Título node Learning object

Exemplos de preguntas PISA 2015
Ven, 06/03/2015 - 14:03
Logo do Instituto Nacional de Avaliación Educativa

A Comunidade Autónoma de Galicia participa no Programa Internacional de Avaliación de Alumnos (PISA). Este estudo internacional de avaliación educativa está coordinado pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) e, no relativo a España, polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través do Instituto Nacional de Avaliación Educativa (INEE).
PISA avalía cada tres anos lectura, matemáticas e ciencias, pero, en cada edición, unha delas, como competencia principal.
Unha característica destacada deste estudo é a mostra elixida. PISA non trata de avaliar os alumnos escolarizados nun determinado curso académico, senón aqueles que alcanzasen a idade de 15 anos.
O obxectivo de PISA é obter de forma cíclica datos sobre o rendemento académico do alumnado co fin de establecer puntos de referencia comúns no eido da educación entre os países participantes, na actualidade máis de 70.
A edición de PISA 2012 centrouse en matemáticas e incluíu unha proba dixital de resolución de problemas da vida real e de competencia financeira. PISA 2015 centrarase nas ciencias e tamén avaliará a resolución de problemas colaborativos, lectura e matemáticas.
Por primeira vez a proba realizarase por completo en ordenador. Algunhas das preguntas de PISA na competencia de ciencias serán interactivas e inclúen menús despregables, pequenos vídeos e botóns deslizantes en gráficos para analizar os resultados e pequenas aplicacións que permiten ensaiar diversas situacións.
Como esta proba se vai realizar en ordenador, na páxina web http://goo.gl/vuLqj do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte están dispoñibles exemplos de preguntas PISA da competencia de ciencias e resolución de problemas colaborativos que acaba de publicar a OCDE e tamén en http://goo.gl/G6qwsC un vídeo de 2 minutos con preguntas interactivas liberadas.

Menús Learning object node R