Título node Learning object
A Real Academia Galega pon a disposición de todo o público interesado material diverso para commemorar o Día das Letras Galegas 2023.
Recentemente comezou a emisión de Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu, unha serie web documental que percorre a biografía do protagonista do Día das Letras Galegas en seis episodios. Xa se estreou o segundo capítulo e cada luns, ata o 24 de abril, a institución difundirá unha nova entrega.
A serie pode verse na canle de Youtube da RAG e na sección das Letras Galegas 2023 de academia.gal.
A RAG dedica, ademais, a Francisco Fernández del Riego a páxina web para o público infantil Primavera das Letras (primaveradasletras.gal), onde xa está dispoñible As cousas de don Paco, unha biografía en forma de obra teatral, para ler e representar dentro e fóra das aulas. A escritora Eva Mejuto recorre á fantasía e ao humor para presentar a figura do intelectual e do tempo que lle tocou vivir nunha fermosa e divertida proposta ilustrada por Lucía Cobo.
Primavera das Letras ofrece tamén outros recursos lúdicos e didácticos. A sección Xoga connosco conta con fichas para colorear e actividades interactivas que irán medrando ao longo da primavera e, un ano máis, convocarase o concurso escolar Contádenos o voso Día das Letras.
Na mesma páxina web está dispoñible a curtametraxe de ficción A orixe da nosa lingua guapa, un filme baseado nunha idea orixinal da académica Fina Casalderrey para lles explicar aos cativos e cativas como se foi formando o galego ao longo da historia.