A Xunta pon en marcha a aplicación abalarMóbil, que permite ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos desde o móbil
Pais e nais poderán consultar as cualificacións, as faltas de asistencia ou solicitar unha titoría desde os seus dispositivos móbiles
Simplifica o acceso á información, xa que non se precisa dun certificado dixital ou do DNI electrónico e dun ordenador con lector de tarxetas
A implantación da aplicación arranca nunha primeira fase en once centros educativos das catro provincias galegas, o que implica a máis de 4.500 familias
Nos vindeiros meses ampliarase a todos os centros ata beneficiar a preto de 400.000 familias galegas
Está dispoñible para os sistemas operativos IOS e Android e traslada as funcionalidades do espazoAbalar aos smartphones e tablets
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pon en marcha a aplicación abalarMóbil, que permitirá ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos dende calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles.
A aplicación foi presentada esta mañá polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e a directora da Amtega, Mar Pereira, no IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, onde hai tres anos arrancaba o Proxecto Abalar. Ao acto asistiron ademais o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; a directora do centro, María Soledad do Muíño; o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e o xefe de departamento da Área de Solucións Tecnolóxicas da Amtega, Ramiro Vázquez.
Segundo explicaron os responsables autonómicos, a entrada en funcionamento desta ferramenta é un paso máis na evolución do Proxecto Abalar. Unha iniciativa, que ademais de garantir a dotación e o mantemento da infraestrutura TIC en todos os centros educativos, busca a participación de toda a comunidade educativa, facilitando ao profesorado, as familias e ao resto da comunidade educativa contidos e recursos educativos dixitais no espazoAbalar. A través desta web, que suma máis de 2 millóns de visitas desde 2010, pais, nais, alumnos e profesores teñen un punto de encontro e consulta na rede.
A implantación da aplicación arranca nunha primeira fase en once centros educativos das catro provincias galegas, o que implica a máis de 4.500 familias. O alcance da aplicación ampliarase paulatinamente ao resto dos centros educativos ata beneficiar a preto de 400.000 familias galegas. En concreto os centros que iniciarán a experiencia son o CEIP Fogar e IES Alfredo Brañas de Carballo, CEIP Ana Mª Diéguez e IES Feliz Muriel de Rianxo, IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, CEP Santa Rita de Viveiro, IES Río Cabe de Monforte, CPI Tomás de Lemos de Ribadavia, IES Blanco Amor de Ourense, CPI Panxón de Nigrán, e IES Sánchez Cantón de Pontevedra.
Acceso máis sinxelo
AbalarMobil traslada ás tablets e aos smartphones os servizos que as familias teñen no espazoAbalar. A principal vantaxe da nova ferramenta é que simplifica o acceso a estas funcionalidades, xa que o único requirimento para acceder á información é descargar a aplicación. O acceso desde un ordenador precisa dispoñer dun certificado dixital ou do DNI electrónico, que verifique a identidade do usuario. Coa nova aplicación só é necesario dispor dun teléfono móbil con conexión de datos e descargar a aplicación para poder acceder aos servizos de abalarMóbil.
Funcionalidades
As familias que descarguen a aplicación poderán consultar desde o seu dispositivo móbil as cualificacións dos seus fillos, consultar e xustificar as faltas de asistencia, as faltas de conduta, os horarios e as materias, así como os avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo.
A aplicación está dispoñible para os sistemas operativos IOS, a través da Apple Store e Android, desde a Play Store. AbalarMóbil é a segunda aplicación que a Administración autonómica pon a disposición dos usuarios no espazo ‘Xunta’, onde se publicarán o resto de aplicacións do sector público galego nos dispositivos móbiles.
Cifras Abalar
A Xunta de Galicia continúa este ano co despregamento do Abalar, dotando de equipamento de aula, as aulas de 6º de primaria e 2º de ESO dos centros que se incorporaron ao proxecto no curso 2012/2013. Isto suporá un total de 300 novas aulas e un total de 6.000 alumnos máis beneficiados.
Deste xeito está previsto que neste curso 2013/2014 o Abalar chegue a 2.300 aulas de 531 centros educativos, e que benefícianse deste programa máis de 49.000 estudantes.
Outro dos compromisos da Consellería de Cultura e Educación é continuar avanzando na cultura dixital, de forma aliñada co Ministerio de Cultura, Educación y Deporte. Neste sentido gustaríame salientar que a Consellería vén de ser aceptada como socia no programa europeo iTEC , o maior proxecto europeo en materia do uso da rede nas escolas, no que traballan conxuntamente ministerios, provedores de tecnoloxía e organizacións de investigación e estudo., O seu obxectivo é afondar na investigacións sobre as posibilidades que as novas tecnoloxías teñen para o proceso ensino-aprendizaxe.
O iTEC ten neste momento 27 socios, polo que a nosa incorporación a este proxecto é unha clara mostra do bo facer que se vén desenvolvendo nos últimos anos en materia de incorporación das TIC ao ensino.
Máis de 200 centros con 100 megas
No desenvolvemento de iniciativas como Abalar é fundamental dispoñer dunhas infraestruturas de telecomunicación adecuadas, para que todos os centros teñan acceso a unha conexión á rede de calidade. nos últimos tres anos, grazas ao Plan de Banda Larga, a Xunta cuadriplicou a velocidade media de conexión a internet dos centros educativos galegos. No 2009 o ancho de banda medio situábase nos 5Mbps fronte aos máis de 21 Mbps a día de hoxe
Ademais, o Plan permitiu que 219 colexios e institutos conten con redes de 100 Mbps de velocidade, dos cales 21 disporán desde esta semana con velocidades de 200 Mbps, entre eles o IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, no que se presentou a aplicación abalarMóbil.