Título node Learning object

Fase autonómica do concurso Consumópolis-11 “Ti consomes: Fano igual en todas as partes?”
Ven, 18/03/2016 - 10:30
Logo de Consumópolis-11

Promover a educación para o consumo responsable nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia constitúe un dos obxectivos do Instituto Galego de Consumo, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.

O concurso escolar Consumópolis contribúe a esta finalidade, xa que está pensado para promover entre o alumnado hábitos de consumo responsable, fomentando a participación dos centros educativos en actividades relacionadas coa educación para o consumo.  

O Instituto Galego de Consumo participa na organización do concurso escolar Consumópolis, conxuntamente coa Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN) e dezaseis comunidades autónomas máis. 

Este concurso desenvólvese en dúas fases:

1ª Fase, informativo – formativa. Na primeira fase do concurso o alumnado ten que superar diferentes probas na cidade virtual de Consumópolis, que cada ano ten unha proposta temática diferente relacionada co consumo responsable. Desenvólvese entre o 19 de outubro de 2015 e o 18 de xaneiro de 2016, ambos inclusive.

2ª Fase, elaboración dun traballo en equipo, con premios autonómicos e estatais. Na segunda fase do concurso preténdese fomentar o traballo en equipo, e consiste no deseño, elaboración e presentación dun traballo conxunto, que reflicta dúas maneiras distintas de consumir. Desenvólvese entre o 19 de xaneiro de 2016 e o 7 de marzo de 2016, ambos inclusive.

 Unha vez rematado o prazo para a elaboración do traballo en equipo, correspóndelle ao Instituto Galego de Consumo efectuar a convocatoria autonómica para premiar aos mellores traballos realizados polos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia e seleccionar aos tres traballos que poderán participar na convocatoria estatal.

 En consecuencia, convócase a fase autonómica do concurso sobre consumo responsable e calidade de vida: Consumópolis-11 “Ti consomes: Fano igual en todas as partes?”

 Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada un dos seguintes niveis de participación:

  • Alumnado de 3º ciclo de Educación Primaria
  • Alumnado de 1º e 2º curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO)
  • Alumnado de 3º e 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO)

 Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada un dos niveis de participación sinalados representarán á Comunidade Autónoma na fase estatal, que se celebrará en Madrid.

O prazo para a presentación dos traballos á fase autonómica comezará o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 31 de marzo de 2016.