras con "h" e traballamos a comprensión lectora a partir de diversos caderniños interactivos de diferente temática: receitas de cociña, vestimenta de piratas, tesouros... 

Logo dos talleres sempre facemos unha avaliación sobre o nivel de dificultade, sobre as preferencias dunhas propostas sobre outras... e a verdade é que as opinións son moi diversas, como a nosa aula! O único no que estamos todas e todos de acordo é que nos encanta ter as familias a aprender con elas.

O vindeiro trimestre máis e mellor! Grazas!

 

 

CONTOS DE BOCA "RAPUNZEL CON PIOLLOS"

O martes 22 de novembro de 2022 Laura, a mamá de Alicia, veu á nosa aula contarnos un conto.

Relatounos "Rapunzel con piollos", un conto descoñecido para todos nós e no que descubrimos que, por moito que Rapunzel estuvera protexida na súa torre de calquera perigo (de bruxas malvadas, de ogros, de lobos,,,), nunca esperaba ser atacada polas creaturas máis silenciosas: OS PIOLLOS!!!

Estes pequenos bechos multiplicábanse na súa longa melena, e non daban atopado o remedio para acabar con eles: nin a limpeza de Brancaneves e os seus ananiños, nin o raio conxelador da Raíña das Neves, nin o inxenio de Garbancito... Os piollos xa construíran unha cidade no seu cabelo e non pensaban marchar... Como conseguirán acabar con eles?

Sorprenderédesvos de quen logra acabar con eles... só o Frautista de Hamelin e quen de conseguir que abandonen a cabeza de Rapunzel!!! Estivemos todos moi atentos agardando o final do conto...

Grazas Laura por vir, agardamos que volvas outro día!!!

             

GRUPOS INTERACTIVOS

É unha verdadeira sorte contar coas familias na aula, compartir con elas momentos e aprendizaxes, ver como dinamizan as diferentes propostas e como os nenos e nenas desfrutan coa súa presenza. Estas semanas en “Mar de palabras”, onde traballamos sobre todo as áreas lingüísticas, estivemos a afianzar o proceso lectoescritor con actividades de conciencia léxica ou de ortografía, traballamos tamén sinónimos e antónimos, a orde alfabética ou o xénero e o número. En “mates en familia” traballamos os procesos psicolóxicos básicos de atención ou memoria a través de xogos de mesa, e tamén a numeración e o cálculo mental. Moitas grazas, familias!

Saída ao Centro de Interpretación de Caldoval

O pasado venres as nenas e nenos de 1º e de 2º de Educación Primaria tivemos unha saída ao Centro de Interpretación de Caldoval, en Mugardos. Este xacedemento é ata o de agora o único baño doméstico con palestra atopado no noroeste peninsular, alí puidemos observar uns restos romanos moi ben conservados e que no seu momento pertenceron seguramente a unha persoa da élite. 

Na visita, grazas a Ester descubrimos moitas cousas sobre a vida das e dos romanos: como funcionaban os baños, cal era o seu uso e as características de cada unha das estancias do circuito termal, as vestimentas que levaban os bañistas, que facían no seu tempo de ocio e os deportes que practicaban. O que máis nos chamou a atención foi que tamén xogaban a xogos de mesa ou como eles lle chamaban ludus calculorum, recibindo este nome polas pequenas pedriñas que utilizaban como fichas(calculos).

Logo convertémonos en artistas dos mosaicos e fixemos unhas creacións ben fermosas utilizando teselas de diferentes cores.

Foi unha visita moi emocionante e que nos axudou a comprender a historia e as pegadas do tempo. 

 

UNHA CLASE DE CIENCIAS DA NATUREZA MOI ESPECIAL!!!

Onte veu Mari, a mamá de Antía, a contarnos cousas moi interesantes sobre o noso corpo, que é o proxecto no que estamos a traballar en Ciencias da Natureza.
Mari é bióloga, e traballa no laboratorio dun hospital, así que convidámola para que, unha científica, nos resolvera algunhas dúbidas.
Gustounos todo, todo!! 
Mari sería unha mestra magnífica....
Adentrámonos no que é unha célula e o seu ADN, e descubrimos que Iria é o  ADN do noso cole, porque ela é a que organiza todo o funcionamiento.
Tamén descubrimos que a morte celular chámase "apoptosis", e que, se unha célula ten un desenvolvemento anormal e non morre, pode derivar en enfermidades coma tumores, cancro...
E sabedes cal é o óso máis curto e cal é o máis longo do noso corpo?? O máis longo é o fémur ( que está na perna ) e o máis curto é o estribo ( que está no oído). Este óso chámase así pola forma tan parecida que ten co estribo dos cabalos.
Ademáis Mari aprendeunos que as persoas temos un total de 206 ósos; deles 52 están nos pes e 54 más mans...
Ahhhh....e de seguro que imos andar ocupadas e ocupados buscando fotos das nosas familias de hai anos, pois contounos que o nariz e as orellas seguen medrando co paso do tempo!!! Así que imos comprobar se persoas da nosa familia teñen máis narizota ou orellóns. 
Podedes comprobalo vos mesmos, apetécevos??
Pois mans á obra!!
Grazas, Mari, por esa clase tan especial!!!
Esperamos con ilusión a vindeira clase que nos prometiches!!! 
( Mirade as fotos e adentrádevos na aventura científica)
 
                                                                                                                                                                  
Distribuir contido