Título node Learning object
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Xunta de Galicia convocan o V Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos no Día Europeo da Protección de Datos, que se celebra o 28 de xaneiro. Está dirixido a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnos e alumnos de 1º a 4º de ESO.
O obxecto é que os estudantes tomen conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos
Os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos deberán responder a preguntas como “Que é para ti a protección de datos, como afecta no teu día a día?, como podo protexer os meus datos?”. Os textos de referencia serán o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (http://www.edu.xunta.gal/portal/Educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos (www.agpd.es).
Os traballos deberán presentarse en formato dixital en PDF, cunha extensión de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO, e de entre 800 e 1.000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe. O prazo para presentalos estará aberto ata as 15:00 horas do 28 de febreiro.
Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización.
O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, daranse a coñecer no mes de marzo. Pódense consultar as bases da convocatoria nas páxinas web das institucións convocantes (http://www.cpeig.gal e http://www.edu.xunta.gal/portal/).