Protocolo de consenso sobre TDAH na infancia e na adolescencia nos ámbitos educativo e sanitario
O alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) existe e forma parte da diversidade de toda aula e da mesma sociedade, estando considerado, ademais, nese gran grupo de alumnado que a normativa básica identifica como alumnado con necesidade específica de apoio educativo (ANEAE).
O trastorno por déficit de atención e hiperactividade é un patrón persistente de conduta de desatención, hiperactividade e impulsividade que comeza a manifestarse ao longo da infancia e que inflúe negativamente no funcionamento e no desenvolvemento das nenas, dos nenos e das persoas adolescentes afectadas, manifestándose na familia, na escola, nas relacións interpersoais, nas actividades de lecer, en forma de dificultades para agardar, para concentrarse nunha tarefa, para controlar as accións e emocións, para planificar e solucionar problemas, etc.
A presenza do TDAH nos distintos ámbitos da vida dunha persoa fai necesario que a abordaxe se realice desde un enfoque interinstitucional, integral e de colaboración, cando menos, entre a familia, o sistema educativo e o sistema sanitario.
Conscientes desa situación e da necesidade dunha coordinación axeitada, a Consellería de Sanidade e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaban de facer público o resultado dun esforzo conxunto, identificado como PROTOCOLO DE CONSENSO SOBRE TDAH NA INFANCIA E NA ADOLESCENCIA NOS ÁMBITOS EDUCATIVO E SANITARIO, co que se pretende contribuír á mellora da atención e á redución das dificultades que este trastorno ocasiona a diario na vida de moitas nenas, nenos e persoas adolescentes.
No documento indicado, que se pon a disposicións das comunidades educativas e sanitarias, e da poboación en xeral, realízase unha aproximación ao concepto do TDAH e ás súas principais manifestacións. Igualmente, establécense as principais actuacións a desenvolver pola familia, polo profesorado, polos servizos de orientación e polos servizos sanitarios.
Sen embargo, tal vez o máis importante deste protocolo consiste en que establece o camiño a percorrer desde as primeiras sospeitas e define a liña de comunicación entre os servizos educativos e os sanitarios e viceversa.