Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
3º Educación primaria
RECANTO DOS ANIVERSARIOS
O venres 29 de setembro de 2023 inauguramos o recanto dos aniversarios ao que iremos cada vez que un compañeiro ou compañeira celebren o seu aniversario: cantaremos, festexaremos e repartiremos os agasaios que traian para compartir co resto do alumnado da aula. Para comezar ben celebramos os aniversarios dos nenos e nenas que cumpriron anos no verán: Sara, Paula, Víctor, Sofía e Thais.
Gústavos? A eles e elas encantoulles a iniciativa... Están agardando a que cheguen os seguintes aniversarios!!!
VISITA DUNHA FARMACÉUTICA
Hoxe, 9 de xuño de 2023, os nenos e as nenas de 3°EP recibimos a visita de Rosa, a mamá de Iria Maceiras que é farmacéutica.
Contounos unha morea de cousas, algunhas que xa sabiamos e outras que eran totalmente novas para nós.
Falounos do seu traballo na farmacia, de que cada luns preparan os pastilleiros nos que colocan a medicación que as persoas precisan tomar cada día e así non esquezan tomala, isto fanno todos os luns con todas aquelas persoas que o precisan. Explicounos onde debemos botar os medicamentos que están caducados para non contaminar: na entrada das farmacias hai un contedor branco no que depositalos, chámase "punto SIGRE".
Contounos cales eran os hábitos de vida saudable, que debemos comer e todo aquilo do que non debemos abusar, nin nós nin os maiores.
Despois púxonos un vídeo no que vimos cales eran os seis fototipos de pel, o por que debemos botar a protección solar tanto se hai sol coma se está nubrado, cal é o factor que debemos usar e de canto en canto tempo debemos botalo... Díxonos que a pel era o órgano máis grande do corpo e que tiña memoria!!! Iso deixounos un pouco desconcertados e desconcertadas, pois pensabamos que a memoria só estaba no noso cerebro.
Invitounos visitar a farmacia na que traballa e aceptamos de bo grao a invitación, é unha sorte poder ver de primeira man un establecemento sanitario coma este e coñecer como traballan nel!! Quedamos en ir cando comece o curso 2023/2024, ela está a agardar por nós!!!
Grazas Rosa por dedicarnos parte do teu tempo e vir ao cole contarnos tantas cousas... Agardamos poidas volver outro día!!!
XORNADA DE XOGOS POPULARES NA CAPELA
O pasado 25 de abril, o alumnado de 1º a 4º EP, acudimos ao CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro, no concello da Capela. Alí, nós, o alumnado de 3º EP, desfrutamos, xunto co alumnado de 5º EP dese centro, ensináronnos unha morea de xogos tradicionais: os zancos, os aros, a ra... Foron uns auténticos anfitrións: estiveron moi pendentes de nós, coidaron de que non nos pasara nada, axudáronnos nalgún xogo para que non caeramos ao chan...Pasámolo moi ben!!!
Aprovietando que estabamos nese concello, tamén visitamos o museo etnográfico, onde descubrimos e aprendimos moitas cousas de como era a vida hai moitos anos: os oficios e os apeiros que usaban, como eran as casas por dentro, como cociñaban... Encantounos como nos foron explicando cada unha das dependencias do museo e ver o ben conservado e coidado que estaba.
Foi un día diferente pero moi proveitoso!!!
CONTOS DE BOCA " O PAPÓN"
"O PAPÓN"
O pasado luns, 13 de febreiro, veu á aula de 3º EP Ignacio, o pai de Enzo, contarnos o conto "O Papón".
A avoa decide prepararlles ás súas tres netas unha sorpresa na bodega: pan con mel (esquecera que ese era precisamente o xantar preferido do papón). As netas, unha por unha, baixan polas escadas escuras, frías e misteriosas; empurran a porta e… Se queredes saber como remata o conto invitámosvos a lelo, só vos dicimos que non podedes imaxinar o final, adiantámosvos que ás veces a forza non é imprescindible para solventar os problemas.
Grazas Ignacio pola visita, agardamos que poidas volvar outro día, gustounos moito o conto!!!
XOGAMOS ÁS CANICAS
O día 23 de febreiro veu á aula de 3º EP Ignacio, o papá de Enzo, ensinarnos como xogaban de pequenos coas canicas.
Trouxo canicas para todos, eran de diferentes tamaños e contounos o valor que ten cada canica dependendo do xogo.
Ensinounos dous dos xogos máis sinxelos:
- un consistía en trazar un círculo no chan e meter dentro del canicas, nós, dende unha distancia, debiamos tirar a nosa canica e se caía dentro do círculo e dáballe a outra das que estaban, colliamos a nosa canica (se pola contra caía fóra colliamos a nosa canica e voltabamos a tirar) e a que lle déramos, gaña quen teña máis canicas.
- outro xogo consiste en facer un buraco no chan chamado "GUÁ" e lanzar a canica ata conseguir que entre no furado, hai que lanzar a canica dende o lugar no que queda en cada quenda.
Desfrutamos moitísimo!!! Ignacio regalounos unha canica a cada un de nós...agardamos que volva de visita e nos ensine outros xogos.
Grazas Ignacio por vis canda nós e ensinarnos os teus xogos de nenos.
CONTOS DE BOCA "A BURRA RAMONA"
O pasado luns 13 de febreiro, veu de novo á nosa aula Susa, a avoa de Iria Maceiras, pero desta volta veu contarnos un conto titulado "A burra Ramona" de Paula Carballeira: a burra Ramona, un bo día, deixa de traballar e decide que quere voar; a súa decisión vai influír nunha chea de personaxes que, colaborando con ela, van conseguir realizar os seus soños aprazados e mesmo desouvir os mandados do exército e do rei.
Acompañáronnos nesta ocasión os nosos compañeiros e as nosas compañeiras de 4º EP pois Susa tamén é avoa de Nico.
Para facer máis amena a lectura do conto, Susa pediu axuda ao alumnado asi que, os nenos e as nenas das dúas aulas botámoslle unha man!!!
Gustounos moito o conto, agardamos que Susa poida voltar de novo á nosa aula pois encántanos todo o que nos conta e todos os xogos que nos ensina... Susa volve cando queiras!!! Agardámoste!!!
XOGOS DE MANS CON GOMAS ELÁSTICAS E LABIRINTO CON PELOTA
Hoxe, 23 de xaneiro, veu visitarnos Laura, nai de Alicia, a amosarnos xogos con gomas elásticas para xogar de xeito individual ou por parellas, botoulle unha man Alicia, que é unha experta neste xogo. Algún e algunha de nós coñeciamos este xogo e conseguimos facer varias figuras, pola contra, ao resto custounos un pouco descubrir os trucos para pasar de figura porque de cando en vez a goma caía das nosas mans, faltábanos algo de paciencia e tiñamos que empezar de novo.
Tamén nos trouxo un labirinto feito en cartón cunha pelota e un burato no medio, consistía en que entre todo o equipo tiñamos que ir movendo a base do labirinto para ir guiando a pelota a facela chegar ao centro, non podiamos tocar a pelota coas mans en ningún momento nin tampouco sacudir o labirinto.
Por último amosounos como facer un boneco cun vaso de papel, unha luva e unha palla das que usamos para beber...
Pasámolo xenial!!! Grazas Laura por volver á nosa aula, queremos que volvas outro día se nalgún mes non temos ningunha familia que poida vir xogar con nós... AGRADÁMOSTE!!!
CONTOS DE BOCA " A XENTE DA MIÑA ALDEA"
O pasado luns 16 de xaneiro veu visitarnos Modesto, o pai de Martín... Contounos un conto titulado "A xente da miña aldea"; na aldea, case todas as persoas levan pucha para cubrir a cabeza, pola contra, Pedro, un home entrado en anos non a leva, a súa cabeza está cuberta por un turbante indio. Iso supón un misterio que todos os rapaces e todas as rapazas están desexando resolver.
Este conto levounos a descubrir que, ás veces, falamos das persoas pola súa apariencia... A rapazada da aldea comezou a indagar o por que Pedro levaba iso na cabeza e chegaron a descubrir que todo era debido a unha promesa que lle fixera a un amigo indio... Para descubrir en que consistía a promesa teredes que ler o libro.
Grazas Modesto por vir á nosa aula, gustounos moito o conto e desexamos que volvas outro día... AGARDÁMOSTE!!!
CONTOS DE BOCA "OS BOLECHAS QUEREN SABER COMO É UN PARQUE DE BOMBEIROS"
O luns 12 de decembro de 2022 visitounos Lorena, a mamá de Miguel, contounos o conto "Os Bolechas queren saber como é un parque de bombeiros"...foinos ensinando as diferentes partes das que consta este lugar e para soprendernos, trouxo parte da roupa que emprega un bombeiro para realizar a súa tarefa: chaqueta, gorro, luvas, casco, máscara...
Despois de contarnos o conto todos quixemos probar algunha desas prendas e por un momento sentímonos verdadeiros bombeiros... Gustounos moito tanto o conto como a sorpresa!!!
Lorena, agardamos que volvas outra día!!!
XOGAMOS CUNHA AVOA
Hoxe, 7 de decembro de 2022, visitounos Susa, a avoa de Iria Maceiras. Veu contarnos e xogar con nós aos xogos que xogaba cando ela era pequena.
Ensinounos cancións para rifar, xogou con nós ao corro, a "serra, serra", a "pase Misí, pase Misá"....
Recordou como era o Nadal daquela: que a súa primeira boneca tiña a cara de cartón e que, cando se lle manchou quixo limpala, e frotou e frotou ata que a cara se desfixo... Tamén tivo "mariquitas" que eran bonecas recortables en papel con vestidos: había que recortalas e logo xogaban a vestilas...
Contounos que na súa casa había unha cociña de leña e que para facer máis brasas usaban carbón, e que os seus irmáns maiores, que eran moi pícaros, pedían aos reis magos para ela carbón (porque algunha trastada tiña feito) e así o carbón aproveitábase para a cociña (era carbón do de verdade).
O tempo pasounos moi depresa, cando nos demos de conta xa era hora de marchar para outra clase, pero convidámola para que viñera outra vez seguir contándonos cousas do seu tempo, démonos de conta do pouco que precisaban para xogar e do ben que o pasaban.
Volve pronto Susa, queremos seguir escoitándote!!!
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- seguinte ›
- última »