Título node Learning object
A Asociación Española de Pediatría e Atención Primaria (AEPap) presenta a web “Familia y salud” para promover a educación para a saúde, fomentar os bos hábitos e mellorar os coidados en saúde infantil e do adolescente.
Trátase dunha web destinada a familias e coidadores, aos propios nenos e nenas e adolescentes e, tamén, para todos aqueles que traballan con este sector da poboación, profesionais sanitarios e docentes. Pretende ser un recurso útil e práctico na promoción de hábitos saudables, o seguimento do crecemento e desenvolvemento evolutivo do neno, a prevención das enfermidades e situacións de risco, e para ofrecer información fiable sobre algúns temas relevantes relacionados coa crianza e a saúde dos menores.
Todos estes contidos preséntanse nun formato sinxelo, de fácil acceso e carácter divulgativo, nos que se coida a linguaxe para ofrecer mensaxes claras, útiles e comprensibles para todo tipo de persoas. Evítanse os tecnicismos e a terminoloxía médica que puidera dificultar a lectura.
Os documentos están clasificados en diferentes sectores (e cores) para facilitar a procura e selección dos temas de interese. Están dispoñibles produtos divulgativos da propia Asociación e os seus Grupos de Traballo, como os Decálogos sobre Alimentación sa, Manexo da Febre ou Manexo da Tose; Ademais vanse incorporando novos temas, ferramentas e enlaces útiles e fiables que a complementan e enriquecen.
Pode ser unha ferramenta moi útil para os Centros Educativos e os profesionais docentes, de diferentes niveis educativos, como consulta, apoio e incluso como material de traballo co alumnado no fomento de hábitos saudables, tales como: alimentación, hixiene e saúde bucodental, soño, ocio e actividade física, prevención de accidentes, saúde emocional; etc. Ademais pode servir como elemento de axuda na valoración compartida que profesionais do ámbito educativo realizan en relación coa supervisión e seguimento do desenvolvemento psicomotriz, linguaxe e trastornos do comportamento e de relación con pares.
Así mesmo destacar, especialmente para os Centros con Educación Secundaria, a sección “SALUD JOVEN”, unha páxina específica destinada á información e consello de saúde para adolescentes, mozos e mozas. Contén temas de interese para ser utilizados tamén como material docente para as aulas.