Título node Learning object
A escritora e mestra Gloria Sánchez foi elixida Socia de Honra GÁLIX 2024 co voto unánime de toda a xunta directiva da entidade. Con esta distinción a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) recoñece o traballo a prol da literatura infantil e xuvenil galega das persoas galardoadas, así como o seu compromiso e colaboración coa entidade que outorga o recoñecemento. Gloria Sánchez (Vilagarcía de Arousa, 1958), escritora e mestra, especializouse en lingua e literatura galega e francesa, audición e linguaxe. Grande admiradora das vangardas poéticas, a súa obra está influenciada pola literatura oral e abrangue tanto narrativa coma poesía e teatro. A súa obra está traducida ao castelán, portugués, catalán, éuscaro e tamén coreano.
O presidente de GÁLIX, David Cortizo Conde, conducirá o acto e fará entrega da escultura que acredita o galardón, deseño da artista Noemí López.
O acto celebrarase o sábado 14 de setembro na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avda. De Xoán XXIII s/n – Santiago de Compostela) ás 12.00 horas. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.