G2103013 Roteiro polos espazos vitais e literarios de Miguel Delibes
G2103013 Roteiro polos espazos vitais e literarios de Miguel Delibes
Referencia: G2103013
Data: 21 de maio de 2022
Relator: Jorge Urdiales Yuste
Jorge Urdiales Yuste (Madrid, 1969) é licenciado en Filoloxía hispánica (1992) e doutor en Ciencias da Información (2004) coa súa tese El discurso de carácter popular-rural en la narrativa de Delibes. Investigador incansable da obra de Miguel Delibes, é autor do Diccionario del castellano rural en la narrativa de Miguel Delibes e do Diccionario de expresiones en Miguel Delibes. Neles recolle o significado da linguaxe rural da narrativa delibesiana. No seu terceiro libro, Aprende a redactar con Miguel Delibes, emprega o único método práctico en español para aprender a redactar. Publica Castrillo Habla (2017), unha mirada aos últimos 100 anos de Castrillo Tejeriego (Valladolid). A súa primera novela, de 2018, titúlase El Camino de Rodrigo. Para o centenario de Delibes o Ministerio de Cultura patrocinou o seu último libro: Castilla sigue hablando. 100 años de Miguel Delibes (2020).
Profesor da Institución Educativa SEK. Premio de Periodismo «Provincia de Valladolid» 2011. Creador das Rutas de Delibes (2013): Las perdices del domingo, Diario de un cazador, Mi vida al aire libre, El último coto, Aventuras, venturas y desventuras de un cazador a rabo e Con la escopeta al hombro. Colaborador de Onda Cero (2007-2013), EsRadio (2013-2020) e Cadena SER (2020). Desde o 2016 ata a actualidade forma parte da Asociación Canadiense de Hispanistas e desde o 2007 a 2010 da Sociedad Cervantina institución dedicada á obra do autor de El Quijote na que se encargou, entre otras cousas, da homenaxe a Cervantes nos anos 2008, 2009 e 2010.
Miguel Delibes, ademais de escritor, pai de familia e incansable traballador, foi un apaixonado do campo. A súa faceta como cazador é, quizais, a máis coñecida, debido aos moitos títulos de novelas e ensaios onde desenvolve o tema, ou onde a caza serve de argumento ou pano de fondo para a trama.
Delibes tamén foi pescador (Mis amigas las truchas corrobórao) e naturalista. O seu discurso de ingreso na Real Academia é un canto ao uso da linguaxe no mundo rural e unha defensa do campo, a natureza e os seres propios dela, que Delibes xa entrevía en perigo polo avance dos modos de vida modernos.
Como cazador, coa súa cuadrilla habitual e a posterior incorporación dos seus fillos, segundo ían chegando á idade apropiada, Delibes aproveitou cantos días puido para percorrer cotos, ladeiras, montes e páramos en busca dunha presa apropiada, unha charla cun amigo e un recanto de campo. Nunhas ocasións, as partidas levábanos lonxe da casa, pero habitualmente, en xornadas dunha mañá ou pouco máis, a excursión estendíase a calquera punto da provincia de Valladolid que prometese unha boa aventura nese día.
Os Roteiros de Miguel Delibes por Valladolid están baseadas en libros do escritor:
- Las perdices del domingo.
- Diario de un cazador.
- Mi vida al aire libre.
- El último coto.
- Aventuras, venturas y desventuras de un cazador a rabo.
- Con la escopeta al hombro.
Estes 6 roteiros, que se publicarán de forma continua, conforman unha deliciosa guía turística que nos convida a percorrer pequenas aldeas e comarcas valisoletanas que facilitan coñecer mellor a provincia e achegarse a lugares e vilas que están fóra das visitas turísticas habituais. Da man de Jorge Urdiales Yuste, pola mañá, percorreremos algúns dos puntos principais dos devanditas roteiros.
- Percorrido
Pola mañá e da man de Jorge Urdiales Yuste percorreremos algúns dos puntos emblemáticos dos devanditor roteiros. Comezaremos en Villafuerte de Esgueva e descubriremos o segredo do léxico rural de Miguel Delibes así como os recantos do castelo, a cantina da señora Elisea, a casa de Daniel el Mochuelo e teremos unha visión xenérica de todo o val do Esgueva. A continuación desprazarémonos a Castrillo Tejeriego, que nos enlaza con Delibes e o cine, máis concretamente coa versión de Las ratas (a casa da Toya onde se gravaron escenas da devandita película), os cazadores de ratas, así como a súa vinculación con La Sinova que nos fala do Delibes cazador (o seu primeiro paspallás). Para finalizar a mañá desprazarémonos a Quintanilla de Onésimo onde volveremos repasar algo do léxico rural delibesiano e retrotraerémonos aos veráns do Delibes neno, pastelería, o Delibes pescador e a súa relación co pai. Teremos un pequeno panorama do que queda de Delibes aos 100 anos do seu nacemento.
Pola tarde, da man de Cipriano Salcedo e, novamente, de Jorge Urdiales Yuste percorreremos os lugares nos que o escritor valisoletano Miguel Delibes ambienta a súa novela histórica El hereje, á vez que tenta reconstruír a entón vila de Valladolid no seu momento de máximo esplendor, a primeira metade do século XVI. O feito histórico arredor do cal vira todo o relato son os dous grandes autos de fe que se celebraron en maio e outubro de 1559.
Algúns dos puntos que percorreremos son:
Plaza de San Pablo. Na Corredera de San Pablo, actual calle de las Angustias, sitúa o autor da novela a casa dos Salcedo onde Cipriano, o protagonista, ve a luz en 1517.
O mundo dos letrados, representado na novela por D. Ignacio Salcedo, oidor da Real Audiencia e Chancillería, lévanos ata o Palacio do Licenciado Butrón, avogado da Audiencia no século XVI, na veciña Plaza de Santa Brígida.
Os Palacios que rodean a Plaza de Fabio Nelli foron residencia de nobres como don Carlos de Sesso, personaxe histórico, ou de ricos mercadores italianos que se asentaron en Valladolid, como Fabio Nelli, cuxo Palacio do século XVI é hoxe sede do Museo de Valladolid.
Na Plaza de la Trinidad atópase o que fora Palacio dos Condes de Benavente (s. XVI), onde se instalou no XIX o Hospicio da cidade, unha institución que no século XVI estaba a cargo da Confraría de San José de los Niños Expósitos, lugar onde estuda Cipriano Salcedo. Nas proximidades localizábase a Xudería de Valladolid, onde os Salcedo tiñan o seu almacén de las e desde onde partían cara a Burgos, atravesando a Ponte Maior, única que cruzaba nesta zona o río Pisuerga, para vender a la a Flandes a través dos comerciantes de Burgos. Na rúa de Santo Domingo de Guzmán aséntase o Convento de Santa Catalina, de monxas dominicas, implicadas no proceso do Doutor Cazalla xunto aos conventos de Santa Clara e Santa María de Belén.
Cerca, a Capela dos Fuensaldaña, hoxe una das salas do Museo de Arte Contemporánea Español, lugar no que é enterrada Dona Leonor de Vivero, nai do Doutor Cazalla.
Na hoxe rúa do Doutor Cazalla, estivo a casa de dona Leonor de Viveio que servía de lugar de reunión para os conventículos ou conciliábulos dos luteranos.
Da Plaza de Fuente Dorada partía a Rúa de Orates, na que se atopaba o Hospital dos Inocentes ou de Orates, onde Cipriano se ve obrigado a ingresar á súa esposa Teo “La reina del páramo” cando esta tolea. Tamén sitúa a taberna de Garabito, onde Bernardo Salcedo acudía a tomar viño cos amigos e por aquí chegou o cortexo dos reos cara ao auto de fe desde o cárcere secreto da Inquisición.
A Plaza Mayor era no século XVI a Plaza del Mercado e o lugar onde se celebraban todo tipo de festas, tanto civís como relixiosas así como os autos de fe. Tras o incendio de 1561 procedeuse á súa reconstrución deseñada por Francisco de Salamanca por orde de Felipe II. Os condenados acudían a esta cerimonia vestidos con corozas na cabeza e sambenitos no peito. Ao finalizar, os reos penitenciados volvían ao cárcere e os demais eran montados en pequenos burros e levados a través da rúa Santiago ao lugar de execución da condena.
Antes de chegar ao “quemadero de la villa” unha placa en honra de Miguel Delibes na Iglesia de Santiago lémbranos que era aquí onde predicaba cada venres o Doutor Cazalla.
Xa na Plaza Zorrilla, fóra dos muros da vila ao atravesar a Puerta del Campo, asistíase ao último acto do proceso contra os luteranos: a queima pública. Aínda que a maioría eran executados mediante garrote vil antes de lanzar os seus corpos ás chamas algúns eran queimados vivos. Ao acabar todo, recollíanse as cinzas e se aventaban querendo borrar así todo rastro daqueles aos que a Inquisición condenara.