Título node Learning object
O Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes publicou o proxecto Retina. Alfabetización e creación audiovisual na aula no que se aborda a aprendizaxe da linguaxe cinematográfica como un medio para a aprendizaxe.
A publicación consta de dous volumes: o primeiro dedicado ao contexto, no que se explica a necesidade dunha alfabetización audiovisual nas sociedades contemporáneas e como a linguaxe cinematográfica contribúe de maneira efectiva ao coñecemento e á aprendizaxe. Esta primeira parte da publicación complétase cunha visión didáctica do proxecto e cunha serie de exemplos de propostas didácticas. Para iso aproveitaranse, como eixo central desta alfabetización, as calidades pedagóxicas dos procesos de creación cinematográfica co fin de levar a cabo procesos de ensino-aprendizaxe que aborden, desde a reflexión crítica e a sensibilidade, calquera contido curricular ou temática transversal a partir da realidade e da contorna máis próxima.
O segundo volume está conformado por unha guía didáctica na que se desenvolve de maneira moi sinxela todo o proceso creativo para a elaboración dun proxecto audiovisual desde a idea inicial ata a obra definitiva lista para exhibir. Tamén facilita a organización do grupo e as tarefas de cada membro nas diferentes fases de produción, así como o labor do docente. Detállanse os elementos sintácticos básicos da linguaxe cinematográfica, o proceso creativo que levará a cabo o alumnado cos seus pasos máis significativos e algúns consellos prácticos que axudarán á consecución da obra final. O contido da guía didáctica é eminentemente práctico con explicacións e definicións detalladas, numerosas ligazóns a vídeos explicativos, titoriais, así como a recursos dixitais, documentais, técnicos e bibliográficos.
Estas publicacións están creadas por Sergio Clavero, docente no IES de Cacheiras e profesor asociado da Facultade de Ciencias da Educación da USC. Están deseñadas desde a súa experiencia directa na aula a través do proxecto pedagóxico de alfabetización cinematográfica Aturuxo Films.
Pódese acceder a este proxecto e descargar os seus materiais na web do Ministerio Leer.es.