Título node Learning object
O IES de Cacheiras celebrará entre o 31 de marzo e o 4 de abril de 2025 unha nova Semana cultural que leva como título NAS TÚAS MANS e que contará coa presenza de relatores, relatoras e artistas como a pintora e escultora Mª Xosé Díaz, o luthier Xavi Lozano, Carmen Méndez, actriz e directora, o fotohistoriador Carlos Castelao, a chef Lucía Freitas ou o pintor e presidente da Real Academia de Belas Artes, Quintana Martelo. Apostamos pola artesanía galega coa presenza de D Rositas, Silvereira e Degerónimo, que falarán dos seus proxectos e traxectorias.
A solidariedade terá o seu espazo coa presenza da Cruz Vermella que impartirá charlas sobre o voluntariado xuvenil. Nesa mesma data farase entrega do material doado pola comunidade escolar durante o mes de marzo. Tamén contaremos coa presenza da ONCE que impartirá varios talleres de braille, no ano no que se cumpren os 200 anos da súa invención.
A música terá un lugar destacado coa presenza do arpista Iván Garmen e o cantautor Conde Varo. Ademais o alumnado de 1º da ESO aprenderá a facer música con material reciclado no Taller de Ecopercusión. O alumnado de 3º da ESO poderá “Sentir Teo no Camiño” xa que participará na ruta guiada organizada grazas ao Concello de Teo.
O profesorado e alumnado do centro realizará diferentes obradoiros: de escritura grega, experimentos do Club de ciencia, de reciclaxe téxtil ou de creación de figas.
Cumprirá consultar o programa que se xunta para ampliar a información (datas, horarios...).