A Consellería de Cultura e Educación e a AMTEGA porán a disposición da cidadanía de forma gratuíta o currículo completo de bacharelato no repositorio de contidos do espazoAbalar
Coas novas incorporacións este espazo contará con 1.900 contidos educativos dixitais
Deste xeito favorécese un espazo educativo no que tanto os docentes como os alumnos poidan desenvolver as súas actividades académicas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) porán a disposición da cidadanía, de forma totalmente gratuíta, o currículo completo de bacharelato no repositorio de contidos do espazoAbalar, para fomentar o uso das tecnoloxías da información e comunicación no proceso de ensino-aprendizaxe.
Os docentes van a poder incorporar as unidades didácticas á aula virtual do seu centro, adaptando a temporalidade, os contidos, as actividades, etc. para a aula ou o para seu uso fóra da mesma.
Así mesmo, facilita a participación activa do alumnado no seu propio proceso de aprendizaxe e para aqueles estudantes que, por enfermidade non poden asistir a clase, permite estar en contacto co profesorado e supervisar os contidos que se van impartindo en cada sesión, así como participar co envío das tarefas.
Por outra banda, preténdese dar un maior alcance dos recursos educativos ás persoas interesadas en cursar os seus estudos a distancia -en especial as que se atopan en situación de desemprego-, debido a que van a poder acceder ao currículo sen custe algún.
Deste xeito, favorécese un espazo educativo no que tanto os docentes como o alumnado poidan desenvolver as súas actividades académicas.
Unidades didácticas de 1º de Bacharelato
Polo momento no repositorio do espazoAbalar están publicadas practicamente a totalidade das unidades didácticas que desenvolven o currículo completo de 1º de Bacharelato. Dito material utilízase na modalidade a distancia do Bacharelato impartido no IES San Clemente e na súa realización participaron docentes de diversos centros galegos coordinados pola Consellería e o devandito instituto.
Cada unidade didáctica está estruturada nos apartados de apuntes, exercicios documentais, exercicios de reforzo, comentario de texto ou dun mapa, e resumo. Están elaboradas en formato .PDF e integradas en bloques coa ferramenta de autor exelearning.
Así mesmo, na opción de descarga de cada tema está incluído un arquivo de extensión .ELP para poder editar cada paquete con esta ferramenta. Adicionalmente, pódese descargar un arquivo en formato .ZIP para restaurar o temario completo nun aula virtual Moodle.
Novas incorporacións ao repositorio
Nas próximas semanas vanse publicar no espazo Abalar todas as unidades didácticas das materiais correspondentes aos dous cursos de Bacharelato, un total de 37 materias.
Con estas incorporacións enriquécese o repositorio, que contará -coas novas incorporacións- con 1.900 contidos educativos dixitais realizados con distintas ferramentas de autor e baseados en distintas tecnoloxías, dos que 54 son para educación infantil, 845 de primaria, 460 de secundaria, 525 de bacharelato e 12 de Formación Profesional. As linguas nos que están dispoñibles son galego, castelán, inglés, francés, portugués, alemán e italiano.
Finalmente, cabe destacar a gran acollida entre a comunidade educativa que está a ter o repositorio, xa que desde que comezara a funcionar, en novembro de 2010, os usuarios do portal espazoAbalar teñen realizado 1.650.000 descargas, 150.000 delas no último mes.
Pódese acceder aos recursos de Bacharelato en:
http://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/espazos/recursos?ensinanza=2594