blogue deBlanco Rodríguez Rosa

AVÓS VIRAIS, AVÓS VITAIS

Queremos deixar reflectido nesta entrada do noso Blog o labor apaixonado de sabios ensinantes  que fixeron os avós e avoas do  alumnado de 1º de primaria  no traballo proposto para o último mes de curso. Cremos que a actividade de AVÓS VIRAIS, AVÓS VITAIS resulton bonita e interesante para netos e avós, os pequenos descubriron que os seus maiores xogaban e se divertían e os avós gozaron coa frescura e espontaneidade dos máis novos. Pero o mellor de todo será velos nos seguintes vídeos. Premede nas imaxes.


COÑECENDO BUEU

COÑECENDO BUEU

Estes primeiros días do mes de maio o alumnado de primeiro realizou un ROTEIRO pola beira do río Bispo acompañados do seu profesorado e temén do mestre Arturo, gran coñecedor e admirador de Bueu, ensinounos moitas cousas e tamén a observar a natureza como espazo de aprendizaxe e de lecer. Foi moi divertido ter unha clase así. Premede no imaxe para comprobalo. 

 

GRAZAS PROFE ARTURO!

DÍA DE CHUVIA

DÍA DE CHUVIA

A semana do 12 ao 16 de abril tocoulle ao alumnado de 1º A recoller os datos da caseta meteorolóxica e rexistralos no lugar sinalado. Ademais gustábanos mirar cara o ceo cada mañá para coñecer as nubes e observar se estaban cargadas ou non de chuvia, tanto e así, que na clase un día lle dedicamos a identificar expresións e vocabulario relacionadas con este meteoro. Aquí pódese ver no traballo do alumnado.

 

A SEMENTEIRA DAS LEITUGAS

O martes día 13 de abril na escola todo o alumnado de 1º de primaria  sementou leitugas coa axuda e explicacións de Ramón o conserxe. Agora toca regalas un pouquiño e esperar a que agromen para trasplantalas despois a macetas individuais e coidar cada un da súa. Contando que todas vaian para diante, alá polo mes de xuño poderanse probar as leitugas da horta da Pedra. Premede na imaxe para ver o vídeo da faena da sementeira.

POR CATRO ESQUINIÑAS DE NADA

Estes días estamos estreando a Radio Escolar "A VOZ DA PEDRA" e  para iniciarse nesta faena un grupiño de nenos e nenas de 1ºA contaron de xeito dialogado o conto de Jèrôme Ruillier "Por catro esquiniñas de nada"

Aquí podédelo escoitar!

 

24 DE FEBREIRO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Hoxe na escola conmemoramos o día de Rosalía con diversas actividades: coñecemos algo da súa vida lendo a súa biografía, escoitamos poemas musicados, recitamos algún e creamos unha rosa de papel decorada na que escribimos a primeira estrofa do poema ADIÓS RÍOS, ADIÓS FONTES coa finalidade de regalala e, mesmo, recitarlle o poema a algunha persoa a modo de homenaxe. Aos nenos e nenas de primeiro gustoulles moito, foi unha actividade bonita que quedou reflectida neste vídeo. Premede na imaxe para velo.

30 XANEIRO DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ

DÍA DA PAZ NA ESCOLA

Este ano celebramos o día da PAZ na escola elaborando unha morea de mensaxes en prol da axenda internacional 2030 que temos moi presente este curso por ser o proxecto de traballo anual. Ademais cantamos a cantiga "UN VELEIRO VERDE" de María Fumaça dedicada ao coidado e a defensa verde do noso planeta, mesmo a signamos grazas á axuda da nosa intérprete de lingua de signos Rosa Louro. Se premedes na imaxe podédela escoitar.

Tamén fixemos uns barquiños de papel verde simbolizando o desexo de PAZ para o planeta Terra que todos os nenos e nenas levaron para a súa casa coa mensaxe escollida.

Podedes ler as mensaxes de paz escritas e decoradas polo alumnado de 1º.

 

 

 

HOMENAXE A QUINO CREADOR DE MAFALDA

Hoxe o alumnado de 1º de primaria lembrou a Quino realizando con cariño e moito interese uns debuxos de MAFALDA o gran e famoso  personaxe creado por este xenio.

Aquí quedan os debuxos destes rapaces e rapazas  que intentan imitar ao maestro Quino.

 

INFORMACIÓN PARA AS FAMILIAS DE 2º DE PRIMARIA

Boas trdes familias!

Deixamos aquí a información que estivemos compartindo con vós no centro hoxe pola mañá.

Grazas pola atención! Premede na imaxe para ver a presentación.

 

INFORMACIÓN PARA AS FAMILIAS DE 1º DE PRIMARIA

Estimadas familias:

Deixamos aquí a presentación coa información que estivemos dando na reunión, calquera modificación irémosvola dado e tamén engadindo calquera nova nesta entrada.

Premede na imaxe para ver a presentación. Grazas pola vosa atención!

 

 

Tamén deixamos nesta entrada os horarios e as normas de convivencia que afectan de xeito máis concreto as nosas aulas, comprobádeo nos arquivos adxuntos.

Un saúdo e ata mañá!

 

Distribuir contido