Que son?
Innova-Lab é unha iniciativa de innovación educativa desenvolvida desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional enmarcada dentro do Programa para o Impulso de Centros Referentes que persegue proporcionarlles aos centros educativos públicos unha estratexia de mellora da calidade do ensino.
Os destinatarios son EEI, CRA, CEP, CEIP, CEE, CPI, EPAPU e IES públicos de Galicia.
O programa poderá desenvolver como máximo dúas das liñas descritas a continuación, sendo unha delas obrigatoriamente a liña 1. Mat-Lab ou a 2. Leo-Lab.
1. Mat-Lab: O centro educativo como promotor do razoamento científico e do uso das novas tecnoloxías, con especial fincapé na competencia matemática
1.1. Descrición da modalidade
Esta modalidade busca fomentar o pensamento crítico e o razoamento científico, a creatividade e a resolución de problemas a través de proxectos interdisciplinarios e actividades prácticas para desenvolver especialmente a competencia matemática. Así, os e as estudantes teñen a oportunidade de traballar en proxectos colaborativos que aborden desafíos do mundo real, promovendo tanto a aprendizaxe teórica coma a súa aplicación práctica. Ademais, o proxecto Mat-Lab pon énfase o uso de tecnoloxías emerxentes e de ferramentas dixitais para mellorar a experiencia educativa e preparar os estudantes para un futuro nun mundo cada vez máis tecnolóxico e interconectado.
1.2. Obxectivos
-
Promover dinámicas para a mellora da competencia matemática do alumnado dende un punto de partida innovador e cun marcado carácter experimental a través de actividades, obradoiros, etc.
-
Desenvolver e aplicar a perspectiva e o razoamento matemático co fin de resolver problemas diversos en diferentes contextos.
-
Ofrecerlle ao alumnado metodoloxías didácticas diversificadas e activas para garantir o desenvolvemento máximo do seu potencial e a personalización da aprendizaxe nun mundo tecnolóxico e dixital.
-
Comprender o mundo utilizando os métodos científicos, o pensamento e representación matemática, a tecnoloxía, os métodos da enxeñaría e mais a reflexión humanística para transformar a contorna de forma comprometida, responsable e sostible.
2. Leo-Lab: O centro educativo como promotor da mellora da comprensión lectora da comunidade escolar.
2.1. Descrición da modalidade
A comprensión lectora é a competencia básica do alumnado, e a súa consecución debe ser unha das máximas prioridades do sistema educativo actual; polo tanto, resulta imprescindible recoñecer o papel da lectura como unha das portas de inclusión á vida social e cultural ás que todas as persoas deben acceder logo de teren superadas as diferentes etapas educativas. Leo-Lab procura impulsar unha serie de actuacións destinadas a favorecer máis e mellores experiencias de lectura para todas as persoas integrantes da comunidade escolar.
Así mesmo, búscase promover a evolución dos plans de lectura nos centros como recursos para a planificación de iniciativas a prol da lectura, da escritura e dos multialfabetismos en relación estreita coas áreas e materias do currículo escolar.
2.2. Obxectivos
-
Promover actividades innovadoras e integrar ferramentas tecnolóxicas para mellorar a comprensión lectora do alumnado.
-
Fomentar a investigación docente sobre a lectura como alfabetización múltiple e o traballo coa ficción dixital para identificar e aplicar as prácticas educativas máis efectivas.
-
Fomentar o tratamento da información a través do traballo con textos tanto de ficción coma de non ficción.
-
Involucrar a comunidade educativa na promoción da lectura, reforzando iniciativas para sectores menos predispostos e incentivando a participación das familias.
3. Inter-Lab: O centro educativo como promotor da competencia en comunicación lingüística, da competencia plurilingüe e da internacionalización do seu alumnado.
3.1. Descrición da modalidade
A competencia en comunicación lingüística é o fundamento para o pensamento propio e para a construción do coñecemento. Esta competencia iníciase coa lingua materna e compleméntase coa aprendizaxe doutras linguas ambientais e estranxeiras, sendo un medio de relación interpersoal e expresión de riqueza cultural. Por outra banda, tal e como recolle a Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030, “As mobilidades e intercambios de alumnado e de profesorado inciden directamente na mellora da súa competencia comunicativa, ao tempo que favorecen a internacionalización do sistema educativo.” Deste xeito, o incremento na oferta de mobilidades e intercambios semella unha vía de acadar esta mellora.
Esta modalidade trata de favorecer, por unha banda, o contacto dos centros educativos galegos con centros educativos de Europa, o que implica alumnado e profesorado e permite fomentar un maior interese por outras culturas e realidades; e, por outra banda, a promoción de actividades ou proxectos centrados no coñecemento e uso por parte do alumnado das distintas linguas, orais ou signadas.
3.2. Obxectivos
-
Promover proxectos que impliquen o alumnado nos que o emprego das linguas sexa o eixe principal, cunha duración mínima dun curso escolar. Priorizaranse aqueles proxectos que impliquen alumnado de diferentes niveis.
-
Favorecer iniciativas dos centros educativos no eido da internacionalización que lles ofrezan oportunidades tanto ao alumnado coma ao persoal docente para ampliaren o seu dominio lingüístico e o coñecemento doutras culturas.
-
Establecer redes de traballo internacionais que integren a Educación para o Desenvolvemento Sostible e a Cidadanía Mundial.
-
Favorecer os intercambios virtuais entre alumnado de distintos centros educativos galegos ou doutros países, cunha duración mínima dun curso escolar.
4. Sosti-Lab: O centro educativo comprometido cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
4.1. Descrición da modalidade
A transición ecolóxica constitúe un dos núcleos centrais da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e doutros organismos internacionais, tal como se recolle nos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 da ONU para os vindeiros anos. A transformación cara a unha economía sostible dende o punto de vista ambiental, circular e climaticamente neutra ten un carácter transversal, polo que depende do compromiso de todos os colectivos da sociedade. Neste sentido, débese garantir que todo o alumnado adquira os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para promover o desenvolvemento sostible e, paralelamente, fomentar a sensibilización, a concienciación e a educación de calidade, xa que son fundamentais de cara a formar unha cidadanía que participe activamente para afrontar o cambio climático e garantir un desenvolvemento sostible.
Esta modalidade consistirá nun conxunto de medidas organizativas e metodolóxicas ou de actividades deseñadas para que os centros educativos evolucionen cara a un funcionamento ambientalmente responsable e desenvolvan unha educación práctica para o desenvolvemento sostible, que impulse a concienciación e a adquisición de hábitos no alumnado, encamiñados a construír unha sociedade futura próspera, ambientalmente sostible e comprometida contra o cambio climático.
4.2. Obxectivos
-
Poñer en práctica conceptos educativos sobre desenvolvemento sostible e cambio climático, a fin de capacitar o alumnado para adquirir un comportamento ambientalmente responsable.
-
Familiarizar o alumnado coas fontes de enerxía sostibles e non contaminantes, imprescindibles para combater o cambio climático e que proporcionan beneficios de carácter económico e medioambiental.
-
Contribuír, dende os centros educativos, a lograr que as cidades, vilas e aldeas sexan espazos inclusivos, seguros, resilientes e sostibles, atendendo especialmente á calidade do aire e mais á xestión de residuos para intentar reducir o seu impacto negativo, minimizar posibles desastres e protexer o patrimonio cultural e natural.
-
Concienciar o alumnado sobre a necesidade de conservar e protexer os ecosistemas tanto mariños coma terrestres, reducindo a contaminación, restaurando os ecosistemas danados, evitando a perda de diversidade biolóxica ou promovendo unha xestión sostible dos recursos que nos proporcionan.
-
Fomentar o traballo en rede xunto a outras institucións ou centros educativos que estean a desenvolver proxectos centrados na sostibilidade e na educación contra o cambio climático, e que sexan referentes de boas prácticas neste eido.