Coordinación
VIVIMOS A PREHISTORIA
Enviado por Silvia García o Dom, 13/11/2022 - 23:31Ao principio de curso aproveitamos para facer un repaso da Prehistoria e tivemos a gran sorte de contar con dúas charlas de excepción e unha excursión a Campo Lameiro.
Na primeira charla, Ramón dounos unha explicación sobre “petroglifos”. Tamén nos contou como Martín e máis el reproduciron algúns deles no noso patio do colexio.
Grazas Ramón por dedicarnos o teu tempo!
Na segunda charla, contamos con Ángel Vieites Rúa, estudante de Historia pola Universidade de Vigo en Ourense e que foi alumno deste cole, para falarnos dos “estereotipos sobre a muller na Prehistoria”.
Moitas grazas Ángel, continúa así e moito ánimo!
Para rematar, fixemos unha visita ao Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro onde aprendemos como rexistrar os petroglifos.
20 DE NOVEMBRO - DÍA DOS DEREITOS DXS NENXS
Enviado por Ainhoa Suarez o Lun, 22/11/2021 - 13:31O 20 de novembro celébrase o DÍA DOS DEREITOS DA INFANCIA.
Con tal motivo, e aproveitando a temática do noso proxecto de
ciencias "COIDÁMONOS E COIDAMOS", o alumnado elaborou
cadanseu libro de dereitos.
Primeiro tiveron que seleccionar e recortar os dereitos correctos, xa
que había algúns "trampa", e despois pegáronos en folios
de distintas cores. Finalmente compilamos todo e engadimos unha
bonita portada.
Agardamos que vos guste o resultado!
Por último, dende VALORES, construimos entre tdoxs o TREN DOS DEREITOS DA INFANCIA.
Comisión de...
Enviado por admin o Lun, 26/04/2010 - 23:28COORDINACIÓN PEDAGÓXICA
Comisión de coordinación pedagóxica. (Orde do 22-7-1997 - DOG 2/9/97)
2.1.- A composición, a organización e as campetencias da comisión de coordinación pedagóxica son as que se establecen nos artigos 61 e 62, capítulo II, título III, do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria.
2.2. A comisión de coordinación pedagóxica reunirase cunha periodicidade mensual e realizará unha sesión extraordinaria ó comezo do curso e outra ó finalizar este, así como cantas outras se consideren necesarias. As actividades que se van realizar pola comisión de coordinación pedagóxica incluiranse na programación xeral anual.
2.3. A comisión de coordinación pedagóxica deseñará as directrices xerais para a elaboración e revisión do proxecto curricular, así como o calendario de actuacións.
Título III, capítulo II (Decreto 34/1996 - DOG 21-10-96)
Comisión de coordinación pedagóxica:
Artigo 61°
A comisión de coordinación pedagóxica estará integrada polo director, como presidente; nos centros onde exista, o xefe de estudios; os coordinadores de ciclo; o profesor de apoio á atención de alumnos con necesidades educativas especiais e o coordinador do equipo de normalización lingüística; actuará como secretario un membro da comisión, designado polo director, oídos os restantes membros.
Artigo 62°
A comisión de coordinación pedagóxica terá, en relación co réxime de funcionamento regulado no título IV deste regulamento, as seguintes competencias:
a) Elevar propostas ó claustro co fin de establece-los criterios para a elaboración dos proxectos curriculares.
b) Velar para que a elaboración dos proxectos curriculares de etapa e o plan de acción titorial se realice conforme os criterios establecidos polo claustro.
c) Asegura-la coherencia entre o proxecto educativo do centro, os proxectos curriculares de etapa e a programación xeral anual.
d) Establece-las directrices xerais para a elaboración das programacións didácticas dos equipos de ciclo e do plan de acción titorial, así como das adaptacións curriculares e dos programas de diversificación curricular incluidos no proxecto curricular.
e) Propoñer ó claustro de profesores os proxectos curriculares para a súa aprobación.
f) Velar polo cumprimento e posterior avaliación dos proxectos curriculares de etapa.
g) Canaliza-las necesidades de formación do profesorado cara ó centro de Formación Continuada do Profesorado.
h) Realizar, de se-lo caso, a proposta ó xefe de estudios co fin de que se designe o responsable do equipo de actividades complementarias e extraescolares.
i) Propoñe-los profesores que han de formar parte do equipo de normalización lingüística.