Título node Learning object

Conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down
Ven, 08/03/2024 - 08:10
Imaxe

O xoves 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da síndrome de Down.

Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración desta data, o 21 de marzo [21/03], como un símbolo en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.

Desde a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades invítase a todos os centros educativos de Galicia a dar visibilidade a esta alteración cromosómica.

Marzo é o mes perfecto para dar visibilidade a esta realidade. Por iso, sería moi interesante que o profesorado dos centros educativos galegos aproveitase este mes para desterrar mitos e falsas crenzas entre o alumnado das súas aulas, reforzando varios aspectos:

  • Non hai dúas persoas coa síndrome de Down iguais.

  • Esforzo das persoas con discapacidade para superarse cada día.

  • Necesidade de empatizar e non poñer barreiras aos membros do colectivo.

En todas as aulas podería visualizarse o vídeo divulgativo “Síndrome de Down. Guía rápida” elaborado pola Federación Down Galicia. Trátase dun vídeo curto de animación no que se explica de xeito moi sinxelo e visual que é a síndrome de Down.

Ligazón ao vídeo: https://youtu.be/wov5BIVmlXw

Nas aulas de Educación Primaria podería traballarse co vídeo “Cromoconto”, elaborado pola Federación Down Galicia, a película “Valentina” (2021), ou con contos inclusivos como, por exemplo, “Por cuatro esquinitas de nada”, “El cazo de Lorenzo”...

Versión Youtube:

A través da seguinte ligazón ou na biblioteca do voso centro educativo, pódese consultar o libro de Os Bolechas "Xela celebra o seu aniversario: unha historia sobre a amizade sen barreiras e a síndrome de Down", que Down Galicia elaborou para intentar explicar ás rapazas e rapaces máis pequenos o que é a síndrome de Down e para romper mitos e estereotipos sobre esta alteración cromosómica.

https://downgalicia.org/wp-content/uploads/2021/03/Libro_Down_Bolechas.pdf

Nas aulas de Educación Secundaria poderían amosarse perfiles e experiencias de persoas coa síndrome de Down e/ou ver películas ou documentais que amosen a realidade do colectivo como “Campeones” (2018) ou “La historia de Jan” (2016).

Así mesmo, recórdase a todo o profesorado que está á súa disposición o “Protocolo de atención educativa do alumnado coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual” no seguinte enlace: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/25286

E, se se desexa, na seguinte ligazón pódese visualizar o vídeo “Como falar sen excluír nin discriminar”, elaborado pola Federación Down Galicia: https://youtu.be/vKQQ29YZyAk

Esta peza audiovisual está orientada a sensibilizar, positivizar e concienciar sobre a terminoloxía máis adecuada para referirse ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

Pódese consultar toda a información sobre a campaña da Federación Down Galicia, así como outras dinámicas de equipo para traballar na aula, na seguinte ligazón: https://downgalicia.org/dia-mundial-sindrome-down/