Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos para o curso 2024/2025

Convivencia
Lun, 23/09/2024 - 20:59
Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos para o curso 2024/2025

A Delegación do Goberno en Galicia anuncia que durante todo o curso 2024-2025 volven estar dispoñibles para centros educativos e AMPAS-AFAS, charlas impartidas por axentes e expertos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a través do Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus contornos.

Este Plan contempla, entre outras accións, formacións que versan sobre temáticas relacionadas coa protección de menores e adolescentes e o seu dereito á seguridade persoal, tratando problemáticas como a ciberseguridade, o acoso escolar, as drogas e o alcol, as novas adiccións, os delitos de odio e discriminación ou a prevención dos delitos sexuais.

A Alta Inspección de Educación, coa colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, coordina o Plan Director, que neste curso amplía a oferta de charlas formativas e informativas destinadas ao alumnado e profesorado, poñendo énfase na prevención da violencia sobre a muller e as actitudes discriminatorias por razón de xénero. Trátase tamén de seguir incrementando o número de familias asistentes ás charlas, con novos formularios de solicitude e accións destinadas a seguir aumentando a participación.