Actuacións
1. Reforzo da inclusión educativa
O desenvolvemento desta modalidade baséase na aplicación dun conxunto de medidas que fomenten e melloren a inclusión nos centros educativos, dirixidas á atención á diversidade, á inclusión educativa e social de todo o alumnado, á mellora das necesidades educativas do alumnado de altas capacidades e do alumnado absentista e en risco de abandono temperán dos estudos, ao respecto aos diferentes ritmos de aprendizaxe, á identificación e promoción dos talentos do alumnado, á colaboración con asociacións que traballan na diversidade funcional, ao fomento de recreos igualitarios e inclusivos, ao desenvolvemento de dinámicas de traballo cooperativo, á creación de escolas de nais e pais, e outras medidas específicas de calquera índole (pedagóxicas, organizativas…) que contribúan á inclusión e avance de todo o alumnado, especialmente daquel en situación de vulnerabilidade.
1.1.- Obxectivos específicos da modalidade
a) Favorecer a inclusión dos colectivos máis desfavorecidos, como o alumnado inmigrante, retornado, absentista ou en risco de abandono escolar temperán ou exclusión social
b) Promover estratexias que fomenten a inclusión e a equidade educativa.
c) Identificar e potenciar as diversas habilidades ou competencias do alumnado máis vulnerable para fomentar un sentimento positivo de autoeficacia persoal.
d) Favorecer un estilo atribucional saudable sobre as causas dos resultados académicos e outras facetas da vida do alumnado.
e) Mellorar a adquisición das competencias clave do alumnado máis vulnerable e de aquel en risco de abandono escolar temperán, particularmente da competencia persoal, social e de aprender a aprender.
f) Identificar as dificultades do alumnado relacionadas co seu estilo de aprendizaxe e desenvolver hábitos e técnicas de traballo intelectual e o uso adecuado de estratexias de aprendizaxe.
g) Fomentar a participación de todo o alumnado nas actividades do centro, potenciando a inclusión e o interese por continuar os seus estudos.
h) Impulsar a coordinación entre organizacións e institucións da contorna para favorecer a inclusión e diminuír o absentismo escolar.
2. Impulso da igualdade
As actuacións que se desenvolvan nesta modalidade estarán enfocadas no fomento da coeducación e a igualdade, isto é, a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes; a prevención, a detección e o tratamento das violencias machistas; e a promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual e de xénero.
2.1.- Obxectivos específicos da modalidade
a) Desenvolver na escola os valores que fomenten a igualdade efectiva entre homes e mulleres, así como a prevención da violencia de xénero ou de actitudes e comportamento discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero.
b) Propiciar dinámicas para sensibilizar, analizar e rexeitar situacións de abuso, marxinación e discriminación por razón de sexo na vida cotiá do alumnado e noutras realidades, participando, na medida do posible, en iniciativas que busquen cambiar estas situacións.
3. Mellora da convivencia
Esta modalidade suporá a aplicación de medidas que favorezan o clima escolar e as relacións entre os membros da comunidade educativa, actuacións preventivas de condutas violentas ou discriminatorias, actuacións de acollida nos centros educativos, a conciliación ou mediación escolar, a xestión de conflitos e outras accións similares.
3.1.- Obxectivos específicos da modalidade
a) Identificar as incidencias relacionadas coa convivencia no seo da comunidade educativa.
b) Promover un axeitado clima de aula e de centro, considerando as relacións globais entre todos os membros da comunidade educativa.
c) Mellorar a competencia social e cívica (CSC).
d) Impulsar a participación colaborativa das familias e doutras institucións e entidades na mellora da convivencia escolar.
e) Promover medidas que fomenten a convivencia positiva.
4. Promoción do benestar emocional
A definición das actuacións neste ámbito terán como eixe a mellora da competencia socioemocional de toda a comunidade educativa, que redunde no benestar emocional persoal e social e na súa calidade de vida, así como no desenvolvemento de estratexias que favorezan o aumento da autoestima, a empatía e a resiliencia, a mellora das habilidades comunicativas, o incremento do autocontrol emocional, a superación, a identificación das emocións dos demais e o coñecemento das propias, en liña coa Estratexia Galega de Convivencia Escolar, Educonvives 2025.
4.1.- Obxectivos específicos da modalidade
a) Adquirir e desenvolver competencias emocionais (conciencia emocional, autonomía emocional, regulación das emocións propias e alleas...), en toda a comunidade educativa, entendidas como competencias básicas para a vida.
b) Avanzar cara a unha educación emocional concibida como un eixe transversal.
c) Potenciar o deseño e implementación de programas de intervención para a adquisición e desenvolvemento de competencias emocionais.
d) Implicar o profesorado na formación da educación emocional.
e) Mellorar o rendemento académico do alumnado a través da contribución das habilidades emocionais.