Programa Lingua rodada
Lingua rodada é unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo coa finalidade de potenciar o uso e a valoración positiva do galego entre as xeracións máis novas, en consonancia co Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.
Para acadar este obxectivo é evidente a importancia as tecnoloxías da información e da comunicación, a Internet, as redes sociais e os recursos audiovisuais, ao seren do gusto das xeracións novas, todas elas nativas dixitais.
Con esta proposta, os rapaces e rapazas crearán vídeos baseados en pequenos relatos para plasmaren a esencia da nosa terra: a súa fala, a súa xente e os seus costumes, lendas, paisaxes, patrimonio, historia…
Poderá participar alumnado de 12 a 17 anos dos centros de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que curse ensinanzas de educación secundaria (ESO, 1.º de bacharelato, formación profesional básica e ciclos formativos de grao medio) e especiais de grao medio con vídeo-relatos de ata 1:30 min de duración, gravados con aparellos móbiles.
- A 1.ª fase iniciarase cunha proba de selección aberta (casting) na que se elixirán os tres mellores vídeo-relatos enviados polos centros. O prazo de inscrición será do 10 de xaneiro ao 3 de febreiro, e o de envío dos traballos, do 4 de febreiro ao 4 de marzo de 2020.
- Na 2.ª fase, os tres centros finalistas da proba de selección recibirán un obradoiro de 3 h de duración, entre o 11 e o 13 de marzo, e enviarán un novo vídeo-relato a linguarodada@gmail.com.
Entre o 16 de marzo e o 22 de abril, O xurado de Lingua rodada elixirá o audiovisual gañador. - Na 3.ª fase, o alumnado participante na obra gañadora terá a oportunidade de rodar o seu vídeo-relato cun equipo de profesionais do audiovisual durante unha convivencia de dous días no rural galego, e de asistir á súa presentación na XVII Edición do Festival de Cans.
Este programa é tamén unha pequena homenaxe a Chano Piñeiro, un dos pioneiros do cinema galego, no 25 aniversario do seu pasamento. En 2020 tamén se farán 35 anos da primeira emisión da TVG, que comezou en xullo de 1985 con Mamasunción, unha curta que ese ano ampliaría o seu palmarés cunha chea de premios en certames nacionais e internacionais.
Nas súas palabras, "facer cine en Galicia é posible e facer cine en galego é necesario".