Proxectos de Inclusión Educativa (PIE)
A iniciativa de Proxectos de Inclusión Educativa (PIE) constitúe un instrumento de apoio aos centros educativos para que dentro da súa autonomía desenvolvan proxectos educativos que os convertan en centros de referencia no ámbito da igualdade, convivencia, inclusión e benestar emocional. Baixo esta perspectiva, este programa está deseñado para que os centros educativos beneficiarios poidan influír positivamente noutros centros e converterse en exemplos de boas prácticas. Estes centros promoverán prácticas e metodoloxías que poidan ser replicadas e adaptadas por outros centros.
Do mesmo xeito, o Programa para o Impulso de Centros Referentes está en consonancia co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que incorpora espazos accesibles e inclusivos para toda a comunidade educativa, para o uso equitativo e igualitario, desde a visión da accesibilidade e do deseño universal e derrubando barreiras. De igual maneira está en liña coa Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 que recolle actuacións específicas cara ao desenvolvemento de plans que promovan a inclusión, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a competencia emocional e a mellora do clima escolar de toda a comunidade educativa.
En definitiva, o fin último é garantir unha educación de calidade para todo o alumnado, desenvolver o máximo posible as súas potencialidades e, xa que logo, contribuír á transformación e consolidación definitiva do sistema educativo de Galicia.
Os centros educativos poderán optar como máximo a dúas modalidades de proxecto:
1. Reforzo da inclusión educativa.
2. Impulso da igualdade.
3. Mellora da convivencia.
4. Promoción do benestar emocional.
Esta convocatoria desenvólvese no marco do Programa para o Impulso de Centros Referentes que forma parte do Plan de Mellora Educativa de Galicia (Plan MEGA) que a Xunta puxo en marcha neste curso 2024/25 co obxectivo de potenciar un sistema educativo que permita que cada estudante acade o seu máximo potencial coas competencias e habilidades necesarias.