Título node Learning object

Ciclo "Novas miradas" da Filmoteca de Galicia
Xov, 14/11/2024 - 14:29

A Filmoteca de Galicia en colaboración coa Asociación A Bao A Qu comeza no mes de decembro o ciclo "Novas miradas", unha programación cinematográfica orientada a estudantes de cuarto curso de ensino secundario obrigatorio, bacharelato e formación profesional. Esta programación complétase cun encontro de formación inicial para o profesorado que terá lugar o luns día dous de decembro ás 16.00 horas na sala Sellier da Filmoteca de Galicia na rúa Duran Loriga, 10 baixo, A Coruña. Neste curso desenvolveranse contidos prácticos, metodolóxicos e instrumentais para o traballo derredor do visionamento de películas. Traballarase sobre as películas programadas e o catálogo de películas CinEd. 

A programación consite na proxección de seis obras na súa lingua orixinal (versión subtitulada en castelán) e desenvolverase de novembro a abril. Tres das obras pertencen á colección de www.cined.eu, e poderanse acordar por parte dos centros de ensino outras datas e outras localidades de Galicia, estes pormenores explicaranse no encontro do día dous de decembro.

O profesorado dos centros educativos que desexe participar no proxecto deberá contactar coa Filmoteca de Galicia, tamén poderán contactar través do enderezo de correo electrónico monica.garcia.iglesias@xunta.gal. As solicitudes atenderanse por orde de chegada e darase prioridade ao alumnado que acuda polo menos a dúas proxeccións na sala.