Título node Learning object
O próximo xoves, 24 de abril, o Centro de Supercomputación de Galicia, a Dirección Xeral de Igualdade e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia organizan o "Día das Rapazas nas TIC" (Girls in ICT Day), dirixido especiamente ao alumnado do último ciclo de centros de primaria e secundaria de Galicia. A información do movemento a nivel internacional poderase consultar nesta ligazón https://www.itu.int/women-and-girls/girls-in-ict/
Para celebralo, ese día no CESGA celebramos COLOQUIO VIRTUAL DE TECNÓLOGAS GALEGAS CO ALUMNADO DOS CENTROS EDUCATIVOS
Trátase dun animado coloquio virtual dende o CESGA dirixido a centros educativos, no que participan 4 destacadas galegas emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC, ás que o alumnado participante dos centros galegos de primaria e secundaria poderá preguntar todas aquelas inquedanzas e dúbidas sobre os seus eidos profesionais ou as súas motivacións persoais que as levaron a traballar neste eido.
Este ano contamos cunha investigadora en física cuántica, unha docente, directora de área e investigadora en telecomunicacións, unha enxeñeira aeroespacial que participa desenvolvendo un coche monoplaza de carreiras e unha enxeñeira informática líder de proxectos internacionais e exitosa creadora de contidos en TikTok e outras RRSS.
As catro complementan cos seus perfis diversos unha realidade do mundo profesional na que as tecnoloxías xogan un papel moi importante e as veces non tan "evidente".
A apertura institucional e o coloquio comezará as 11.00 horas, cunha duración de 1 hora e media, ata ás 12.30 horas. (toda a información na seguinte ligazón: https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/ ). Durante todo o coloquio poderase participar con preguntas e comentarios dirixidos ás relatoras en directo. A parte técnica non será ningún problema, porque so require o acceso a través dun navegador web.