Título node Learning object

Alumnado galego gaña o primeiro premio do concurso nacional “¡No te cortes!” cunha curtametraxe titulada “Eclosión”
Ven, 18/01/2013 - 10:48
Curtametraxe “Eclosión”

Un grupo de nenos e nenas da Asociación de Altas Capacidades de Galicia (ASAC) obtivo o primeiro premio a “Mellor Curtametraxe” no certame nacional “¡No te cortes!”. Titúlase “Eclosión” e xurde dun obradoiro impartido polo director galego Carlos Seijo dentro das actividades da asociación.
O xurado quixo honrar co primeiro galardón do festival o reto que supuxo a creación desta peza curta. Trátase de tres historias nunha, gravadas por separado e en só 6 horas de cada parte, pero cun obxectivo común: cada historia posúe un ovo como detonante. O resultado radica nunha montaxe que bascula entre “short stories ao máis puro estilo dalgúns prestixiosos realizadores contemporáneos”, en palabras dos organizadores do festival. Así mesmo, tamén destacan o calado destas narracións que, a base de imaxinación e fantasía, evocan múltiples lecturas no espectador. Como colofón, o propio alumnado gravou con instrumentos musicais a banda sonora, acadando un clima e ambiente axeitados a partir dunha orquesta básica.
Como en edicións anteriores, o certame acadou unha gran participación, con pezas enviadas desde diferentes lugares de España, todas elas realizadas por nenos e nenas de menos de 18 anos e alumnado de menos de 22 anos matriculados en Educación Secundaria.
A entrega de premios realizarase na sede do FNAC na Castellana de Madrid.

ASAC é unha asociación sen ánimo de lucro que nace no ano 1995 e onde se desenvolve un Programa de Enriquecemento en colaboración cun equipo técnico formado por membros da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Esta iniciativa extracurricular foi galardoada en 2009 cun accésit no certame “A USC crea, a USC innova”. Na actualidade, o programa conta con casi trescentos nenos e nenas –dividido en dezaoito grupos- que asisten a obradoiros de enriquecemento dous sábados ao mes na facultade de Psicoloxía e a facultade de Ciencias da Información en Santiago de Compostela.

O cine é un contexto que aglutina á perfección todo o espectro creativo deste alumnado con altas capacidades. Para elo, ao longo do curso 2011/2012 desenvólvese na ASAC o obradoiro de cine impartido polo director galego Carlos Seijo. Preténdese que o alumnado participe en case todas as tarefas: guión, debuxo de storyboard, rodaxe, son, banda sonora e montaxe. A actividade conta con tres grupos de entre 12 e 14 anos. O tempo límite é moi axustado: 6 horas ao trimestre para crear e gravar cada parte da curta. Na curtametraxe colaborou persoal en prácticas de apoio de Psicoloxía, voluntarios e outros membros do equipo vinculado ao programa.

Ligazóns de interese: