Preguntas frecuentes

1. Que centros poden participar?

Só centros públicos dependentes desta consellería (EEI, CRA, CEIP, CEP, CEE, CPI, IES, CIFP e EPAPU).

2. Cantas modalidades de proxecto se poden solicitar?

Ata un máximo de dúas.

3. Cal é o prazo para presentar as solicitudes e o/os proxecto/os da convocatoria 2024/25?

O prazo comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no portal educativo e rematará o día 13 de novembro de 2024.

4. Como se solicita a participación?

Primeiro, introducindo os datos na aplicación informática habilitada para tal fin. Terá acceso á creación da solicitude a persoa responsable da dirección do centro ou persoa autorizada co usuario @edu.xunta.gal. A ruta é a seguinte:

  • Programas de éxito educativo > Aplicativo (Programas de éxito educativo) > Convocatoria (2024/25), Programa (Proxectos de Inclusión Educativa (PIE) 2024/25).

  • No menú da esquerda premer en Detalle programa > premer SOLICITAR (na parte inferior esquerda) > cubrir os datos solicitados e premer en CREAR.

  • A continuación, seleccionar a/s modalidade/s que pretende desenvolver o centro. Premer en GARDAR e, seguidamente, en PRESENTAR E EDITAR O PROXECTO. Deste xeito, abrirase unha nova páxina onde deberá cubrir todos os campos obrigatorios (marcados con *) da/s modalidade/s solicitada/s. No caso do apartado “k) Alumnado ao que vai destinada esta modalidade” deberanse cubrir todos os datos. No caso daquelas ensinanzas e etapas educativas que non se impartan no centro e que non vaian participar no programa, especificarase un “0”.

  • É importante non esquecerse de ir gardando os datos para evitar perdelos no caso de que caduque a sesión.

5. Onde se publicará a información da Resolución desta convocatoria?

En https://www.edu.xunta.gal/portal/ e no espazo web de https://www.edu.xunta.gal/portal/pie/

6. Como se pode realizar unha reclamación?

Unha vez rematado o procedemento de selección dos proxectos, a comisión fará pública a resolución provisoria, que se difundirá en http://www.edu.xunta.gal/portal e no espazo web dentro do portal educativo dedicado aos Proxectos de Inclusión Educativa (PIE).

A publicación da resolución provisional abrirá un prazo de cinco días hábiles para efectuar reclamacións ou renuncias, dirixidas á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) a través do formulario correspondente ao procedemento de presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado (código PR004A), xunto coa documentación complementaria. Para a presentación das reclamacións ou renuncias poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e/ou renuncias, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa que resolverá a relación final dos centros seleccionados.

7. Quen elabora o plan de mellora que se vai desenvolver?

Como establece o apartado 4.2 da Resolución, o plan será elaborado polo equipo directivo que, previamente, deberá realizar unha análise sobre os procesos que se veñen desenvolvendo no centro para identificar as súas fortalezas e debilidades.

8. Que duración ten o programa?

O curso escolar para o que se convoca, isto é, 2024/25.

9. Ten algún tipo de recoñecemento a participación do profesorado participante nos Proxectos de Inclusión Educativa (PIE)?

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional certificará, cumpridos os requisitos establecidos na convocatoria, a participación do profesorado do centro directamente implicado no proxecto como actividade de innovación educativa con 20 horas de formación do profesorado. Esta certificación estará supeditada á avaliación positiva da memoria e á participación activa nas accións desenvolvidas.

Emitirase unha única certificación por docente, independentemente do número de modalidades nas que participe e do rol que desempeñe nelas.

10. Contarán os centros educativos con recursos extraordinarios para o desenvolvemento do programa?

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias, poderá dotar os centros dunha asignación orzamentaria.

De ser o caso, as actividades e medidas propostas que coincidan coas desenvolvidas por medio doutros plans ou programas promovidos por esta consellería non poderán ser obxecto de financiamento adicional.

11. Xustificación das axudas recibidas para o curso 2024/25.

As axudas económicas recibidas a través de Proxectos de Inclusión Educativa (PIE) xustificaranse a través da aplicación XECOCENTROS e reflectiranse na memoria final do centro.

12. Memoria das actuacións desenvolvidas no curso 2024/25.

Tras o remate do programa, os centros participantes deberán cubrir na aplicación informática de referencia https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos/, dentro do prazo establecido ao efecto e no apartado do menú esquerdo “Memoria”, a memoria das actuacións desenvolvidas en Proxectos de Inclusión Educativa (PIE), tal como establece a Resolución da convocatoria no apartado 11.3. Esta memoria deberá incorporar (a través de ligazóns, imaxes...) mostras do produto final acadado que permitan constatar o desenvolvemento axeitado do plan. Non será necesario enviar a memoria por ningún outro medio.

A persoa directora, ou persoa autorizada, será quen terá acceso á aplicación para cubrila a través da súa conta de correo electrónico @edu.xunta.gal

Unha vez cuberta a memoria cumprirá xerar o informe da memoria a través do apartado do menú esquerdo “Informes” > “Informes xerais” > “Memoria” > “Xerar informe”. Unha vez xerado o informe da memoria é necesario descargalo, asinalo dixitalmente e subilo no apartado do menú “Anexos”, para o cal debermos seleccionar o tipo de documento “Documento de memoria asinada”.

Esta acción só poderá ser efectuada exclusivamente pola persoa directora do centro educativo, non cabe delegación.

13. Incorporación de profesorado participante

O profesorado que participe activamente nas distintas modalidades será incorporado na aplicación pola persoa directora do centro, ou persoa autorizada, que é quen acredita dita participación.

14. Sobre gastos de funcionamento de todas as actuacións.

Non se contempla o financiamento de: obras e equipamento, mobiliario, reparacións, software, intercambios escolares, material inventariable obxecto de dotación por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, gastos asociados a outros plans ou programas promovidos pola Consellería (apartado 6.3 da Resolución), viaxes de lecer (só desprazamentos para actividades directamente vencelladas aos proxectos) e outros gastos inxustificados e así valorados pola Comisión de selección.

15. Sobre a aplicación informática:

  • Como podo acceder á aplicación? A través da URL: https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos/

  • O seu uso é obrigatorio? Si, é imprescindible porque toda a xestión da convocatoria se desenvolve a través dela.

  • Quen pode introducir os datos na aplicación? A dirección do centro ou persoa autorizada, agás a xeración do informe da memoria e subseguinte asignación no apartado de anexos que corresponderá exclusivamente á persoa directora do centro.

  • Hai que presentar unha solicitude por cada actuación? Non. Cada centro presentará unha única solicitude incluso se solicita o máximo das dúas modalidades de proxecto permitidas.

  • Podo realizar modificacións sobre a solicitude? Si, sempre dentro do prazo de solicitude establecido na convocatoria. Con todo, cómpre ter a precaución de gardar os cambios e xerar e custodiar no centro a última solicitude xerada.

  • Os cadros de texto teñen unha extensión limitada? Si, todos, aínda que a extensión máxima contempla un número de caracteres suficiente para os requirimentos textuais e numéricos solicitados. Porén recoméndase empregar procesadores de texto fóra da aplicación para redactar aqueles apartados que requiran unha extensión e un esforzo de elaboración textual considerable e asemade para contar o número de caracteres empregados. No caso de datos numéricos non se deben poñer decimais. Cando sexa preciso, redondearase o decimal ao enteiro máis próximo. Tampouco poñer o símbolo da porcentaxe.