"CARTA DE NAVEGACIÓN" DO EQUIPO DIRECTIVO
Estimadas familias,
Cando miramos cara ao futuro, vemos numerosas incertezas sobre o que será o mundo do noso alumnado, pero se de algo estamos seguras é de que a sociedade humana deberá transformarse. Así, o mundo de mañá deberá ser fundamentalmente diferente do que coñecemos hoxe, debemos, por conseguinte, traballar para construír un futuro viable.
Nesta evolución cara aos cambios fundamentais dos nosos estilos de vida e os nosos comportamentos, a educación -no seu sentido máis amplo- xoga un papel preponderante. A educación é a forza do futuro, porque ela constitúe un dos instrumentos máis poderosos para realizar o cambio. Un dos desafíos máis difíciles será o de modificar o noso pensamento de maneira que enfronte a complexidade crecente, a rapidez dos cambios e o imprevisible que caracteriza o noso mundo. Debemos reconsiderar a organización do coñecemento. Para iso debemos derribar as barreiras tradicionais entre as disciplinas e concibir o xeito de volver unir o que ata agora estivo separado. Debemos reformular as nosas políticas e programas educativos. Ao realizar estas reformas é necesario manter a mirada fixa cara ao longo prazo, cara ao mundo das xeracións futuras fronte ás cales temos unha enorme responsabilidade.
O escenario do presente impón sobre os individuos e as colectividades unha necesaria reforma nas habilidades e capacidades, tanto para a elevación da súa competitividade, como para a sostenibilidade do seu enfoque ético, no longo prazo, na educación ao longo da vida.
Nós, desde a escola pública, temos que ofertar unha educación e formación de calidade acorde cós novos tempos; e propoñernos a meta de conquerir o éxito escolar de todas as nenas e nenos. Tratar de acadar para cada unha das alumnas e alumnos o máximo desenvolvemento das súas capacidades individuais e sociais, recibindo unha educación adaptada ás súas necesidades, e garantir unha efectiva igualdade de oportunidades -principio de equidade-, prestando os apoios necesarios e ter en conta todos os que tomamos parte no proceso educativo, que o éxito do alumnado non pode basearse só no esforzo persoal do mesmo, senón de toda a comunidade educativa, fomentando a colaboración familia-profesorado para construír un entorno de aprendizaxe rico e motivador e dirixir a educación a conquerir os coñecementos e competencias básicas que resultan necesarias para a sociedade actual, estimulando no alumnado o desexo de coñecer.
Queremos un centro onde a participación de todos os sectores da comunidade educativa -profesorado, alumnado, nais, pais ou titores, e personal non docente- así como as colaboracións puntuais con asociacións e entidades culturais da nosa contorna, estean presentes nos proxectos e programas didácticos que se realicen, participando activamente cos distintos estamentos e facendo unha comunidade educativa máis viva e dinámica, que favoreza unha mellora nas relacións personais, como punto de partida para desenvolver procesos de ensino-aprendizaxe de carácter significativo.
Queremos que a adquisición dos valores de solidariedade, compañeirismo, respecto ás diferenzas e xenerosidade cos máis débiles sexa unha pauta de conduta e identidade do centro e así favorecer a integración de todo o alumnado con independencia da súa orixe, sexo, raza e relixión, sendo un referente na contorna na que estamos situados e un lugar de participación de todos aqueles que senten interese polo desenvolvemento da cultura no seu senso máis amplo.
Para todo isto a dirección, sen apartarse da legalidade vixente, tomará as decisións oportunas para xestionar dunha maneira imaxinativa e correcta os recursos cos que a Administración a dota para desenvolver actividades e programas concretos onde serán participantes todos os sectores que compoñen a Comunidade Educativa. Todo isto tennos que levar a conseguir un centro onde teñamos as condicións idóneas e adecuadas para que o alumnado poida desenvolver as súas capacidades naturais nas mellores condicións ao longo da súa etapa escolar.
Atentamente
O Equipo Directivo
- blogue de A Maía
- APIs de Blogue