Apertura dun prazo para actualizar o expediente persoal para o persoal docente funcionario de carreira e de prácticas
O persoal docente funcionario de carreira e de prácticas poderá actualizar o seu expediente persoal naquelas categorías de datos nas que non consten os datos actualizados, estean incompletos ou incorrectos, mediante o enderezo web http://www.edu.xunta.gal/datospersoais de conformidade coa Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (DOG nº 112 do 15 de xuño de 2021), código de procedemento ED011A.
De acordo coa disposición adicional terceira da Orde do 2 de xuño de 2021 o persoal docente dependente doutra Administración educativa que obtivo praza no último concurso xeral de traslados na Comunidade Autónoma de Galicia poderá solicitar tamén neste prazo a actualización do seu expediente persoal.
O prazo de presentación de solicitudes abranguerá desde o día 03/10/2023 ata o día 09/10/2023, ambos incluídos.
A solicitude cubrirase obrigatoriamente a través do formulario normalizado accesible na páxina web https://www.edu.xunta.gal/datospersoais/ e presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
Para isto, deberá proceder do seguinte xeito:
1. Acceder á páxina web www.edu.xunta.gal/datospersoais.
2. Identificarse mediante calquera dos mecanismos permitidos: correo de dominio edu.xunta.gal e contrasinal, Chave 365 ou certificado electrónico.
3. Premer na lapela As miñas instancias (parte esquerda do menú).
4. Seleccionar o tipo de instancia: Instancia de méritos outubro 2023 e premer no botón CREAR NOVA INSTANCIA.
5. Unha vez creada a instancia deberá acceder ao menú existente no apartado Resumo de alegacións e formular as alegacións que considere oportunas utilizando o botón Facer alegacións eixstente en cada categoría de datos. Neste paso é obrigatorio que engada na aplicación con cada alegación o documento xustificativo desta.
Lembre que:
*non é preciso que presente a documentación de novo posteriormente na sede electrónica se xa a engadiu na aplicación de datos persoais.
*como documentación xustificativa non é válido engadir un arquivo no que consten unidos varios documentos alegados en diferentes categorías ou apartados do expediente. O documento que anexe deberá corresponderse con cada alegación que formule.
*só se permite engadir un máximo de 2 documentos por cada alegación.
6. Logo de finalizar as alegacións, deberá pechar a solicitude e presentala electronicamente mediante a lapela Presentación en sede cuxa ligazón lle permitirá acceder á sede electrónica da Xunta de Galicia. Lembre que a solicitude só estará correctamente presentada cando se lle permita descargar o recibo xustificativo da presentación telemática.
IMPORTANTE: só se admitirá a última solicitude pechada en datos persoais e presentada na sede electrónica. Por esta razón, TODOS os méritos deben alegarse na mesma solicitude.
No caso de que vostede esqueza alegar algún mérito, pode crear unha nova instancia en datos persoais creando unha copia da anterior para engadir o mérito ou méritos que non tivese alegado na solicitude anterior.