Guía de recursos: manual para o profesorado de FP
Na sociedade actual a acción titorial e a orientación convértense nun proceso de axuda imprescindible que se desenvolve mediante unha intervención continuada e técnica, coa implicación de axentes educativos, sociais e profesionais, e que conduce á necesidade do establecemento de accións específicas dirixidas á actualización continua da información e da formación que se lle poida proporcionar ao alumnado, á redución das desigualdades derivadas de condicionantes de sexo, lugar, orixe, etc., así como á promoción de accións de colaboración entre profesionais dos centros educativos e de ámbito laboral, por zonas educativas ou por comarcas.
O presente manual nace precisamente coa intención de facilitar e apoiar os profesionais dos centros educativos de FP no desenvolvemento das tarefas e das funcións propias da acción titorial e orientadora, co fin de contribuír á consecución polo alumnado das capacidades que a lexislación sinala para esta etapa educativa:
- Preparar o alumnado para a actividade nun campo profesional.
- Facilitar a súa adaptación ás modificacións laborais que poidan producirse ao longo da vida.
- Contribuír ao seu desenvolvemento persoal e ao exercicio dunha cidadanía democrática.
Neste senso, nos diferentes capítulos que integran o manual trátase de dar resposta a cuestións como as que seguen:
- Que novidades achega o novo marco normativo LOE?
- Que alumnado pode acceder aos ciclos formativos e que características pode presentar?
- Cales son as funcións que debe desenvolver o profesorado-titor desta etapa educativa?
- Con que recursos conta este profesorado para levar a termo tales funcións?
En definitiva, o obxectivo que se persegue é ordenar e estruturar a información recollida nas disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en relación co desenvolvemento dos ciclos formativos, dotando o profesionais implicados nel (nomeadamente o profesorado-titor) das ferramentas e dos recursos necesarios.
Guía de recursos para o profesorado de Formación Profesional
Nas seguintes ligazóns pódese acceder ao manual e aos seus correspondentes capítulos e modelos de fichas, cuestionarios ou impresos propostos no manual.