Campaña de vixilancia da saúde 2024/2025 para persoal docente e non docente de centros públicos de ensino non universitario dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Ven, 27/09/2024 - 09:45

Mediante Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, autorízase a difusión da campaña de vixilancia periódica da saúde para o persoal docente e non docente destinado en centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, para o curso académico 2024/2025.

É aplicable ao persoal docente e non docente (funcionario e laboral) en activo, que presta servizos nos centros docentes públicos non universitarios, dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

A inscrición ten carácter voluntario, polo que se realizará previa solicitude das persoas interesadas conforme ás instrucións deste procedemento enviadas aos distintos centros de traballo. As persoas responsables dos distintos centros de traballo facilitarán a información necesaria para a inscrición das persoas traballadoras que o requiran.

A dita inscrición realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento que está dispoñible na páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no seguinte enlace: https://revisionmedicaeducacion.xunta.gal

A solicitude de inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a súa tramitación.

Toda inscrición xerará un xustificante de consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.

Prazos de inscrición :

  • Para o persoal substituto: Do día 1 ao 20 do mes seguinte a aquel no que se cumpran os 65 días traballados de forma ininterrompida, contados dende o 01/09/2024, ou dende o día seguinte ao nomeamento se fora posterior a esa data.
  • Para o persoal nomeado con anterioridade ao 27/09/2024: Do 27/09/2024 ao 16/10/2024.
  • Para o persoal nomeado con data igual ou posterior ao 27/09/2024: Do día 1 ao 20 do mes seguinte a súa toma de posesión.