Título Event node R

Comezo do curso O cine e o ensino da historia

Data: 

19/02/2014 - 07/05/2014
Martes, 18 Febreiro, 2014 - 10:34

O curso, que dá comezo cunha ponencia de carácter teórico sobre as relacións entre o cine e a historia, estrutúrase a continuación en tres partes diferentes, aínda que interconectadas: un cinefórum, un obradoiro de cine e un panorama sobre a práctica educativa. O cinefórum persegue, a través da proxección de fragmentos de varias películas consideradas "clásicas" e do seu comentario e debate, afondar en diferentes aspectos temáticos reflectidos no cinema (ideoloxía, sociedade, conflito bélico) dende un punto de vista tanto cinematográfico como histórico e pedagóxico. A práctica educativa busca afondar no aspecto da aplicación didáctica do cinema na aula de historia, así como dar a coñecer diferentes perspectivas metodolóxicas no devandito emprego. Tras unha primeira parte de certa amplitude temática, a segunda parte do curso estreita o abano temático para centrarse nun único tema: o estudo da historia a través da cidade. O obradoiro de cinema consistirá precisamente na elaboración, por parte dos asistentes, dun pequeno documental sobre a cidade de Santiago e a súa historia. 

O curso contará coa presenza de destacados relatores, procedentes tanto do eido universitario como do ensino secundario: Ángel Luis Hueso Montón (Catedrático de Historia da Arte - Historia do cine, Universidade de Santiago), José Búa González (Asesor de Medios Audiovisuais, Consellería de Cultura e Educación) e os Profesores de Xeografía e Historia Víctor Santidrián Arias (IES de Arzúa) e Manuel González Álvarez (IES Concepción Arenal, Ferrol). Así mesmo, co fin de complementar a visión docente coa puramente cinematográfica, o curso inclúe dúas ponencias de dous destacados directores de cine galego: Antón Caeiro e Xurxo Chirro (Novo Cinema Galego), que presentarán e comentarán dúas das súas películas en relación coa historia. 

Por último, a actividade, dirixida en especial a profesores de ensino medio e bacharelato da especialidade de ciencias sociais, xeografía e historia, abrangue un total de 35 horas de formación e celébrase no CAFI, en Santiago de Compostela.