Preguntas frecuentes
1. Que centros poden participar?
Só centros públicos dependentes desta consellería (EEI, CRA, CEIP, CEE, CEP, CPI, EPAPU e IES).
2. Cantas modalidades se poden incluír nun mesmo Plan de Mellora?
Ata un máximo de dúas, sendo obrigatoriamente unha delas 1. Mat-Lab ou 2. Leo-Lab.
3. Cando remata o prazo para presentar as solicitudes e o proxecto da convocatoria 2023/24?
O prazo rematará o 13 de novembro de 2024.
4. Como se solicita a participación?
Primeiro, a persoa responsable da dirección do centro deberá entrar na aplicación informática habilitada para tal fin introducindo as súas credenciais.
A continuación, no apartado "Aplicativo" deberá seleccionar a opción Programas de éxito educativo; no apartado "Convocatoria" seleccionará o curso correspondente (2024/2025), e no apartado "Programa" deberá premer Innova-Lab 2024/25. Finalmente premerá o botón SELECCIONAR.
Unha vez dentro do aplicativo deberá premer no apartado Detalles programa na columna da esquerda. Na parte inferior aparecerá a pestana laranxa SOLICITAR. Deberá premer nela e completar os datos básicos da solicitude. A continuación premerá a pestana laranxa CREAR, na parte inferior da páxina.
Creada a solicitude, seleccionará as modalidades nas que desexa participar. Debe recordar que, como máximo, o centro educativo soamente poderá participar en dúas modalidades, tendo que ser obrigatoriamente unha delas 1. Mat-Lab ou 2. Leo-Lab. Seleccionadas as modalidades, premerá GARDAR e posteriormente PRESENTAR.
A continuación premerá na columna da esquerda Listar solicitudes, e verá ao lado da solicitude creada o botón "Editar proxecto solicitude". Unha vez cubertos os apartados, premerá ENVIAR. Durante os períodos habilitados, deberá introducir o profesorado e o alumnado participante.
5. Onde se publicará a información da Resolución desta convocatoria?
Na sección de Anuncios do Portal Educativo e no sitio web de Innova-Lab.
6. Como se pode realizar unha reclamación?
Unha vez rematado o proceso de selección, a comisión fará pública a resolución provisional, que se publicará no Portal Educativo (http://www.edu.xunta.gal/portal/).
A publicación da resolución provisional abrirá un prazo de cinco días hábiles para efectuar reclamacións ou renuncias que deberán presentarse no enderezo electrónico programaseducativos@edu.xunta.es
Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e/ou renuncias, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa que resolverá a relación final dos proxectos seleccionados.
7. Como se pode renunciar despois de realizar unha solicitude?
As renuncias realizaranse a través dunha certificación da dirección do centro na que figure de xeito explícito a renuncia á concesión de Innova-Lab e, se é o caso, as causas que motivan esta renuncia. Deberán remitirse ao enderezo electrónico programaseducativos@edu.xunta.es
8. Quen elabora o proxecto en materia de innovación educativa que se vai desenvolver?
O equipo directivo.
9. Que duración ten o programa Innova-Lab?
O curso escolar para o que se convoca, isto é, 2024/25.
10. Ten algún tipo de recoñecemento a participación do profesorado participante no programa Innova-Lab?
Certificarase como actividade de innovación educativa (20 h) para o profesorado do centro que participe directamente no desenvolvemento das actuacións. Emitirase unha única certificación independentemente do número de modalidades nas que se participe e do rol que se desempeñe nelas.
11. Contarán os centros educativos con recursos extraordinarios para o desenvolvemento do programa?
Poderán contar con recursos económicos extraordinarios -gastos de funcionamento- para cada unha das modalidades concedidas en función das necesidades detectadas polo centro.
12. Xustificación dos recursos económicos recibidos para o curso 2024/25.
Os recursos económicos recibidos a través de Innova-Lab xustificaranse a través da aplicación XECOCENTROS. Os gastos deberán realizarse, preferentemente, durante o curso académico correspondente. No caso de que por distintas razóns isto non fose posible e se tivesen que realizar no primeiro trimestre do curso seguinte, as facturas resultantes deberán recoller o seguinte texto: “Gastos de funcionamento derivados da participación en Innova-Lab do curso __/__.”
13. Memoria das actuacións desenvolvidas no curso 2024/25.
Tras o remate do programa, os centros participantes deberán cubrir na aplicación informática a memoria das actuacións desenvolvidas ao abeiro do programa Innova-Lab, tal como establece a convocatoria no apartado 14.3. A memoria deberá incorporar (a través de ligazóns, imaxes ...) mostras do produto final acadado que permitan constatar o desenvolvemento axeitado do proxecto en materia de innovación educativa. Non será necesario enviar a memoria por ningún outro medio.