Cultura e Educación abre este luns 28 o prazo de inscrición para as probas de acceso a ciclos de Formación Profesional

A Consellería aposta así pola formación ao longo da vida, facilitando as reincorporacións ao sistema educativo

Sáb, 26/01/2013 - 10:00
Cultura e Educación abre este luns 28 o prazo de inscrición para as probas de ac
Cultura e Educación abre este luns 28 o prazo de inscrición para as probas de acceso a ciclos medios e superiores de Formación Profesional

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre o vindeiro luns 28 de xaneiro o prazo de inscrición para as probas de acceso a ciclos de grao medio e superior de Formación Profesional. Deste xeito, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad reafirma o seu compromiso coa formación ao longo da vida, establecendo canles que faciliten a reincorporación das galegas e galegos ao sistema educativo. Así mesmo, estas probas son unha ferramenta para a loita contra o abandono temperán, xa que dan a posibilidade de acceder a ciclos formativos a persoas que non foron quen de obter o título de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria.

Así, poderán presentarse a estas probas para acceder a graos medios quen non cumpran os requerimentos xerais para cursar estes estudos e teñan cumpridos os 17 anos – ou os cumpran no 2013-. No caso de querer acceder a un grao superior, será necesario que teñan cumpridos os 19 anos- ou os cumpran neste ano- , ou ben ter cumpridos ou cumprir no 2013 os 18 e dispor dun título de técnico en grao medio que pertenza a unha familia profesional relacionada co ciclo que quere cursar. Os interesados poden obter máis información no enlace web http://www.edu.xunta.gal/fp/node/11249 .

O prazo de inscrición estará aberto do 28 de xaneiro ao 8 de febreiro para as probas de acceso aos ciclos de grao superior, que se celebrarán o 25 de abril. Para as probas de acceso aos ciclos de grao medio, que se realizarán o 23 de maio, o prazo de inscrición vai do 25 de febreiro ao 8 de marzo.

Estrutura e organización

A proba para o acceso ao grao medio organízase en tres partes, a sociolingüística, con exame de linguas galega e castelá e de ciencias sociais; a matemática; e a científico-técnica, con probas de ciencias da natureza e de tecnoloxía.

No caso do acceso ao grao superior, os aspirantes deberán realizar unha parte común, con exames de linguas galega e castelá e de matemáticas; e unha parte específica, a escoller entre tres opcións. Na modalidade A as probas serán de economía da empresa, lingua estranxeira e filosofía e cidadanía; mentres que na B pasarán exames de debuxo técnico, tecnoloxía industrial e física; e na C de ciencias da terra e ambientais, química e bioloxía.

Certificación e acceso

A proba dará lugar á obtención dunha certificación na que constará a nota final lograda e a cualificación obtida en cada unha das partes que a compoñen.

A superación da proba, no caso do grao medio, dará acceso a calquera ciclo formativo; mentres que no caso do superior, a propia certificación incluirá a relación de familias profesionais nas que se posibilitará o acceso en función da opción elixida. A adxudicación de praza estará condicionada pola cualificación obtida na proba, no marco da porcentaxe de reserva de prazas por cada centro e ciclo que se estableza para estas probas.

Para quen realizara a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a superara na súa totalidade, a certificación permitirá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco durante un máximo de dous anos nas probas de acceso a ciclos formativos en Galicia.