Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Educación primaria

VISITA DUNHA FARMACÉUTICA

Hoxe, 9 de xuño de 2023, os nenos e as nenas de 3°EP recibimos a visita de Rosa, a mamá de Iria Maceiras que é farmacéutica.

Contounos unha morea de cousas, algunhas que xa sabiamos e outras que eran totalmente novas para nós.

Falounos do seu traballo na farmacia, de que cada luns preparan os pastilleiros nos que colocan a medicación que as persoas precisan tomar cada día e así non esquezan tomala, isto fanno todos os luns con todas aquelas persoas que o precisan. Explicounos onde debemos botar os medicamentos que están caducados para non contaminar: na entrada das farmacias hai un contedor branco no que depositalos, chámase "punto SIGRE".

Contounos cales eran os hábitos de vida saudable, que debemos comer e todo aquilo do que non debemos abusar, nin nós nin os maiores.

Despois púxonos un vídeo no que vimos cales eran os seis fototipos de pel, o por que debemos botar a protección solar tanto se hai sol coma se está nubrado, cal é o factor que debemos usar e de canto en canto tempo debemos botalo... Díxonos que a pel era o órgano máis grande do corpo e que tiña memoria!!! Iso deixounos un pouco desconcertados e desconcertadas, pois pensabamos que a memoria só estaba no noso cerebro.

Invitounos visitar a farmacia na que traballa e aceptamos de bo grao a invitación, é unha sorte poder ver de primeira man un establecemento sanitario coma este e coñecer como traballan nel!! Quedamos en ir cando comece o curso 2023/2024, ela está a agardar por nós!!!

Grazas Rosa por dedicarnos parte do teu tempo e vir ao cole contarnos tantas cousas... Agardamos poidas volver outro día!!!

                                                                                                                         

 

  

XORNADA DE XOGOS POPULARES NA CAPELA

O pasado 25 de abril, o alumnado de 1º a 4º EP, acudimos ao CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro, no concello da Capela. Alí, nós, o alumnado de 3º EP, desfrutamos, xunto co alumnado de 5º EP dese centro, ensináronnos unha morea de xogos tradicionais: os zancos, os aros, a ra... Foron uns auténticos anfitrións: estiveron moi pendentes de nós, coidaron de que non nos pasara nada, axudáronnos nalgún xogo para que non caeramos ao chan...Pasámolo moi ben!!!

Aprovietando que estabamos nese concello, tamén visitamos o museo etnográfico, onde descubrimos e aprendimos moitas cousas de como era a vida hai moitos anos: os oficios e os apeiros que usaban, como eran as casas por dentro, como cociñaban... Encantounos como nos foron explicando cada unha das dependencias do museo e ver o ben conservado e coidado que estaba. 

Foi un día diferente pero moi proveitoso!!!

         

 

       

 

CRÓNICAS DE CENTIEIRAS ABRIL

O xoves 27 de abril o alumnado de 3º EP, xunto co de 1º EP, acudiu a Radio Fene, gravar o programa "Crónicas de Centieiras" correspondente a este mes.

Deixámosvos o enlace para que o escoitedes, asi como algunhas fotos dos nenos e das nenas dentro do local de gravación, e agardando nas escaleiras a súa entrada para gravar.

http://173.255.131.18/audio/270423CRONICAS.mp3

              

 

       

 

CONTOS DE BOCA " O PAPÓN"

"O PAPÓN"

O pasado luns, 13 de febreiro, veu á aula de 3º EP Ignacio, o pai de Enzo, contarnos o conto "O Papón".
A avoa decide prepararlles ás súas tres netas unha sorpresa na bodega: pan con mel (esquecera que ese era precisamente o xantar preferido do papón). As netas, unha por unha, baixan polas escadas escuras, frías e misteriosas; empurran a porta e…  Se queredes saber como remata o conto invitámosvos a lelo, só vos dicimos que non podedes imaxinar o final, adiantámosvos que ás veces a forza non é imprescindible para solventar os problemas.
Grazas Ignacio pola visita, agardamos que poidas volvar outro día, gustounos moito o conto!!!

             

NAUTILUS

O xoves 16 de marzo de 2023  o alumnado de 3º e 4º de EP acudiu á sede da Afundación Abanca ver a obra de teatro "NAUTILUS".

O capitán Nemo aprecia o mar máis que a súa propia vida. Nemo vive a bordo do Nautilus, un submarino segredo que percorre os océanos de todo o mundo, lonxe de todo e de todos. Pero desde hai un tempo, o capitán observa que os bancos de coral estanse a converter en montañas de lixo, os peixes en bolsas de plástico, e as pradarías de posidonia en vertedoiros acuáticos. A vida mariña está en perigo e Nemo propúxose evitalo, pero non pode facelo el só. Por iso recluta ao profesor Aronax, a quen levará a unha viaxe de 20.000 leguas submariñas para amosarlle os segredos dese mundo fascinante ameazado pola contaminación humana.

Nautilus é unha versión da clásica novela de aventuras “20.000 leguas de viaxe submariño” cunha lectura actual, comprometida e ecoloxista. A historia que contaría Julio Verne hoxe en día.

                      

                     

O alumnado de terceiro ciclo asiste á obra What Monster!

O alumnado de 5º e 6º de primaria realizou unha saída para ver unha obra de teatro en inglés. Foi moi divertida e as nosas rapazas e rapaces demostraron as súas dotes como actrices e actores e o seu dominio da lingua inglesa. Look!

 

 

 

XOGAMOS ÁS CANICAS

O día 23 de febreiro veu á aula de 3º EP Ignacio, o papá de Enzo, ensinarnos como xogaban de pequenos coas canicas.

Trouxo canicas para todos, eran de diferentes tamaños e contounos o valor que ten cada canica dependendo do xogo.

Ensinounos dous dos xogos máis sinxelos: 

- un consistía en trazar un círculo no chan e meter dentro del canicas, nós, dende unha distancia, debiamos tirar a nosa canica e se caía dentro do círculo e dáballe a outra das que estaban, colliamos a nosa canica (se pola contra caía fóra colliamos a nosa canica e voltabamos a tirar) e a que lle déramos, gaña quen teña máis canicas.

- outro xogo consiste en facer un buraco no chan chamado "GUÁ" e lanzar a canica ata conseguir que entre no furado, hai que lanzar a canica dende o lugar no que queda en cada quenda.

Desfrutamos moitísimo!!! Ignacio regalounos unha canica a cada un de nós...agardamos que volva de visita e nos ensine outros xogos.

Grazas Ignacio por vis canda nós e ensinarnos os teus xogos de nenos.

            

                                                  

CONTOS DE BOCA "A BURRA RAMONA"

O pasado luns 13 de febreiro, veu de novo á nosa aula Susa, a avoa de Iria Maceiras, pero desta volta veu contarnos un conto titulado "A burra Ramona" de Paula Carballeira: a burra Ramona, un bo día, deixa de traballar e decide que quere voar; a súa decisión vai influír nunha chea de personaxes que, colaborando con ela, van conseguir realizar os seus soños aprazados e mesmo desouvir os mandados do exército e do rei.

Acompañáronnos nesta ocasión os nosos compañeiros e as nosas compañeiras de 4º EP pois Susa tamén é avoa de Nico.

Para facer máis amena a lectura do conto, Susa pediu axuda ao alumnado asi que, os nenos e as nenas das dúas aulas botámoslle unha man!!!

Gustounos moito o conto, agardamos que Susa poida voltar de novo á nosa aula pois encántanos todo o que nos conta e todos os xogos que nos ensina... Susa volve cando queiras!!! Agardámoste!!!

                   

                  

XOGOS DE MANS CON GOMAS ELÁSTICAS E LABIRINTO CON PELOTA

Hoxe, 23 de xaneiro, veu visitarnos Laura, nai de Alicia, a amosarnos xogos con gomas elásticas para xogar de xeito individual ou por parellas, botoulle unha man Alicia, que é unha experta neste xogo. Algún e algunha de nós coñeciamos este xogo e conseguimos facer varias figuras, pola contra, ao resto custounos un pouco descubrir os trucos para pasar de figura porque de cando en vez a goma caía das nosas mans, faltábanos algo de paciencia e tiñamos que empezar de novo.

Tamén nos trouxo un labirinto feito en cartón cunha pelota e un burato no medio, consistía en que entre todo o equipo tiñamos que ir movendo a base do labirinto para ir guiando a pelota a facela chegar ao centro, non podiamos tocar a pelota coas mans en ningún momento nin tampouco sacudir o labirinto.

Por último amosounos como facer un boneco cun vaso de papel, unha luva e unha palla das que usamos para beber... 

Pasámolo xenial!!! Grazas Laura por volver á nosa aula, queremos que volvas outro día se nalgún mes non temos ningunha familia que poida vir xogar con nós... AGRADÁMOSTE!!!

              

 

                               

PROTECTORA DE ANIMAIS "COMETA"

En terceiro e cuarto de primaria neste segundo trimestre, na área de ciencias da natureza, estamos a  traballar o tema dos animais; hoxe, como introducción ao tema recibimos a visita de Nuria e Sofía, dúas voluntarias da protectora de animais "Cometa" que viñeron contarnos como debemos coidar ás nosas mascotas.

Case todos temos na casa algún can ou gato aos que coidamos con moito agarimo, nalgúns casos témolos soltos pola finca, noutros están en pisos e noutros están atados a unha cadea e viven nunha caseta fóra. Estas voluntarias déronnos pautas do que debemos facer e non facer cooas nosas mascotas: faláronnos de que igual ca nós, eles deben ter unha boa saúde emocional, psíquica e nutricional... Contáronnos en que consistía cada un destes apartados e déronnos pistas de como facer se un can se achega a nós e intenta "trepar" polo noso corpo.

Elas saben que, como nenos e nenas que somos, gústanos moito "achuchalos" e collelos no colo, pero dixéronnos que non debemos facelo se non queren; tamén que debemos deixalos tranquilos mentres comen... e moitísimas cousas máis para que os nosos cans e os nosos gatos teñan unha boa vida.

Faláronnos da importancia da adopción de cans e gatos, nestes momentos na súa protectora teñen moitos animais  que ninguén quere pola idade que teñen, algúns son xa moi maiores, e que todos os que van adoptar prefiren cachorros e non se dan de conta de que, un can ou un gato dunha idade xa maior é moito mellor de coidar ca un pequerrecho.

Estivemos todos moi atentos e fixémoslles moitísimas preguntas que elas contestaron con moito cariño... Gustounos moito esta visita pois descubrimos cousas que non sabiamos.

Para rematar entregámoslles un pequeno agasallo: unha bolsa co logo do noso cole e unha libreta coa imaxe gañadora do PDI deste ano: Nuria díxonos que xa a ían estrenar para anotar as datas das desparasitacións dos animais da súa protectora.

Agradeceron que estiveramos todos e todas tan atentos.... Moitas grazas Nuria e Sofía por ter viso ao noso cole!!!

                                

                                                     

Distribuir contido