Un ano máis reivindicamos a eliminación da violencia contra as mulleres, para o cal desenvolvemos distintas actividades no centro, entre elas unha na que participou toda a comunidade educativa e na que tivemos unha colaboración moi especial que queremos compartir con vós.
A igualdade conséguese educando no respecto, a tolerancia, a empatía e o amor!
No cole xa levamos días pensando nesta data e onte, mércores 30 de outubro, festexámolo con obradoiros con todo o alumnado.
Os nenos e nenas de infantil, primeiro e segundo desfrutaron con obradoiros de apócemas e decoración de cabazas; mentres que o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º decoraron as súas terroríficas cabazas e elaboraron unhas deliciosas galletas de cabaza e avea.
Visualizando o seguinte vídeo poderedes ver como levamos a cabo estes obradoiros.
Como en anos anteriores, compartimos postais de Samaín con outros centros de A Estrada, chegando a facer no noso centro unha bonita exposición con todas as que recibimos.
Podedes visualizar o vídeo no que se amosan todas as postais compartidas e recibidas cos centros educativos de A Estrada.
Para complementar o traballo que sobre o clima e cambio climático se vai a desenvolver ao longo deste mes cos cursos de 3º a 6º de primaria, decidiuse visitar Meteogalicia en Santiago de Compostela. A saída tivo lugar o pasado mércores 2 de outubro, nunha mañán moi chuviosa e dividiuse en tres momentos e espazos. En primeiro lugar, logo de darnos a benvida Xoán Taboada, traballador de Meteogalicia, invitounos a ir a unha sala onde nos explicou o traballo dos meteorólogos, a diferenza entre clima e tempo atmosférico e todo o complexo traballo que supón predecir o tempo. A continuación, visitamos a central de recollida de información, onde a meteoróloga María Souto e os e as profesionais que aí traballan, ensináronnos as diferentes maneiras que teñen de coñecer os datos en tempo real das diferentes estacións meteorolóxicas que hai en Galicia (visor de cámaras web en diferentes cidades, imaxes de satélite, gráficos,...) para con esa información poder predecir o tempo. Tamén tivemos a oportunidade de ver como lle dan en directo a predición do tempo a unha emisora de Lugo, xa que diariamente colaboran con diferentes medios de comunicación que solicitan a súa información en directo. Por último, voltamos de novo á primeira sala para que outro técnico de Meteogalicia nos amosase os diferentes aparellos que compoñen unha estación metereolóxica, o seu uso e mantemento.
Foi unha viaxe curta pero moi proveitosa pola intensidade e calidade das explicacións.
Neste 24 de outubro, para conmemorar o Día das Bibliotecas e o das Mulleres escritoras, dous alumnos de 5º e 6º de primaria ofrecéronnos un cachiño da vida da escitora estradense Avelina Valladares e recitáronnos un dos seus poemas, "Ulla". Estes alumnos xa nos representaran o pasado sábado no programa " O Recuncho da Lingua" de Radio Estrada, pero quixeron compartilo con todos nós neste día tan especial.
Para completar a xornada, o alumnado de 4º, 5º e 6º animouse a compartir lecturas cos máis pequenos do centro.
Como agasallo para todo o centro fixemos unhas chapas conmemorando o día.
Na pasada semana do 30 de setembro ao 4 de outubro tivemos a posibilidade de coñecer da man da asociación AMABUL un programa de divulgación que visita diferentes centros educativos, e que quere dar a coñecer ao alumnado das diferentes idades de infantil e primaria, as diferentes especies de flora exótica invasora que podemos atopar nas nosas paisaxes. Ao longo desa semana, estiveron expostos no corredor amplo da entrada do centro, varios paneis informativos moi chamativos con información e imaxes das diferentes especies. Asemade, nas xornadas do luns 30 de setembro e do venres 4 de outubro, as diferentes aulas puideron celebrar pequenos obradoiros que facilitaron o achegamento a esta problemática e que ao mesmo tempo tamén lles permitiu desfrutar con algunha actividade moi divertida (quebracabezas, clasificación de imaxes con velcro sobre paneis,...).
Hoxe, 16 de novembro de 2024, día no que o escritor e periodista estradense Manuel García Barros cumpriría 148 anos, Irune (3º EP) e Abel (4º EP) participaron
no Recuncho da Lingua de Radio Estrada para compartir cos oíntes un dos seus contos do libro "Contiños da Terra": Antón non come.
Animámovos a que os escoitedes xa que se trata dun conto cheo de humor e retranca.
Poderedes escoitalos a partires do minuto 32::35 premendo na imaxe.