AXUDAS PARA LIBROS, MATERIAL ESCOLAR E FONDO DE LIBROS PARA O CURSO 2021/2022

Publicouse no DOG do xoves 20 de maio de 2021 a orde para solicitar as axudas para libros do alumnado de 1º e 2º de Primaria, o fondo solidario de libros para o alumnado de 3º, 4º de Primaria e as axudas para material escolar do alumnado de toda primaria.

·        

NORMATIVA REGULADORA

ORDE do 6 de maio de 2021 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2021/22 .

 OBXECTO DA AXUDA E DESTINATARIOS

 

1.   

Fondo solidario de libros de texto: alumnado matriculado en 3º, 4º de EP.

2.   

Axudas para adquirir libros de texto: alumnado matriculado en 1º e 2º de EP; así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído na disposición adicional primeira (discapacidade ≥ 65%) e na disposición adicional segunda (necesidades específicas de apoio educativo –NEAE-), circunstancia que fará constar o centro na solicitude.

3.   

Axudas para adquirir material escolar: alumnado matriculado en EP.

O alumnado matriculado nos centros e cursos incluídos no proxecto educación dixital (EDIXGAL) no curso 2021/22 está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Non obstante, poderán solicitar a axuda para adquirir material escolar cando reúnan os requisitos establecidos na orde.

 

 

AVISO IMPORTANTE: O alumnado de 6º de primaria que o vindeiro curso (2021/22) pase para o IES deberá facer a solicitude no propio IES no que foron admitidos.

PRESENTACIÓN

As solicitudes presentaranse preferentemente via telematica a través da aplicación Fondolibros. Tamén poden descargar a solicitude premendo  aqui e presentalas presencialmente.

 

Si se presenta presencialmente, por protocolo COVID ten que ser en horario reducido de 09:30 a 11:00 e de 12:50 a 13:30. Tamén poderán presentala os luns pola tarde en horario de 16:30 a 18:30.

Previamente deben chamar  ao teléfono 881866001 para concertar cita.

 

1. Poderán presentar solicitudes os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado incluído no artigo 1.1. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa con que conviva en acollemento familiar.

2. A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2021/22, e nela especificarase o nivel de estudos que espera realizar cada un deles no citado curso. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros, en que se incluirán os admitidos nese centro para o curso 2021/22. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación fondolibros, será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno aínda que estean no mesmo centro.

Cando o alumnado, no momento de presentar a solicitude, aínda non estea admitido en ningún centro docente para o curso 2021/22, deberá presentala no centro en que estivese matriculado no curso 2020/21. Este centro rexistrará a solicitude de maneira que acredite a súa entrada en prazo e enviaraa ao centro de destino en que o alumno resulte admitido, que será o encargado da súa gravación e tramitación.

En caso de presentación (por vía electrónica e/ou presencial) de máis dunha solicitude, a persoa solicitante deberá presentar ante o centro docente un escrito indicando en cal desexa que se tramite.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática «fondolibros» (https://www.edu.xunta.es/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O formulario de solicitude (anexo I) tamén estará dispoñible:

a) No portal educativo, enderezo http://www.edu.xunta.gal.

b) Nas dependencias das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación.

c) Na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal 

Así mesmo, a aplicación informática permitiralles aos centros docentes xerar solicitudes unha vez introducidos os datos.

5. A solicitude deberá estar asinada polo pai, nai, titor/a ou representante legal do alumnado, e a súa presentación implicará que acepta as bases da convocatoria, cumpre os requisitos exixidos nela e que son certos os datos indicados na solicitude; así mesmo, que se compromete a conservar en bo estado e a devolver ao finalizar o curso os libros de texto e o material reutilizable recibidos do fondo solidario ou adquiridos coa axuda para libros de texto.

O plazo de presentación de solicitudes é do 21 de maio ata o 22 de xuño ambos incluídos.

 

 DOCUMENTACIÓN A ENTREGAR

 

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).

Acceso ao Anexo I e II

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figuren o alumno e os demais membros computables da unidade familiar.

En caso de separación ou divorcio, deberán achegar, ademais, a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor.

Excepcionalmente (cando non sexa posible facelo polos medios anteriores), poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios:

1º. Certificado ou volante de convivencia.

2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

Nos casos especiais en que a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde, achegarase un certificado ou volante de convivencia en que deberán figurar o/a alumno/a e todos os familiares que convivan con el/ela, ou un certificado dos servizos sociais do concello que acredite a situación familiar.

c) Certificado de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia non expedido pola Administración autonómica.

d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

e) Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou do certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor ou titores carezan de DNI e NIE.

2. No caso de presentación de documentación complementaria, cómpre distinguir:

a) Documentación complementaria da solicitude (anexo I). Esta documentación complementaria presentarase presencialmente no centro docente ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

b) Presentación, mediante o PR004A, do anexo V, anexo VI, anexo VII ou dos talóns de cargo. Esta documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación daquela en que fose realizada a emenda.

c) Nos casos indicados nas letras a) e b), as persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. En todo caso, os documentos deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, e reflectir a situación persoal, familiar e económica en 31 de decembro de 2019, agás no caso de violencia de xénero, en que se aplicará o disposto na lexislación específica.