Buscarás a mellor marea, o día axeitado, a hora precisa. Porque sabes que para que os peixes cativos veñan e prendan hai que darlles espazos, subtís e variados, onde poder ser e falar de libros.
Arriarás as túas redes para que se enchan de historias que provoquen, que conmovan, que fagan pensar, inda que resulten incómodas para algúns. Polo mesmo, fuxirás dos libros “para” como quen foxe da máis poderosa das treboadas.
Encherás o teu paxe de libros tamén para ti, porque só da beleza e da estrañeza sae a verdadeira literatura (e segues a precisar coidar o teu propio mar).
Collerás a emoción que che suxiren as palabras e non terás medo de que se vexa no mar bravo, na aula ou na biblioteca. Velaí a túa forza.
Vizosa a nosa estirpe que tece redes arredor das historias!
Montse Pena Presas