Cambio na política de contrasinais nas contas de correo de Educación
Co gallo de adaptar os sistemas de información da CCeOU á política de contrasinais para o acceso a sistemas de información da Xunta de Galicia, entre o 15 de setembro e o 31 de outubro os contrasinais da totalidade das contas de correo e de usuario de educación terán que cumprir as seguintes características:
Lonxitude mínima: 8 caracteres
Complexidade: O contrasinal debe estar composto por letras (maiúsculas e minúsculas) e números ou caracteres especiais ($,%,&, etc.). O contrasinal non pode conter o identificador do usuario, DNI, nome ou apelidos do usuario. O novo contrasinal debe diferenciarse polo menos en tres caracteres do último contrasinal empregado. Tampouco poderá coincidir con ningún dos últimos 5 empregados.
Caducidade: 120 días
Bloqueo temporal da conta: Tras 5 intentos incorrectos
Desbloqueo da conta: Automático, tras 15 minutos.
Entre o 15 de setembro e o 31 de outubro o contrasinal de cada conta de correo que actualmente non cumpra dita política (todas as que non teñen caducidade do contrasinal) será marcado como caducado, e haberá que indicar un novo contrasinal. Lembre que pode cambiar o contrasinal na aplicación Contausuario ( https://www.edu.xunta.gal/contausuario/ ), menú Conta, apartado Cambiar contrasinal. No caso de que o seu contrasinal estea caducado poderá acceder a Contausuario empregando o antigo contrasinal e indicar un novo contrasinal en dita aplicación.
Uns días antes da data de caducidade do seu contrasinal recibirá unha mensaxe automática indicando dita data límite. A nosa recomendación é que non espere a que lle caduque o contrasinal, é mellor que o actualice antes para evitar molestias.
Importante: Por favor, revise na aplicación Datospersoais ( https://www.edu.xunta.gal/datospersoais/ ) a vixencia dos seus datos de contacto. No caso de que nalgún momento esqueza o seu contrasinal, vostede poderá rexeneralo sempre que na súa información de contacto exista unha dirección de correo electrónico externa (que non sexa @edu.xunta.es) ou ben un teléfono móbil. No caso de que non consten eses datos de contacto, será necesario que contacte co seu departamento de persoal para que se lle incorpore dita información na súa ficha, ou ben deberá achegarse ás instalacións da xerencia de proxectos de educación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no soto do edificio de Educación no complexo administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela.
Normativa aplicable
- Lei Orgánica 15/1999, do 13 de Decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD).
- Real Decreto 1720/2007, do 21 de Decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de Decembro, de protección de datos de carácter persoal (RLOPD).
- Real Decreto 3/2010, do 8 de Xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración Electrónica (ENS).
- Estándar Internacional ISO/IEC 27002. Tecnoloxía da Información. Técnicas de seguridade.
- Decreto 230/2008, do 18 de Setembro, polo que se establecen as normas de Boas Practicas na utilización dos sistemas de información da Administración da Comunidade Autonómica de Galicia.
- Decreto 198/2010, do 2 de Decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de de Galicia e nas entidades dela dependentes.
- Política de seguridade da información da Administración xeral e do sector publico autonómico de Galicia, aprobada o dia vinte e cinco de xuño de dous mil quince polo Consello da Xunta de Galicia
Dende a Xerencia de Proxectos de Educación agradecemos de antemán a súa comprensión polas posibles molestias que este cambio poden suporlle.